50 anos de historia do CEIP Plurilingüe O Coto (Negreira)
Hai moitos moitos anos, os donos do pazo do Cotón doáronlle os terreos nos que está o noso centro ao Concello de Negreira. Querían que servisen para algo moi especial: un couto escolar, onde os nenos e nenas da vila puidesen aprender a traballar a terra e coñecer a natureza.

O couto escolar
Os coutos escolares naceron xa nos anos vinte do século pasado e eran algo moi moderno para aquel tempo. Servían para aprender ciencias naturais dun xeito diferente: observando, experimentando e colaborando. Tiñan tres obxectivos: aprender, traballar e compartir.
No couto escolar de Negreira, un alumno chamado Constantino González Ferro fixo un caderno cheo de debuxos, explicacións e experimentos. Contaba o que el e os seus compañeiros aprenderon no curso 1942/43.

Caderno de Constantino Gónzalez Ferro
Aquel caderno é unha pequena xoia, un exemplo de como se podía ensinar con poucos medios, pero con moita ilusión. Nel describía como sementaban trigo e centeo, como se podaban as árbores froiteiras e como coidaban o campo e os animais. Mesmo explicaba por que non se debe deixar que unha árbore medre sen control, e como o coidado e o traballo dan sempre os seus froitos.
É incrible pensar que naquela época había clases con máis de sesenta alumnos e só un profesor, e aínda así conseguían aprender tanto.
Hoxe, moitos anos despois, o noso colexio leva o nome O Coto e aquel lugar de aprendizaxe converteuse nun parque público, cheo de vida, con máis de medio cento de especies vexetais.
Antes da existencia do Colexio O Coto, a educación estaba repartida en diferentes unitarias situadas nas aldeas de Negreira: Escolas de Aro, Escola Mixta de Arzón, Escola Mixta de Bugallido, Escola Mixta de Campolongo, Escola Mixta de Cobas, Escola Mixta da Pena, Escolas de Liñaio, Escola Mixta de Alvite, Escola Mixta de Gonte, Escola Mixta de Landeira, Escola Mixta de Lueiro, Escola Mixta Rural e de Difícil Desempeño de Xallas (estaban incomunicados e eran os veciños os que tiñan que recoller e levar a mestra a cabalo e tiña que vivir na casa dun veciño), Escolas de Negreira e Escolas de Portor.
Os nosos emigrantes en América, coma os do resto de Galicia, foron todo un exemplo de solidariedade e compromiso coa terra e cos que aquí quedaban. Foron varias as sociedades creadas. Foi a Unión Barcalesa da Habana a que acadou maior importancia e, grazas a ela, en 1922 inaugurábase en Cobas a súa primeira escola, en 1926, a de Aro e en 1932, a de Seoane. A construción dos edificios corría a cargo das cotas achegadas polos asociados da Unión Barcalesa, creada en 1907 por emigrantes en América, Cuba e A Arxentina:
Queridos padres, hermanos, parientes y convecinos: Desde que, por la iniciativa de algunos paisanos nuestros, nos hemos constituido aquí en sociedad; desde que nos hallamos juntos cuantos hemos tenido la suerte de haber nacido en ese hermoso rincón de Galicia, fue nuestro deseo, y así lo ejecutamos, sacrificar mensualmente parte de nuestro modesto haber, a fin de crear y sostener escuelas en el Valle, que sirvan para que nuestros familiares y convecinos puedan en el porvenir, una vez educados, ser útiles para sí mismos y para los suyos, ahorrándoles de esa suerte contrariedades que llevan aparejadas consigo la falta de instrucción.
Almanaque galego para 1909 . A Habana . Pp. 143-145

Acto inaugural da Escola de Cobas con presentación do reitor da Universidade de Santiago

Escola de Aro. Aula de nenos
Destas escolas saían preparados para traballar na agricultura, nos diferentes oficios e profesións e algúns para continuar os seus estudos nas clases de bacharelato do xefe de Correos e Telégrafos, don Luis Gippini e de don Jesús Magariños. Uns poucos, das familias con máis recursos, continuaban cos estudos universitarios en Santiago de Compostela e para poderen acceder tiñan que ir examinarse ao Colexio de Noia.
Os datos do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes correspondentes ao ano 1908 recollen que Negreira e A Baña tiñan oito escolas en cada un dos concellos cando, segundo a Lei Moyano, lle correspondían 17 e 16, respectivamente, polo que cómpre sinalar o grande esforzo daqueles docentes para asumir tal cantidade de alumnado dentro das aulas e acadar bos resultados.
A creación do Colexio O Coto supuxo un cambio no ensino básico para os alumnos. De estar en unitarias de difícil desempeño, con aulas en malas condicións e centros de difícil acceso aos que chegaban logo de camiñar moitos quilómetros por camiños de monte sen luz, pasaron a estar nun centro graduado, con comedor escolar e servizo de transporte. O absentismo pasou de ser moi elevado, porque traballaban no fogar e en labores agrícolas, a dispoñer dun centro con condicións axeitadas para o acceso igualitario á ensinanza. O ensino básico chegaba ata os 14 anos e, unha vez que remataban, podían optar aos estudos de bacharelato unificado, unha evolución para o sistema educativo comarcal.

Primeira entrada do colexio presidida pola estatua de don Victoriano Fabeiro
Don Victoriano Fabeiro cedeu parte dos terreos da súa propiedade —que eran coñecidos na vila como A Robleda— para o couto escolar. Estes terreos ocupaban o que hoxe é o patio dianteiro. A primeira construción do centro estaba formada por seis unitarias ás que asistían os nenos dos arredores da vila (Campos, Vilachán, Negreiroa, Abeanca, Barquiña e Logrosa). O alumnado tiña entre seis e catorce anos e, por primeira vez, organizouse a ensinanza en Negreira en escolas graduadas, nas que os rapaces se repartían por idades. Había tres aulas de nenos e tres de nenas.

Primeira construción do centro (seis unitarias)
Arredor do ano 1975 foron reformándose ata derribarse as seis unitarias iniciais e construíuse o actual Colexio O Coto.
Comezou o uso regular do transporte escolar con 42 marquesiñas que puxo o Concello a maiores das que xa había. Isto facilitou que o alumnado das aldeas máis afastadas e de difícil acceso puidese chegar ás paradas a tempo e así asistir ao colexio de forma regular. A xornada era partida e os de máis lonxe facían uso do servizo de comedor, o que deu pé a que mellorase a alimentación e se reducise o absentismo —chegaron a ser máis de 1000 alumnos—. (Fonte: https://plazadocoton.blogspot.com)
Tan pronto como fomos coñecedores de que estamos de aniversario, o primeiro que fixemos foi buscar, xunto co Concello, a forma de representar o paso xeracional e que puidese ser visible para toda a comunidade educativa. Manuel Ángel Leis Míguez, o alcalde de Negreira, suxeriunos que fose Nana (Diana Rodeiro), unha recoñecida artista urbana galega que realiza murais feministas e imparteclase de pintura na vila, a que representase os nosos cincuenta anos de historia.

Mural no colexio
Alumnado, profesorado, ANPA, familias, conserxe, persoal non docente e toda a comunidade educativa comezou con moita ilusión a propoñer diferentes ideas, buscar fotografías e historias que foron cativando cada vez máis a cada un de nós. O noso colexio é o único centro da vila, así que mestres, pais, cociñeiros, conserxe, alcalde, persoal do Concello, veciñanza... foron antigos alumnos do centro e puideron contribuír coas súas historias e fotografías, o cal fixo que moitos se puidesen recoñecer en fotos da súa infancia que non sabían que existían.
A ANPA colaborou deseñando, pintando e colocando distintas pancartas informativas para anunciar o grande evento.

Chapas feitas pola ANPA e logo deseñado polo director do centro, Julio Sánchez Crespo
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, usando a nosa radio escolar, Radio Lola, e o noso podcast, Lola nas Ondas, decidiu implicar o alumnado e facelo partícipe do anuncio do noso aniversario. Deseñaron e gravaron un anuncio de radio que se emitiu desde a megafonía do centro e na radio local da vila; así mesmo, fixeron un segundo anuncio de agradecemento pola grande acollida que tivo o acto do 50.º aniversario.
Invitámosvos a escoitar os anuncios e entrevistas que fixo o noso alumnado compartindo lembranzas sobre os 50 anos de vida do noso centro na páxina web do colexio.
A Fundación de Discapacitados Psíquicos da comarca da Barcala fixeron de xeito artesanal un agasallo moi especial que temos pendurado das paredes do noso colexio: unha camiseta enmarcada que representa unha felicitación de 50.º aniversario do CEIP Plurilingüe O Coto.
Pola mañá, todo o alumnado xunto cos nenos e nenas da única escola unitaria que está en funcionamento hoxe en día, a Escola Unitaria de Aro, visitaron a exposición de fotografías variadas: as antigas unitarias, antigos mestres e mestras, alumnado… Tamén viron dous vídeos, un deles conta a historia do noso centro na que se reflicte o motivo de por que leva o seu nome e o outro é unha recompilación de fotografías das persoas que formaron parte do colexio. Todo isto podemos consultalo na páxina web do noso colexio.
Ao longo da mañá contamos co apoio e coa visita das distintas autoridades que nos acompañaron nesta xornada tan importante para a nosa escola e que lembraremos grazas ao noso mural e ás placas que colocamos en conmemoración deste día. Asistiron don Manuel Ángel Leis, alcalde de Negreira, dona Judith Fernández Novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a actual inspectora do centro, dona Verónica Martínez Delgado
Para rematar a festa, tivemos un concerto da Casa do Rock e, pola tarde, esta gran celebración estendeuse a toda a vila: antigos mestres e mestras, alumnos e alumnas… que nos acompañaron nesta gran xornada na que compartimos recordos, charlas, reencontros e unha chea de emocións que non esqueceremos. Contamos co grupo de pandeireteiras da vila formado por alumnas e antigas alumnas do centro e a actuación de Veiga do Cotón, o grupo local de folclore tradicional galego.
Gustaríanos darvos as grazas a todos e todas os que nos acompañastes neste día tan especial, no que o noso cole fixo 50 anos! 50 anos facendo historia.
Queremos darlles as grazas tamén a todos os compañeiros e compañeiras; a José Manuel López Tuñas, antigo mestre, alcalde e historiador da comarca, o cal cede gran cantidade de fotografías e información sobre a historia do centro; á ANPA Val da Barcala O Coto e ao Concello de Negreira. Toda a vosa axuda, apoio e ilusión compartida fixo posible este grande evento que, sen ningunha dúbida, foi un éxito e un día moi importante para todos nós.
Facer unha mención especial de don Pablo, que foi director do centro durante moitos anos; de dona Lucía, unha das mestras máis lonxevas que tivemos no centro e que, aos seus 93 anos, veu pasar a xornada con nós e reencontrouse con moitos dos seus antigos alumnos e alumnas. En nome de todo o equipo docente, grazas, de corazón, por celebrar este día con nós.
E aquí estamos nós, cincuenta anos despois, celebrando a historia, a escola e, sobre todo... o espírito de aprender entre todos!

Claustro actual do CEIP Pluringüe O Coto





















