Romper as fichas: A formación do claustro como motor do cambio na didáctica matemática
Lucía Abad Sánchez
labasa@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Santa María do Castro (Boiro - A Coruña)
Introdución
Todo proceso educativo require dunha avaliación constante e, polo tanto, dunha reflexión sobre todos os aspectos que conforman o proceso de ensino-aprendizaxe. Foi nese proceso de reflexión cando, anos atrás, sendo titora de educación infantil no CEIP Santa María do Castro (Boiro), decidín que a forma que tiña de ensinar a lóxica matemática non ía en concordancia coa forma que o meu alumnado tiña de aprender. Sentía que a educación ía ao peso, a máis fichas máis traballo e, por conseguinte, máis aprendizaxe; era como se o meu traballo quedase «xustificado» polo volume de fichas que facía co alumnado. Erro.
Decateime de que tiña «abandonadas» as fases vivencial e manipulativa da aprendizaxe, que son as dúas fases máis importantes para o alumnado de infantil. Así que decidín mudar a miña forma de traballar, buscar información, formarme. Neste proceso atopei o movemento pedagóxico OAOA (outros algoritmos para as operacións aritméticas).
Este movemento é unha iniciativa global que busca renovar a ensinanza das matemáticas para facela máis accesible, máis respectuosa co procesamento cognitivo de cada alumno ou alumna. Céntrase no uso de materiais manipulativos, na substitución dos algoritmos tradicionais por outros máis sinxelos e intuitivos, e pola contextualización dos conceptos na vida real.
Como nos sumamos a este movemento
Unha vez implementei co meu alumnado esta forma de abordar as matemáticas, compartín co meu claustro os principios que defende este movemento pedagóxico e propuxen realizar unha formación para que alguén con experiencia neste puidese transmitirnos unha idea xeral.
Realizamos unha formación en liña con Marcos Marrero, unha das persoas máis activas na actualidade na difusión das matemáticas OAOA. Unha vez que todos os membros do claustro tiñamos a información do que defendía este movemento, tocou reflexionar sobre a forma que tiñamos de ensinar as matemáticas, sobre os obxectivos que queriamos acadar como docentes e se o camiño que estabamos percorrendo para o logro destes era o mellor para o noso alumnado. Todos tiñamos claro que a «proposta» nos parecía interesante, mais... estabamos dispostos a mudar a nosa forma de traballo? Eramos conscientes de que isto só se conseguiría con formación e compromiso, polo que propuxen liderar unha liña do PFPP (Plan de formación permanente do profesorado) durante varios anos para formarnos, co fin de poder implementalo no noso centro; a cambio solicitei o compromiso do claustro para formar parte do cambio. Teño que dicir que non atopei barreiras, xa que o 100 % do claustro apoiou o cambio e o 80 % sumouse á formación. O organigrama foi o seguinte:
- CURSO 2021/22. Realizamos o PFPP Matemáticas OAOA en Educación Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria (con Olga Teijeiro e Fernando Eijo).
Compramos materiais manipulativos e bibliografía, e creamos un banco de recursos para ter un apoio no noso traballo. Creamos unha aula específica no centro onde poder centralizar os recursos e os materiais.


O equipo directivo estableceu parellas pedagóxicas de forma que as persoas máis seguras nesta forma de ensinar as mates fixesen apoios nas aulas das persoas que menos fortes se sentían neste ámbito.
Implementación en educación infantil e primeiro e segundo de educación primaria.


- CURSO 2022/23. Realizamos o PFPP Matemáticas OAOA no Segundo Ciclo de Primaria (relatores, Fernando Eijo e Juan Sánchez). Por outra banda, cando a organización do centro así nolo permitía, convidamos a todo o profesorado dos centros de ensino de Boiro ao noso centro, para compartir experiencias e dialogar entre nós sobre as matemáticas e aprender e camiñar xuntos. Isto procuramos ir establecéndoo como norma curso tras curso.

Seguimos coa compra de material manipulativo e bibliografía, e co establecemento de parellas pedagóxicas. Realizamos unha formación para as familias, xa que elas son o outro piar que nos faltaba no proceso de ensino-aprendizaxe. A esta formación convidamos tamén a todas as persoas que traballan co noso alumnado fóra do colexio (mestras de clases particulares, voluntarias do programa de acompañamento escolar da Cruz Vermella etc.); parecíanos importante que todos os axentes que interviñamos co alumnado traballásemos na mesma liña.

No ámbito do claustro tomamos a decisión de que esta forma de ensinar as matemáticas xa formaba parte dos sinais de identidade do noso centro e, polo tanto, deberiamos incluílo no proxecto educativo.
Implementación en educación infantil e primeiro, segundo e terceiro de educación primaria. Tamén empezamos a realizar actividades puntuais noutros niveis de primaria.
- CURSO 2023/24. Realizamos o PFPP Matemáticas OAOA no Terceiro Ciclo de Primaria (con Marcos Marrero e Juan Sánchez). A novidade deste ano foi que decidimos facer comunidade con este movemento e, coa axuda da asesoría do CAFI, logramos darlles un pulo aos nosos intereses e desempeños en didáctica das matemáticas en todo Boiro. Persoalmente penso que foi un acerto o comunicármonos entre as direccións dos centros no ámbito local, xa que a partir dese curso escolar máis centros da zona se sumaron a pór o foco na mellora da didáctica das matemáticas. Entre todos os centros participantes elaboramos un documento de reflexión conxunto e de compromiso de implementación de aspectos básicos.


Por outra banda, no noso centro, continuamos coa compra de material e bibliografía, a elaboración de recursos, o establecemento de parellas pedagóxicas e a formación ás familias e outros axentes educativos.
Implementación en educación infantil e primeiro, segundo, terceiro e cuarto de educación primaria. Continuamos realizando actividades puntuais noutros niveis de primaria.
- CURSO 2024/25. Como o curso pasado xa remataramos a formación do profesorado en toda primaria, tocou reflexionar novamente sobre se considerabamos que estabamos o suficientemente formados ou queriamos seguir formándonos neste ámbito. Decidimos continuar, pois aínda non nos sentiamos plenamente seguros. O meu compromiso de coordinación do PFPP rematou coa formación no terceiro ciclo e unha compañeira, Sandra da Silva, colleu o relevo na coordinación. Decidimos organizar estas formacións por ámbitos de aprendizaxe e non por niveis educativos; así pois, realizamos o PFPP Capacidade e Xeometría (relator, Manuel Felpeto). Paralelamente continuamos coa compra de material e bibliografía, a elaboración de recursos, o establecemento de parellas pedagóxicas e a formación ás familias e outros axentes educativos.
Implementación en educación infantil e primeiro, segundo, terceiro, cuarto e quinto de educación primaria. En sexto de primaria tamén abordamos as matemáticas desde unha perspectiva OAOA, coa excepción dos algoritmos para as operacións, que continuaban sendo os tradicionais.
- CURSO 2025/26. Durante o presente curso escolar xa implementamos as matemáticas OAOA en todos os niveis educativos. Estamos inscritos no PFPP Estatística e Probabilidade (con Juan Sánchez). Polo demais, seguimos cos mesmos ingredientes: compra de material e bibliografía, creación de recursos, formación a outros axentes educativos, compartir con outros centros de ensino, parellas pedagóxicas... Cremos que son ingredientes imprescindibles para afianzar o cambio.
- CURSO 2026/27: continuará... Cremos que a formación do profesorado é o camiño para o cambio.
O resultado
A formación no movemento pedagóxico OAOA permitiunos reflexionar sobre diferentes aspectos relacionados co ensino-aprendizaxe das matemáticas e proporcionounos unha valiosa perspectiva sobre a ensinanza das operacións aritméticas nas nosas aulas. Puidemos afondar nas técnicas que constitúen un xeito de encarar o ensino das matemáticas fundamentado na reformulación dos métodos e na aprendizaxe desde e para a comprensión. Axudounos a perfeccionar habilidades profesionais e inspirounos un enfoque máis creativo e adaptativo no ensino das operacións aritméticas.
O gráfico que expoño a continuación reflicte os resultados da avaliación da competencia matemática en terceiro de EP (cursos 2018/19 e 2019/20) e cuarto de EP (do curso 2020/21 ata o 2024/25) no noso centro, así como os resultados obtidos nas avaliacións de diagnóstico das que temos datos.
Podemos ver que no curso 2022/23 reverte a liña descendente, coincidindo co inicio da implementación desta forma de traballo noutros niveis educativos e, polo tanto, no grupo obxecto de avaliación; e, tamén, neste curso pasado (2024/25) observamos que a gráfica volve descender.

Isto lévanos a seguir reflexionando e avaliando o propio proceso. Cales son as motivacións? Chegamos a dúas conclusións: por unha banda, está o desenvolvemento da propia avaliación de diagnóstico; e, pola outra, a atención á diversidade, que cremos que é a que máis peso ten, ao influír na avaliación do centro e na de diagnóstico.
A avaliación de diagnóstico é unha ferramenta que pode resultar de interese para os centros educativos como unha folla de ruta que nos permita ter unha perspectiva global do traballo. Porén, tense que seguir traballando en darlle unha perspectiva máis competencial, así como en facer reaxustes na aplicación co alumnado con NEAE.
Para exemplificar a perspectiva competencial, farei alusión a un exercicio da avaliación de diagnóstico 2024/25.

Esta pregunta aplica unha única forma pechada para resolver a fracción dun número: «multiplicar por el numerador y dividir entre el denominador». Este tipo de fórmulas aplicativas que carecen de razoamento supoñen todo o contrario do que implica ter competencia matemática. Se a pregunta rematase «Cómo calcularíais el peso de la parte roja?», deixariámoslle ao alumnado liberdade para empregar as estratexias que considere máis axeitadas segundo o seu proceso cognitivo. Por exemplo, calculando o peso dunha franxa (1/9), e multiplicando polo número de franxas que se queren calcular.
En canto aos reaxustes na aplicación co alumnado con NEAE, sería precisa unha maior intervención do profesorado no proceso de aplicación da proba para responder ás necesidades individuais de cada discente, aínda que as probas traen unhas adaptacións no formato (algunhas veces insuficientes).
Tamén podería ser de utilidade ampliar o tempo de realización das probas. En definitiva, cada alumno ten as súas propias dificultades e precisa un apoio individualizado, obxectivo real da atención á diversidade.
En canto ás avaliacións no noso centro, os cursos coas notas medias en matemáticas máis baixas son aqueles cun maior número de alumnado con NEAE. Partindo disto, e centrándonos na realidade do noso centro e nas necesidades concretas do noso alumnado, consideramos tamén reflexionar sobre a nosa competencia en atención á diversidade.
Nós somos parte do sistema, os que estamos no día a día co alumnado e, polo tanto, o primeiro elo da cadea que ten que lles dar resposta ás súas necesidades. Do mesmo xeito, a Administración debería tamén responder cos recursos humanos precisos para poder atender esta necesidade crecente no sistema educativo. Deste xeito, decidimos abrir outra liña de formación dentro do noso PFPP centrada na atención á diversidade, que está proposta para continuar no tempo, e que consideramos de esencial revisión de necesidades de partida en todos os centros educativos.
Conclusión
A dinámica adquirida no manexo destes novos métodos non só mellora o noso o enfoque como docentes, senón que tamén abre a porta a unha exploración máis profunda dos métodos pedagóxicos innovadores.
Chegamos á conclusión de que este movemento pedagóxico que invita a unha reflexión na didáctica das matemáticas é o camiño óptimo para que o alumnado adquira coñecementos matemáticos de forma significativa e útil, xa que constatamos que no alumnado contribuíu a:
- Mellorar o cálculo mental en todos os niveis, utilizando as propiedades numéricas.
- Motivar o alumnado ao utilizar novos algoritmos para facer cálculos, contribuíndo a que non lles resulte un traballo tan rutineiro.
- Dotar o alumnado de flexibilidade e creatividade matemática.
- Respectar o proceso cognitivo do alumnado, favorecendo a atención á diversidade.
- Abordar as matemáticas como una ferramenta útil, significativa e real (problemas reais contextualizados, uso de calculadora para operacións grandes, estimación…).
- Converter o alumnado en protagonista do seu propio proceso de aprendizaxe, fomentando o traballo autónomo (autocorreción) e o cooperativismo, así como o traballo científico (busca de hipóteses, padróns…), destacando o proceso sobre o resultado.
- Xerar pensamento crítico e reflexivo na aprendizaxe. O alumnado acostúmase a pensar e é capaz de xerar este pensamento crítico noutras áreas.
- Fomentar a comprensión profunda da materia e a súa funcionalidade.
Canto máis avanzamos na formación na didáctica das matemáticas máis conscientes somos das súas vantaxes para o proceso de ensino-aprendizaxe.
Toda esta reflexión e o cambio que supuxo no ámbito pedagóxico no centro non sería posible sen a formación do profesorado, sen o liderado do equipo directivo na organización e posta á disposición dos recursos necesarios, pero, sobre todo, sen o compromiso dos docentes que conformaron durante estes anos e conforman na actualidade o claustro do CEIPP Santa María do Castro, aos que lles estarei agradecida sempre.





















