Construíndo coñecementos matemáticos desde a experimentación

As matemáticas que se constrúen. Exploramos e manipulamos para adquirir conceptos máis duradeiros e significativos
No noso labor diario atopámonos con moitos desafíos, como o de traballar a competencia matemática desde unha perspectiva máis práctica e significativa. Pola devandita razón, buscamos metodoloxías centradas na experimentación como medio para mellorar os resultados e alcanzar unha aprendizaxe máis competencial na materia. Este foi o motivo que nos impulsou a realizar un cambio nas nosas prácticas docentes.

Ana de la Fuente López
anadelafuente@edu.xunta.gal
CEIP Rosalía de Castro (Bóveda - Lugo)

 

 

Traballar a competencia matemática supón un desafío cada vez maior nas aulas actuais. A necesidade de abstracción que requiren moitos procesos e aprendizaxes ligados á devandita materia evidencia un reto no noso labor diario. As dificultades na resolución de problemas e na aplicación de procesos matemáticos poñen de manifesto a necesidade de mellorar os resultados na área e procurar metodoloxías menos memorísticas e teóricas que avancen cara a un enfoque máis práctico, significativo e inclusivo. Se analizamos os resultados das avaliacións externas e internas e nos apoiamos na normativa educativa vixente, o desenvolvemento competencial é esencial e imprescindible na sociedade actual e futura.

Por esta razón, nun pequeno centro rural, caracterizado por unidades mixtas e heteroxeneidade nos ritmos e particularidades do alumnado, xurdiu a necesidade de fomentar unha metodoloxía máis activa e motivadora para traballar a devandita destreza. As características das aulas mixtas e o interese do profesorado por coñecer técnicas máis innovadoras e experimentais foi o motor que impulsou a utilización de recursos máis creativos baseados na manipulación, co fin de facilitar unha aprendizaxe matemática moito máis significativa para o noso alumnado. Así, esta converteuse nunha ferramenta que cumpre o enfoque competencial que marca o sistema educativo galego.

As matemáticas parten de ideas e conceptos moi abstractos que, sen apoio visual e manipulativo, poden resultar moi complicados de entender, sobre todo na etapa da infancia. Por esta razón, a manipulación permítelle ao alumnado tocar, construír, explorar e pensar con máis claridade. Deste xeito, a aprendizaxe de matemáticas transfórmase en duradeira, significativa e motivadora, contribúe a crear no alumnado unha relación positiva coa materia e dá resposta ás demandas educativas do noso día a día.

Deseñamos e poñemos en práctica esta metodoloxía de maneira transversal e progresiva ao longo de toda a etapa de educación primaria empregando algunhas das sesións da materia de Matemáticas de cada docente para realizar tarefas sinxelas baseadas na manipulación. Non concibimos as devanditas actividades como reducidas ao ámbito matemático, senón que fomentamos que esta proposta se estenda fóra das sesións curriculares e pretendemos que o alumnado experimente e descubra tamén, nos recreos da biblioteca de maneira autónoma e espontánea, novos coñecementos ligados ao pensamento matemático, impulsando a conexión natural entre o xogo e esta ciencia.

Implicamos outras áreas como Educación Plástica e Visual ou Proxecto Competencial para proporcionarlle a óptica transversal que consideramos que ten. A través de conmemoracións como a Semana da Ciencia, na que organizamos concursos, exposicións de libros temáticos na biblioteca ou experimentos, o alumnado debe aplicar coñecementos científicos como a medición, a formulación de hipóteses e o tratamento da información para establecer conclusións, polo que non é unha práctica puntual, senón que se está a converter nunha cultura de traballo no ámbito científico do noso centro.

A introdución de materiais manipulativos como a roda Waldorf, a mesa de luz, os policubos ou recursos dos Polos Creativos como Korbo ou LEGO ofreceu a posibilidade de empregar dinámicas máis flexibles, cooperativas e inclusivas á hora de desenvolver o pensamento lóxico, adaptado ao ritmo de cada alumno e alumna. Mellórase así a atención á diversidade e á convivencia nas aulas, o que deu lugar ao fomento da curiosidade e do descubrimento de maneira natural. Esta iniciativa favorece a aprendizaxe entre iguais e dá lugar a unha dinámica de cooperación na que o alumnado maior apoia o máis cativo explicándolle e resolvéndolle dúbidas. Os máis pequenos imitan e gañan seguridade no proceso, polo que se produce un enriquecemento mutuo, o cal redunda na mellora significativa do clima e da convivencia das aulas.

 

 

Coa roda Waldorf traballamos e repasamos operacións matemáticas básicas (suma, resta, multiplicación e división) adaptadas a cada nivel educativo. Na mesa de luz, xogamos coa xeometría, co conteo e tamén con simetrías, o que permite unha observación e construción clara de figuras complexas.

Por outra banda, as estruturas realizas con Korbo ou LEGO impulsan o desenvolvemento cognitivo, a visión espacial e o pensamento crítico na resolución de problemas.

Outro elemento empregado son os policubos, materiais moi versátiles que ofrecen múltiples posibilidades no ámbito matemático como conteo, operacións básicas, construción de figuras, descomposición, fraccións ou estatística simple.

 

 

Co emprego de materiais sinxelos, podemos realizar actividades moi atractivas que esperten o interese do noso alumnado. Por exemplo, co uso da plastilina e uns simples pauíños de madeira podemos crear polígonos ou poliedros. En moitas ocasións, saber cantos lados e vértices ten unha pirámide non lles resulta nada doado, pero, se a construímos e a modelamos, a compresión do concepto é moito máis profunda.

 

 

A percepción por parte de alumnado foi moi positiva desde o inicio, xa que a introdución destes materias supuxo un factor de motivación significativo entre os discentes, o potencial das tarefas manipulativas é enorme, pero tamén revela con claridade os límites organizativos cos que nos atopamos a diario nas aulas.

Sen dúbida, a implantación desta proposta mostra unha evolución eficaz, xa que se converteu nun factor de enriquecemento no desenvolvemento da competencia matemática, pero tamén puxo de manifesto diversos obstáculos. Estas actividades requiren unha preparación e planificación previa de espazos e materiais máis profunda que, nun centro con pouco profesorado, sobrecarga o traballo dos educadores. A xestión do tempo é un dos maiores inconvenientes. Tamén, constatamos a necesidade de profundar en actividades matemáticas relacionadas co ámbito rural do noso alumnado, empregando a devandita ciencia no noso galiñeiro e horto escolar para así alcanzar unha aprendizaxe máis próxima á realidade do noso alumnado.

Podemos rematar dicindo que a experiencia foi positiva, xa que as matemáticas se converteron nunha disciplina máis viva e motivadora, mellorando o clima da aula e a calidade das aprendizaxes. Pola citada razón, esta experiencia abre unha liña de traballo que queremos manter, afondando na formación específica sobre o tema, optando por un PFPP baseado na robótica e programación durante o presente curso escolar para seguir traballando a proactividade e as habilidades STEAM do noso alumnado.

En definitiva, manipular é pensar con máis claridade, é crear unha aprendizaxe que estamos seguros de que perdurará na mente e nos corazóns do noso alumnado. Detrás de cada proposta hai docentes que poñen ilusión, esforzo e paixón por abrir novas portas ao pensamento matemático.

 

 

Sección: