Máis que construcións
Rocío González Betanzos
betanzos@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe de Castrelo (Cambados - Pontevedra)
Este artigo propón un percorrido por distintas actividades manipulativas con pezas de LEGO e outros materiais que permiten traballar conceptos matemáticos dun xeito vivencial, creativo e significativo nunha aula de sexto de educación infantil.
Na etapa de educación infantil, a aprendizaxe das matemáticas prodúcese a través de experiencias próximas á vida cotiá. A aula convértese nun espazo onde o alumnado pode manipular, explorar, comparar, construír, desmontar e volver empezar.
As mans son a súa ferramenta e os materiais manipulativos permiten construír as primeiras nocións sobre cantidade, lóxica, comparación, clasificación e seriación. Trátase de propoñer actividades abertas que fomenten o xogo, o razoamento e a creatividade.
Jusep Callís, Xulio Ferro e José Antonio Fernández Bravo coinciden nun punto esencial: o pensamento matemático constrúese coa acción, coa emoción e coa experimentación significativa.
A través dunha metodoloxía activa, búscase favorecer a comprensión das relacións causa-efecto, a realización de predicións e observacións, a resolución de problemas e a creación de representacións mentais e físicas.
A experimentación práctica con materiais concretos dá lugar a vínculos máis profundos e procesos de aprendizaxe máis fáciles de recordar.
Este proceso dividímolo en catro fases: conectar, construír, contemplar e continuar.
Conectar: nun primeiro momento, precisamos actividades que esperten a curiosidade dos nenos e nenas e activen os coñecementos que xa teñen ao tempo que os preparan para unha nova experiencia de aprendizaxe.
Construír: nesta fase, os nenos e nenas participan nunha actividade práctica de construción. Mentres as súas mans crean modelos de persoas, obxectos e ideas, as súas mentes organizan e almacenan información nova sobre esas creacións.
Contemplar: na fase de contemplar, o alumnado ten a oportunidade de reflexionar sobre o que fixo. Trataríase de achegar conclusións e reflexións sobre o produto final que obtivo e o procedemento seguido e, finalmente, sobre este procedemento seguido, continuar na aplicación destes novos coñecementos a novos desafíos, de forma que asimilen o aprendido e xeneralicen as súas aprendizaxes.
Nesta aprendizaxe o docente interpreta un papel fundamental como mediador, fomentando a colaboración, a comunicación, a creatividade e o pensamento crítico.
A continuación expóñense algunhas das actividades:
- Pato de LEGO: esta actividade consiste en construír un pato empregando seis pezas de LEGO. A través desta actividade promóvese a observación da diversidade de pensamento, e vese a cantidade de solucións posibles, case tantas como participantes. Na fase de construción, a conexión cerebro-man favorece a concentración e a atención sostida. Finalmente, mostramos o noso pato, o que permite reforzar a expresión oral e a comunicación.

- Memoriza a escultura: fórmanse equipos de 3-4 nenos/as. Por quendas, cada participante debe observar e memorizar a escultura agochada e trasladar a información aos seus compañeiros, indicarlles que pezas deben coller e en que posición colocalas para reproducir a escultura de maneira idéntica ao modelo oculto. Unha vez rematada a construción, o equipo representa de forma analítica o modelo nun padrón. Con esta actividade trabállanse as habilidades sociais, a comunicación, a cooperación e a representación tridimensional.

- Dar instrucións para reproducir o modelo exacto: por parellas, un dos integrantes constrúe unha pequena escultura e, a continuación, proporciónalle ao seu compañeiro as instrucións precisas sobre como a elaborou. O obxectivo final é conseguir que ambos realicen dúas construcións idénticas a partir da descrición verbal, reforzando así a comunicación clara, a precisión e a atención aos detalles.

- A torre máis alta: xogo de mesa que consiste en lanzar o dado e avanzar polo taboleiro, engadindo ou retirando as pezas que se indican en cada casa. Ao finalizar a partida, e de maneira consensuada, os nenos e nenas observan, comparan e deducen cal é a torre máis alta e por que, o que favorece o razoamento lóxico e a argumentación.

- Simetrías: en primeiro lugar, por parellas, sobre unha base, definimos un eixe de simetría empregando pezas de LEGO. Un dos integrantes inicia a construción dunha das metades do deseño, mentres que o seu compañeiro debe reproducila no lado contrario. Para profundar nesta actividade, pódense utilizar outros materiais que faciliten a comprensión do concepto de simetría, como un espello para reflectir a outra metade da figura. Ademais, proporciónanse imaxes simétricas e outras que non o son, co fin de observar e analizar as diferenzas.

- Dez na cabeza: xogo manipulativo e psicomotriz inspirado no conto Ten apples up on top, no que o alumnado debe conseguir manter sobre a cabeza dez mazás de feltro, favorecendo así o equilibrio, a atención e a coordinación corporal. Unha vez superado o reto, e situados a certa distancia, os nenos e nenas lanzan as mazás cara a unha cesta, intentando encestalas. Finalmente, realizamos un rexistro de mazás encestadas, o que permite traballar o reconto, a correspondencia un a un e a comparación de cantidades, que quedarán reflectidas nunha gráfica.

- Mates en movemento: experiencia competencial que integra o pensamento matemático coa lectoescritura e o traballo cooperativo. O alumnado de cinco anos atópase en distintos niveis de adquisición da lectura e da escritura. Para dar resposta a esta variedade de ritmos, establécense tres grupos segundo os coñecementos previos: escritores, lectores e buscadores. O material utilizado consiste en pezas de madeira con formas xeométricas de diferentes cores. O grupo de escritores é o encargado de redactar o nome correspondente a cada peza, exercitando así a relación entre palabra e obxecto. A continuación, o grupo de lectores recibe esas notas escritas e transmítenlle a información ao grupo de buscadores que deben localizar, entre unha variedade de pezas, aquelas que coinciden coa descrición proporcionada, poñendo en xogo a discriminación visual, a atención, o razoamento lóxico e a asociación palabra-imaxe. Esta actividade en cadea potencia a comunicación, a responsabilidade individual e colectiva e a comprensión da linguaxe. Ao tempo, converte o movemento e a manipulación en elementos centrais da aprendizaxe matemática, permitindo que cada neno e nena participe desde o seu nivel.

Para facilitar a comprensión destas experiencias educativas no noso centro, indícanse se a continuación unhas ligazóns ao blog do centro, O blog de Castrelix, que resumen algunhas destas ideas:
- https://ceipdecastrelo.wordpress.com/2019/05/21/mais-que-construcions/
- https://ceipdecastrelo.wordpress.com/2019/03/25/mates-en-movimento/





















