Alén dos números: Formando mentes críticas
López Sanjorge, Andrea
andrealopezsanjorge@edu.xunta.gal
Losada Loureiro, Cristina
cristinalosadaloureiro@edu.xunta.gal
Pena Buján, Miguel
miguelpena@edu.xunta.gal
Valencia Rodríguez, María
mariavalencia@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña - Pontevedra)
Vémonos inmersos nun cambio xeracional cada vez máis veloz que implica novas formas de enfrontarse ao mundo.
No ámbito educativo temos a obriga de lle dar resposta a este cambio social atendendo ás necesidades e capacidades do alumnado desde unha nova perspectiva.
No CEIP Plurilingüe de Tirán encaramos a importancia desta realidade adoptando un cambio metodolóxico en todas as etapas que implicou unha reorganización didáctica e curricular, sempre atendendo á normativa vixente. O obxectivo era claro: acadar unha mellora das competencias do alumnado.
Dentro da perspectiva lexislativa, unha das competencias máis relevantes pola súa vinculación co día a día é a competencia matemática e, polo tanto, un foco de interese do profesorado para o cambio pactado.
A competencia matemática, tal como recolle o Decreto 155/2022, vai máis alá do cálculo: implica razoamento lóxico, resolución de problemas e capacidade para interpretar a realidade. Este enfoque foi clave para entender que a manipulación e a vivenciación debían converterse na base do traballo matemático no centro.
A experiencia e orientacións de persoas como Rosa Sensat, Cantance Camii, María Montessori, María Antonia Canals, Antonio Fernández Bravo, entre outros, serviunos de motivación para iniciar este proceso que sabiamos que non ía ser sinxelo.
Neste eido, creouse un plan de formación do profesorado xunto co Centro de Formación e Recursos de Vigo co obxectivo de elaborar unha liña de traballo común apoiada nas características do desenvolvemento do alumnado e as súas necesidades actuais. Este plan lévase desenvolvendo desde hai catro cursos académicos coa perspectiva de acadar un perfeccionamento do noso labor nesta área.
A información recibida ofreceunos, como docentes, unha nova perspectiva da que partir e a seguridade para poder implementar paso a paso un concepto das matemáticas apoiado na manipulación, centrado no cálculo mental e na resolución de problemas contextualizados.
O traballo grupal levou a importantes conversas e decisións a partir das cales xurdiron consensos imprescindibles para estruturar a metodoloxía nesta área.
Na etapa de educación infantil, tal como cita o Decreto 150/2022, o descubrimento e exploración da contorna é unha das áreas fundamentais, dentro da cal se encadra a lóxica matemática e a numeración. As docencias de Cristina Méndez sobre esta área favoreceron a súa estruturación teórica e práctica desde os primeiros anos.
A medida que se foron adquirindo coñecementos puxéronse en práctica actividades diversas.
O camiño da lóxica matemática en educación infantil
Unha das primeiras actividades que se levaron a cabo na aula foi a identificación dos atributos dos bloques lóxicos por medio da manipulación.

Como se pode observar na imaxe, colócanse os aros no chan xunto cunhas tarxetas dos atributos dos bloques lóxicos. Entrégaselle unha peza a cada neno ou nena e, identificando as características, teñen que colocarse fisicamente dentro do aro que corresponda.
Esta actividade permitiu que o alumnado adquirise vocabulario específico (tamaño, cor, forma, grosor), mellorase a clasificación por atributos e desenvolvese a capacidade de xustificar oralmente as súas eleccións.
Desbloqueando números en educación infantil.

Unha actividade significativa para o traballo da relación número-cantidade foi a que se observa na fotografía. O alumnado tiña que colocar debaixo de cada número a cantidade de pezas indicada. Con esta actividade preténdese consolidar a correspondencia un a un, o recoñecemento dos primeiros números e a comprensión da relación número-cantidade, bases fundamentais da numeración en educación infantil. A actividade permite diferentes niveis de aprendizaxe, a posible utilización de apoios visuais… en definitiva, estamos ante unha actividade multinivel.
O labor docente é o de guiar a aprendizaxe a partir de preguntas: Están todas? Hai máis pezas? Como o sabes?... Mentres, o alumnado convértese no protagonista do proceso manipulativo comprendendo os números como representacións de cantidades reais e manipulables.
Na educación primaria, a implementación das actividades segue os procesos da aprendizaxe matemática: vivenciación, manipulación, representación, simbolización e xeneralización.
A formación recibida por parte de Fernando Eijo e Pablo Seijas sobre esta área supuxo unha base moi importante sobre a cal sustentar as actividades que realizamos co alumnado na aula.
Debuxos que suman: As regretas
Un material manipulativo moi utilizado nas aulas son as regretas. Con elas o alumnado é quen de acadar unha abstracción matemática maior grazas á fase manipulativa, que lle permite crear unha imaxe mental do proceso realizado, sempre desde unha perspectiva individual.
O uso continuado das regretas favoreceu a comprensión da descomposición numérica e das relacións entre cantidades (dobres, metades, equivalencias), o que mellorou significativamente o cálculo mental sen necesidade de memorizar operacións.
O seu uso favorece a atención á diversidade da aula e serve de axuda ante dificultades habituais na comprensión matemática.

A actividade manipulativa que arriba se observa favorece o desenvolvemento do cálculo mental no alumnado de primaria. O procedemento da actividade é a elaboración dun debuxo con regretas para logo calcular o total do seu valor, utilizando todas as estratexias de cálculo mental traballadas na aula.
Representar para comprender
Na fase de representación, o alumnado deixa atrás a manipulación física para comezar a traducir as accións realizadas co material manipulativo en imaxes e esquemas propios. Esta etapa é esencial para favorecer a creación de modelos mentais estables, permitindo que cada neno e nena exprese visualmente o que comprendeu. A representación axuda a consolidar conceptos abstractos como a composición e descomposición de números, as relacións de equivalencia ou o sentido das operacións antes de introducir o símbolo matemático formal. Deste modo, a aprendizaxe convértese nun proceso progresivo no que o pensamento matemático se fai visible, compartible e verificable.
O salto ao simbólico
Atopámonos case na última fase da aprendizaxe matemática, na cal o alumnado adquire a capacidade de abstraer e representar de forma simbólica as accións matemáticas, utilizando os signos necesarios. Neste momento dos procesos matemáticos utilízanse algoritmos que axudan ao cálculo mental e á estimación de resultados na resolución de problemas contextualizados.

A primeira actividade reflicte o uso dos algoritmos no cálculo da suma, resta, multiplicación e división. Como se pode observar, a descomposición numérica está presente en todos os algoritmos, o que vén derivado dun dominio mental do número que anteriormente foi traballado coa manipulación e a representación gráfica.

A segunda actividade reflicte a simbolización e o cálculo mental a través da estimación con números grandes. Primeiro procédese a facer unha aproximación dos números, logo calcúlase mentalmente a operación, despois obsérvase a diferenza entre o estimado e o resultado exacto, e, por último, valórase se a aproximación realizada é por exceso ou por defecto respecto do resultado real. A estimación mellora a capacidade crítica do alumnado ante situacións reais de cálculo.
Os procesos matemáticos axudan a atender as necesidades das aulas. Supoñen seguir un proceso lóxico na aprendizaxe e permiten crear actividades con diferentes niveis de dificultade e adaptadas a cada realidade ou estado de abstracción matemática.
Reflexión sobre a práctica
A posta en práctica desta metodoloxía tivo moi boa acollida na educación infantil. Nesta etapa, o traballo manipulativo e vivencial xa era un eixe fundamental do proceso de aprendizaxe.
En canto á etapa de educación primaria, obsérvase unha maior predisposición por parte do alumnado de cara ao traballo, xa que supón unha continuidade metodolóxica con respecto á educación infantil. Ademais, a medida que o alumnado avanza nos cursos académicos, a súa competencia matemática acada resultados moi satisfactorios. Neste senso, a adquisición de conceptos clave da área vese favorecida polo traballo continuado e estruturado establecido desde os primeiros anos.
O feito de presentar as actividades de maneira ordenada e secuenciada facilitou tanto a ensinanza por parte do profesorado coma a aprendizaxe por parte do alumnado. Así mesmo, o alumnado con necesidades educativas viuse máis favorecido con esta práctica.
Entre as dificultades atopadas destacou a necesidade de reorganizar os tempos de aula para permitir momentos de manipulación máis longos, o cambio de algoritmos, a adaptación das actividades a todo o alumnado, así como o reto de unificar criterios entre ciclos. Non obstante, estas dificultades fóronse superando grazas ao traballo coordinado e ao apoio dos docentes do PFPP.
Valoración final
Consideramos que esta metodoloxía funciona de forma positiva, polo que hai un compromiso por parte do profesorado para implementala desde os cursos máis baixos e continuala nas dúas etapas educativas.
Obsérvase un aumento notable da autonomía na resolución de problemas por parte do alumnado e unha verbalización máis precisa dos procesos seguidos, o que evidencia unha comprensión máis profunda das matemáticas.
A pesar dos avances, seguimos tendo o reto de formar o profesorado que se incorpora cada curso e amosarlles a realidade creada como camiño que hai que seguir.
O centro comprometeuse a continuar afondando nesta liña, garantindo unha metodoloxía que se consolide como sinal de identidade e que permita que as matemáticas sexan unha nova habilidade coa que interpretar o mundo.





















