Pero… eu pensaba que isto era outra cousa!

No IES de Cacheiras, a estatística convértese nunha aventura científica real. No Taller de Estatística o alumnado investiga temas que lle importan, recolle datos, analiza resultados e defende as súas conclusións ante un xurado. Creatividade, método científico e divulgación únense nun proxecto que esperta curiosidade e mostra que a estatística é unha poderosa ferramenta para comprender —e transformar— a realidade.

Trinidad Pazos Celis
trinipazos@edu.xunta.gal
Ana María Rodríguez Sánchez
ana.maria.rodriguez@edu.xunta.gal
Olga Simón Cruz
osimon@edu.xunta.gal
IES de Cacheiras (Teo - A Coruña)

 

 

O ensino da estatística fóra da aula: Unha aproximación ao estudo científico real

Hai non tanto tempo, a palabra estatística aparecía moi pouco —ou nada— nos cursos de formación docente. Era habitual que os contidos estatísticos se relegasen ao final dos temarios e todos sabemos que o final do curso é terra de ninguén: excursións, exames, festivais... e a estatística quedaba sempre sen tempo. Por sorte, esta realidade comezou a cambiar. Os novos currículos déronlle un peso maior a esta disciplina e o profesorado, grazas á súa formación continua e á aposta por actualizar as súas competencias, xa dispón de ferramentas para mostrarlle ao alumnado a utilidade real da estatística no día a día.

No IES de Cacheiras levamos anos comprobando esta necesidade. En primeiro da ESO decidimos hai tempo comezar o curso cun bloque dedicado ás nocións básicas: gráficas, interpretación de datos, táboas de frecuencias… Pero axiña comprendemos que, por moito que reorganizásemos os contidos, a estatística precisaba algo máis: tempo, profundidade e, sobre todo, un profesorado preparado para ofrecer unha aproximación práctica que lle permitise ao alumnado conectar a teoría coa vida real.

O investimento na formación docente foi decisivo. Ademais da formación en estatística, o profesorado galego dispón de múltiples opcións para formarse no traballo por proxectos, o que lle permite deseñar propostas máis motivadoras e eficaces, nas que a estatística cobra sentido para o alumnado.

Esta combinación de actualización disciplinaria e metodolóxica —estatística e aprendizaxe baseada en proxectos— impulsou o profesorado a dar un salto cualitativo na aula. Foi así como naceu o Taller de Estatística, un espazo onde o alumnado investiga, formula preguntas, analiza datos e comunica resultados. Un espazo que, en definitiva, rompe coa idea tradicional de «facer exercicios» e coloca o pensamento científico no centro da aprendizaxe.

 

A sorpresa inicial: «Pero isto non era un taller de matemáticas?»

O alumnado chega ao taller pensando que se vai atopar con operacións, números e gráficos. E, por suposto, todo iso está presente, pero non é o máis importante. A verdadeira esencia da actividade consiste en comprender a estatística como ferramenta para interpretar o mundo.

Ao pouco de comezar descobren que o proceso é moito máis rico e complexo:

  • Hai que escoitar e consensuar temas.
  • Hai que investigar, ler e buscar fontes fiables.
  • Hai que formular hipóteses, deseñar experimentos ou cuestionarios.
  • Hai que analizar datos, equivocarse e rectificar.
  • Hai que redactar, explicar e defender conclusións.

E é entón cando aparece a frase que escoitamos cada ano: «Pero isto non era un obradoiro de matemáticas?».

Si, é matemáticas. Pero tamén é ciencia, comunicación, pensamento crítico, creatividade e traballo en equipo.

 

 

A semente científica: SGAPEIO e o Concurso Incubador

Desde o inicio decidimos que o taller debía ter un obxectivo concreto e motivador. Por iso traballamos seguindo as bases da Incubadora de Sondaxes e Experimentos, un concurso anual organizado pola SGAPEIO (Sociedade Galega de Estatística e Investigación Operativa). O formato encaixa á perfección coa filosofía do taller:

  • Equipos de ata cinco persoas.
  • Categorías por niveis educativos.
  • Tema libre pero rigoroso.
  • Elaboración dun estudo real.
  • Defensa oral diante dun xurado.

Se o proxecto é finalista, o equipo presenta o seu traballo nun acto público na Facultade de Matemáticas e, no caso de gañar, representa a Galicia na fase nacional.

 

 

Este horizonte dálle sentido ao proceso e proporciona unha motivación que transforma o clima de traballo: xa non se trata de facer tarefas para lle entregar ao profesorado, senón de crear coñecemento para compartilo fóra da aula.

 

Primeiro paso: Atraer o alumnado

Cada outono elaboramos un pequeno cartel publicitario para captar participantes. A actividade está aberta a todo o centro e, aínda que nunca é masiva, o grupo adoita ter o tamaño ideal para traballar de maneira dinámica e personalizada.

O alumnado que se inscribe vén por curiosidade, por recomendación doutros anos ou polo simple gusto de aprender algo diferente. A heteroxeneidade tamén é unha riqueza: conviven estudantes con perfís moi diversos, non é necesario ter moi boas notas na materia, só ganas de aprender.

 

Escollemos un tema… e aí comeza o verdadeiro desafío

As primeiras sesións adoitan ser as máis intensas. Escoller un tema é máis complicado do que parece. Debe cumprir varias condicións:

  • Ser orixinal e atractivo.
  • Ser abordable dentro das limitacións de tempo.
  • Permitir obter datos suficientes.
  • Encaixar co nivel curricular do equipo.
  • Ter interese estatístico real.

Ao longo dos anos vimos propostas fascinantes e, ás veces, incriblemente creativas:

  • Pode calcularse a área dunha figura usando sopa?
  • Como inflúe o medo nas decisións dun adolescente?
  • Canto sabemos realmente de política?
  • Somos fáciles de enganar?
  • Como se elixe o mellor candidato para un traballo?

Algunhas ideas caen polo camiño por inviables; outras, polas dificultades na recollida de datos; e algunhas acaban converténdose en proxectos premiados.

 

O plan para recoller datos: cuestionario, experimento ou fontes oficiais?

Unha vez decidido o tema, o seguinte paso é planificar como obter a información. Esta decisión dá pé a intensos debates:

  • Facemos un experimento?
  • Elaboramos unha enquisa?
  • Buscamos datos institucionais?
  • Necesitamos medir algo? Preguntar algo? Observar algo?

Esta fase é unha auténtica escola de método científico. O alumnado aprende que non todas as preguntas se poden responder igual, que un mal cuestionario dá datos inútiles e que un experimento debe estar deseñado con coidado para evitar nesgos.

 

 

A análise: Cando os datos falan (ou non tanto)

A parte matemática aparece aquí cunha forza especial. Utilizamos follas de cálculo para organizar a información e analizala:

  • Táboas de frecuencias
  • Gráficas de barras, sectores...
  • Táboas de continxencia
  • Medidas de centralización e dispersión
  • Comparacións entre grupos
  • Pequenas regresións ou contrastes (segundo nivel)

Pero todo isto con sentido: non se calcula nada «porque si». Cada operación encaixa nunha pregunta concreta do proxecto.

É frecuente que o estudantado descubra que os datos non confirman o que esperaban. E ese é un dos mellores momentos do taller: cando comprenden que a ciencia non busca demostrar o que pensamos, senón descubrir o que realmente sucede.

 

Divulgar: Unha memoria e unha defensa pública

Cando o proxecto está finalizado, chega a parte máis intensa: explicar o traballo.

Elaboran unha memoria na que detallan:

  • Obxectivos
  • Hipótese
  • Método
  • Análise estatística
  • Conclusións
  • Dificultades atopadas

E despois preparan unha exposición oral de dez minutos. Aprenden a sintetizar, a organizar ideas e a falar con seguridade.

A defensa é, para moitos, unha das mellores experiencias do curso: senten que o seu traballo é valorado e que son capaces de comunicar ciencia con rigor e claridade.

 

Premios que avalan un camiño

O IES de Cacheiras leva anos acadando recoñecementos tanto na fase autonómica coma na nacional:

  • Gañadores autonómicos nos cursos 2018/19, 2019/20, 2020/21, 2022/23, 2023/24 e 2024/25.
  • Primeiro Premio Nacional da SEIO en 2020/21 e 2022/23.
  • Premio AVATAR no curso 2024/25.

Estes premios avalan o traballo, pero non son o máis importante. O realmente valioso é o que o alumnado aprende ao longo do proceso.

 

O que queda: Curiosidade, pensamento crítico e unha nova mirada sobre o mundo

Cando remata cada edición, deixan de ser simplemente estudante que «fan estatística» e convértense en pequenos investigadores capaces de formular preguntas relevantes e buscar respostas fundamentadas.

Esa é, quizais, a maior vitoria do taller: mostrarlles que a estatística non é unha parte aburrida das matemáticas, senón unha ferramenta para comprender e mellorar o mundo no que viven.

  • Cada gráfico conta unha historia.
  • Cada media reflicte unha realidade.
  • Cada porcentaxe agacha un comportamento humano.
  • E eles aprenden a interpretalo.

Nada disto sería posible sen o compromiso dun profesorado que aposta por formarse, innovar e ofrecer experiencias de aprendizaxe conectadas coa realidade. Porque, cando a formación docente se transforma en práctica educativa significativa, o alumnado deixa de «facer estatística» para comezar a pensar coma quen investiga.

 

 

 

 

Sección: