Onde latexa a escola: a biblioteca como centro neurálxico.
Carolina Palomanes Martínez
CEIP O Castiñeiro
carolinapalomanes@edu.xunta.gal
Paula Godoy Romero
CEIP O Castiñeiro
pgodoy@edu.xunta.gal
CEIP O Castiñeiro
Juan Luis Rivero Gallego
CEIP O Castiñeiro
jlrivero@edu.xunta.gal
Nun tempo no que o rural galego segue enfrontándose ao despoboamento, ao envellecemento demográfico e á perda progresiva de servizos, existen certos espazos que, case en silencio, sosteñen a vida comunitaria. A miúdo trátase de centros educativos pequenos, situados en vilas ou parroquias afastadas dos grandes núcleos, escolas que non adoitan aparecer nos titulares pero que se manteñen como auténticos motores sociais. Dentro delas, hai un órgano que, cando funciona plenamente, transforma por completo o ecosistema que o rodea: a biblioteca escolar.
Este texto recolle o rexurdir da biblioteca dun centro rural galego. Un corazón que comezou a latexar con timidez, que sufriu pausas e silencios, e que máis tarde recuperou a forza ata converterse nun motor educativo, cultural e comunitario. A súa historia é, en boa medida, a historia de tantas escolas pequenas espalladas polo país, espazos que demostran que a innovación, a creatividade e a apertura ao mundo tamén poden agromar no rural e, sobre todo, que cando isto sucede, os efectos multiplican as posibilidades da educación.
Os primeiros latexos: a biblioteca que comezou a tomar forma
Como en tantos centros, a biblioteca naceu dun esforzo colectivo no que confluíron profesorado comprometido coa lectura, familias dispostas a colaborar e alumnado curioso por descubrir outros mundos máis alá da aula. A súa posta en marcha, no período 2010/11, supuxo unha revolución silenciosa que transformou a vida escolar.
Renováronse espazos e mobiliario, as novas tecnoloxías tomaron presenza, habilitáronse zonas acolledoras de lectura e comezaron a desenvolverse propostas que ían desde contacontos ata concursos literarios, obradoiros creativos e mesmo un blog dixital. A biblioteca converteuse así nun verdadeiro referente cultural para a vila e nun lugar de encontro no que a creatividade, a lectura e o diálogo atoparon novo terreo para medrar.

Actividades na biblioteca no 2011
Aquel foi o primeiro latexo do corazón da escola. Un latexo tímido, pero firme, que anunciaba que a biblioteca se consolidaría coma un órgano esencial para toda a comunidade educativa.
Un ritmo irregular: o tempo en que o corazón pareceu adormecer
Non todo foi unha traxectoria ascendente. Como sucede nos organismos vivos, houbo momentos de menor actividade, motivados por cambios no equipo docente, novas prioridades ou falta de tempo. A biblioteca non desapareceu, pero perdeu intensidade. O espazo seguía aberto, seguía presente, pero o seu papel na dinámica escolar reduciuse.
Esta situación non foi unha excepción. Moitas bibliotecas escolares dependen, en grande medida, do entusiasmo e implicación das persoas que as sosteñen. E cando ese afervoamento se dispersa, o ritmo baixa. Mais aquel período non representou un final se non unha pausa, un silencio previo ao rexurdimento.
O ano do renacemento
Durante o 202/021, produciuse un cambio no claustro e na dirección do CEIP O Castiñeiro que permitiu orientar novamente os esforzos cara á biblioteca. Aquel corazón, que permanecera latente pero débil, recuperou o pulso e comezou a latexar con intensidade.
Retomouse a planificación, o espazo foi transformado, os fondos foron renovados, creáronse novas dinámicas e reviviu a ilusión por converter a biblioteca nun auténtico núcleo da vida escolar. A paixón do profesorado contaxiouse aos rapazas e rapaces, e este ás familias, xerando un movemento común que transformou o centro.
A biblioteca volvía latexar... e facíao con máis forza ca nunca.
Por que a biblioteca é o corazón da escola?
Para comprender o seu papel, cómpre imaxinar o centro como un organismo vivo. As aulas son o cerebro, onde se procesan ideas e se constrúe o pensamento crítico. Os patios e zonas comúns son os pulmóns: espazos onde as cativas e cativos respiran, socializan e renovan enerxías. Os proxectos conforman o sistema circulatorio, transportando aprendizaxes e experiencias dun lugar a outro. O profesorado actúa como musculatura, impulsando accións, acompañando procesos e sostendo o movemento. E o alumnado, auténticas células vivas, dán sentido ao organismo escolar.
Mais para que todo isto funcione, é necesario un corazón que bombee ideas, ritmo e impulso. Ese órgano é a biblioteca: un espazo que vai moito máis alá da acumulación de libros. É un laboratorio de aprendizaxe, un lugar de encontro, un territorio de descubrimento e creación que nutre todo o sistema.

Biblioteca do raposo Fachón, do CEIP O Castiñeiro
O espazo da biblioteca: o noso corazón
Contamos cun espazo amplo, duns 100 m², deseñado e pensado tendo en conta as orientacións do modelo de bibliotecas escolares plasmado no documento marco de referencia das bibliotecas escolares, concibido como un centro dinámico de aprendizaxe, creación e acceso á información. Tamén se renovou en base ás novas achegas da neurociencia e pondo a súa potencialidade coma se dun terceiro educador se tratase. A decoración con cores suaves e neutros, a tarima, os mobles funcionais á altura das cativas e cativos e as grandes ventás que permiten a entrada da luz natural, son compoñentes claves que dan lugar a un ambiente cálido e tranquilo que invita ás pequenas e pequenos a entrar sen présa e a desfrutar non só da lectura; tamén a explorar, a investigar, a crear e a xogar.
Con este espazo, reformado na etapa 2024/25, grazas á entrada no PLAMBE e á colaboración das familias, quixemos simbolizar a unión da identidade pedagóxica do centro educativo coa contorna natural que rodea a vila. Por iso o espazo da biblioteca está organizado en diferentes recunchos que levan por nome elementos naturais que nos rodean, coma se dun bosque se tratase. É o noso propio ecosistema de aprendizaxe, que axuda á contextualización de cada zona dándolle funcionalidade e orienta ás nenas e nenos a desenvolver diferentes tipos de aprendizaxe e actividades.

Mapa da biblioteca reformada representando un bosque coas diferentes zonas
Neste gran corazón que é a nosa biblioteca, habita un bosque no que cada espazo cumpre unha función propia e, ao mesmo tempo, axuda a comprender e clasificar os libros a través da CDU. Para orientarnos, contamos cun mapa que nos guía e nos permite explorar lugares como:
- A cabana do bibliotecario: lugar para a xestión e a organización da biblioteca, os préstamos de libros e o deseño de actividades.
- Panel informativo: os avisos, as noticias e as recomendacións lectoras nacen neste lugar para que sigamos explorando.
- Aldea de familias: recuncho pensado para esa unión familia-escola con libros que nos axudan a crecer xuntos.
- A lareira: lugar para pensar, falar e compartir ideas e reflexións.
- Miradoiro: un alto onde observar, investigar e crear. Mesas nas que poden convivir libros, tabletas e portátiles para grandes descubrimentos.
- Serra dos contos infinitos: historias que esperan para seren descubertas xa sexa en forma de narrativa, poesía, teatro ou cómic.
- Refuxio da brisa: espazo de calma, que conta cun sofá, para deixarse levar polas páxinas dos libros.
- Penedo da información: localizamos aquí enciclopedias, dicionarios, revistas e diversos materiais de consulta.
- Fraga do castiñeiro: o lugar que alberga aqueles documentos e libros que nos axudan a comprender o mundo natural, as matemáticas e a vida que nos rodea.
- Botica da meiga: lugar de maxia, experimentación, robótica e tecnoloxía, onde o alumnado pode deseñar e inventar.
- Monte de nubes de tinta: territorio inexplorado para poder crear contos, debuxos, cartas, cómics ou simplemente deixar voar a imaxinación.
- Tribo dos creadores: é o lugar onde agocharse para buscar aventuras coa lectura.
- Observatorio: un espazo onde proxectar e expoñer os traballos, os vídeos e poder compartir todas as ideas e experiencias... un lugar onde se mostra o aprendido e o logrado.
- Lagoa da cultura: onde a arte, os xogos e os deportes conviven e esperan a ser explorados.
- O bosque dos enigmas: zona que invita a aprender a pensar, a cooperar e resolver retos a través dos xogos de mesa e dos crebacabezas.
- Sendeiro da historia: camiños que nos levan a comprender diferentes culturas, o pasado e biografías de mulleres e homes relevantes.
A finalidade desta organización pretende que cada nena e neno poida moverse con liberdade, explorar seguindo o seu propio ritmo e elixindo o lugar que lles resulte máis cómodo
A musculatura que sostén as actividades: a organización do equipo
Ao tratarse dun centro pequeno, todo o profesorado forma parte do equipo de biblioteca. Esta estrutura horizontal permite que cada docente contribúa ás propostas e que a biblioteca sexa un proxecto compartido. Para manter unha organización eficaz emprégase:
- Un documento guía, que define obxectivos, tarefas, reparto de actividades e avaliación.
- Un calendario mensual, que permite a distribución equilibrada das propostas.
- Reunións semanais, onde se avalía o realizado e se planifica o seguinte.
A biblioteca, eixe dinamizador das actividades da escola
A biblioteca como corazón pedagóxico, é un espazo vivo que impulsa aprendizaxes, creatividade e participación. Todos estes cambios a nivel conceptual e organizativo convertérona no auténtico centro neurálxico das actividades, un lugar onde o saber se constrúe e se comparte. Ademais de ofrecer un ambiente acolledor, a biblioteca asumiu un papel vertebrador na vida escolar. Hoxe funciona como plataforma de proxectos, laboratorio de ideas e punto de encontro para toda a comunidade educativa.
Entón, como late a nosa biblioteca? Cada latido é unha idea, unha actividade que impulsa a seguir crecendo e aprendendo. A continuación detallamos algunhas propostas integradas na dinámica do centro e que nos acompañan e acompañaron durante estes anos. Así mesmo, podedes visualizar estas iniciativas e outras na seguinte ligazón .
Proxecto Documental Integrado (PDI)
A introdución do traballo por proxectos a nivel de centro supuxo unha transformación profunda. Os PDI converten a biblioteca nun auténtico centro de investigación, onde o estudantado: busca e selecciona información, contrastan fontes, organizan datos, formulan hipóteses, presentan conclusións e produtos finais. Este proceso reforza competencias clave como a autonomía, o pensamento crítico, a comunicación e a alfabetización informacional.
Con esta iniciativa non só queremos involucrar ao alumnado, se non facer participe as familias invitándoas a aportar e colaborar en todo aquilo que consideren oportuno. Desta forma en outubro enviamos información sobre o proxecto a través de diferentes canles (tríptico, infografía a través de Abalar...) no cal especificamos todo o necesario sobre a iniciativa e como poden cooperar.
O ano pasado levamos a cabo o proxecto Contos que cobran vida, centrado na temática proposta pola Asesoría: Biblioteca escolar, a escena! Neste curso escolar, o noso PDI está enfocado nos incendios forestais e leva por título Latexo Verde. O verán de 2025 resultou especialmente devastador na nosa zona, xerando un clima de medo, impotencia e preocupación. Por mor desta situación crece nas cativas e cativos a necesidade de comprender e reflexionar sobre a problemática da queima forestal, polo que consideramos oportuno desenvolver este proxecto que permitirá ás nenas e nenos coñecer de primeira man todo o relacionado con este fenómeno e, ao mesmo tempo, abrir a porta á investigación da flora e fauna autóctona. Esta iniciativa, pretende converterse nun eixe de aprendizaxe que impulse unha maior conciencia ambiental e contribúa a protexer e mellorar o futuro dos montes de Laza.

Mochilas viaxeiras do PDI Contos que Cobran Vida
Mochilas viaxeiras
Coa finalidade de involucrar as familias, organizamos estas bolsas con diversos materiais relacionándoas coa temática do PDI, como libros, xogos de mesa, manualidades e proposta de diferentes actividades. Deste modo conseguimos que familia e cativada desfruten e aprendan á vez que comparten tempo e experiencias enriquecedoras.
Alumnado voluntario
Este curso, contamos cun equipo de pupilas e pupilos que colaboran na xestión da biblioteca, apoiando a organización de fondos, préstamo, catalogación sinxela e dinamización de actividades. Esta participación fomenta a responsabilidade e o sentido de pertenza.
Club de lectura
O alumnado lector, coordinados por un mestre, reúnense periodicamente para compartir impresións, debater, realizar distintas actividades e fomentar o hábito lector nun ambiente distendido e enriquecedor. Estes encontros convértense nun espazo de intercambio e aprendizaxe no que cada participante achega a súa voz e as súas inquedanzas. Así, créase comunidade, fortalécese o diálogo e estímase o gusto pola literatura, favorecendo que a lectura se viva como unha experiencia colectiva, agradable e significativa.
Hora de Ler
Cada día reservamos un tempo para mergullarnos na lectura, xa sexa de maneira individual ou en grupo. Neste espazo organízanse actividades tan significativas como o apadriñamento lector, no que as nenas e nenos maiores acompañan e guían ás máis pequenas e pequenos fortalecendo vínculos e creando momentos de aprendizaxe compartida.
Os mércores teñen un carácter especial: todo o centro se reúne na biblioteca para manter viva a tradición oral mediante sesións de contacontos ou lecturas dinamizadas polo alumnado, polo profesorado ou polas familias voluntarias. Estes encontros transfórmanse nun momento máxico que favorece a concentración, a escoita activa e o respecto cara os demais, ao mesmo tempo que alimenta o pracer pola lectura e pola comunicación.
Actividades culturais
Conmemoracións, exposicións temáticas, encontros con autoras e autores, obradoiros creativos, visitas ao teatro… A biblioteca é un verdadeiro axente dinamizador da vida cultural do centro.
No 2025 puxemos en marcha, con motivo do Día do Libro, o I Tecendo Historias, un encontro pensado para reunir nenas e nenos, nais, pais e veciñanza. O obxectivo é crear un espazo no que compartir momentos de lectura e experiencias arredor dos libros, fortalecendo así a comunidade educativa e cultural.

I Tecendo Historias, encontro de lectura na praza do Concello.
Mes da Ciencia en Galego nas biblioteca
Unha da datas que sempre abordamos é o Mes da Ciencia en Galego. No ano anterior investigamos sobre o mundo da astroloxía, concretamente as constelacións. Para culminar o traballo, coseron diferentes constelacións niveladas por dificultade. Os máis maiores ademais de realizar tarefas de costura, construíron un pequeno circuíto no que dúas lámpadas LED —que formaban parte da constelación— tiñan que acenderse.
Formación de persoas usuarias
Ensinamos as persoas usuarias a utilizar a biblioteca de maneira autónoma: como buscar libros, como funciona a CDU, como localizar información fiable e como aproveitar os recursos dixitais. Unha das actividades que máis éxito tivo foi a de coñecer a biblioteca a través da súa representación nun mapa, establecendo, como xa indicamos con anterioridade, un paralelismo co bosque. As nenas e nenos tiñan que asignarlle o nome correspondente a cada zona e, posteriormente, realizar un pequeno tour pola biblioteca para comprobar se acertaran. Desta forma ían coñecendo cada recuncho, o material que albergaba e a súa relación coa CDU.
Sesión xogos de mesa
Partindo da premisa de que o xogo é o motor natural da aprendizaxe, capaz de impulsar a curiosidade, a motivación e a construción significativa do coñecemento, consideramos fundamental contar cunha sección específica destes recursos dentro da biblioteca. Estes materiais convértense nun recurso pedagóxico de grande valor, pois permiten que o alumnado explore, experimente, colabore e resolva problemas de maneira lúdica, natural e estimulante.
Para dar vida a esta proposta, o profesorado que acode á biblioteca co seu grupo recibe a indicación de convidar ás rapazas e rapaces a xogar, integrando este material como parte da experiencia lectora e educativa. Ademais, unha vez ao mes —ou ao trimestre, segundo as necesidades organizativas—realizamos unha sesión especial de xogos de mesa. Nela, as nenas e nenos teñen a oportunidade de desfrutar dun tempo diferente, aprender estratexias, poñer en práctica habilidades sociais e compartir momentos de convivencia nun ambiente lúdico, seguro e enriquecedor.
Voces vivas
Unha das iniciativas máis significativas que estamos a desenvolver son encontros organizados cada mes co alumnado. Estes encontros son faladoiros onde, todo o centro, se reúne na biblioteca para abordar diferentes temas, analizar o funcionamento das actividades cotiás e debater sobre cuestións que afectan ao día a día da comunidade educativa. Trátase dun momento no que os escolares, dende o máis pequeno ata o máis maior, poden expresar a súa opinión, compartir ideas e formular propostas sentíndose escoitados, respectados e valorados.
Esta reunión convértese así nunha oportunidade única para traballar habilidades fundamentais: aprender a comunicar o que se pensa con claridade, saber escoitar os demais, respectar quendas de palabra, argumentar, chegar a acordos e entender que todas as voces teñen un valor real na construción da vida común. A participación activa nestes encontros reforza a autoestima do alumnado, faino consciente de que forman parte da toma de decisións do centro e axúdao a desenvolver unha actitude crítica e responsable.
Para nós, a biblioteca non é só un lugar para ler e investigar; é tamén un espazo democrático de diálogo, reflexión, cohesión e convivencia. Un lugar onde cada persoa conta, onde as ideas medran e onde se constrúe comunidade a través da palabra compartida.
O funcionamento do sistema circulatorio: A biblioteca conectada con outros proxectos e espazos
Parte do traballo que realizamos non sería posible sen a contribución doutros equipos e programas que axudan a consolidar a idea de que este espazo é, realmente, o núcleo do centro. Ao longo dos últimos anos participamos activamente no proxecto Innova-Lab, nas modalidades de Leolab e Sostilab, iniciativas que nos permiten definir obxectivos claros e desenvolver actividades estreitamente ligadas ás propostas da biblioteca.
Así mesmo, xa Hai tempo que estamos integrados no PIE (Programa de inclusión educativa), que reforza a biblioteca como un espazo de igualdade e inclusión. Este programa non só atende as necesidades académicas das cativas e cativos, senón que vai máis aló, abordando cuestións fundamentais para o seu desenvolvemento persoal e emocional.
Tamén colaboramos de maneira continuada cos Proxecta+, seleccionando en cada curso aqueles proxectos que mellor se axustan ás necesidades da biblioteca e que contribúen a acadar os obxectivos marcados. Neste período escolar, por exemplo, participamos nas iniciativas Vida Activa e Saudable, Mulleres na Ciencia e Monte Vivo que enlaza directamente co PDI Latexo Verde.
Ademais, a nosa biblioteca tamén conecta cun espazo complementario: o laboratorio da radio escolar. Trátase dun lugar que comezamos a construír hai xa catro anos, empregando fondos propios do centro. Grazas ao traballo constante do alumnado e do profesorado, e ao feito de que fósemos gañadores do VII Concurso de Podcast de Radio Escolar co podcast O noso son, hoxe podemos seguir investindo neste espazo para melloralo, acondicionalo e adaptalo ás necesidades reais do centro. Así mesmo, logo de tanto esforzo e tras a incorporación ao PLAMBE, fomos seleccionados para formar parte do programa Radio na Biblio, un recoñecemento que consolida o noso compromiso coa innovación educativa e coa dinamización da biblioteca.
Neste lugar gravamos contos, achegamos a nosa opinión sobre diferentes temáticas, facemos entrevistas a todas aquelas persoas que nos visitan, entre outras.

Espazo para o deseño e a creación na biblioteca
Nesta liña, cómpre destacar que, malia actualmente moitos dos recursos creativos estaren integrados na propia biblioteca e contarmos cun espazo destinado a este tipo de traballos, aspiramos a ampliar estes horizontes. A nosa intención é crear un taller, un lugar aberto no que a cativada poida manipular, experimentar, coser, cortar, innovar, programar e darlles forma ás súas ideas. Un espazo dinámico, conectado coa biblioteca, pero que ao mesmo tempo lles permita liberdade de movemento e exploración, favorecendo unha aprendizaxe activa e creativa. Grazas á recente incorporación ao programa Biblioteca Creativa, estamos sentando as bases para facer deses soños una realidade, dotando o centro e o alumnado de todos aqueles recursos e espazos oportunos para aprender e traballar con base no ámbito creativo.
Sen esquecer a conexión coas diferentes aulas e, non menos importantes, cos corredoiros e zonas comúns, prevemos para este curso un investimento destinado a crear espazos de conexión e desconexión a través da lectura. Trátase de habilitar pequenos recunchos que inviten ao descanso, á calma e ao encontro co libro, enriquecendo así a experiencia lectora en todo o centro.
Valor dunha biblioteca nun centro rural
Para nós, o valor da biblioteca nun centro rural vai moito máis alá do estritamente pedagóxico. Este espazo convértese nun verdadeiro lugar de oportunidades que democratiza o acceso á cultura e abre portas.
A biblioteca fomenta a cohesión social, implicando a comunidade educativa e tamén o contorno máis próximo; combate o illamento propio dalgunhas zonas rurais, conectándonos co mundo; pon en valor o noso territorio, reforzando a identidade e o sentimento de pertenza; e, ademais, humaniza a escola, ofrecendo un equilibrio necesario entre tecnoloxía, encontro humano e benestar.
O futuro: Un corazón que segue latexando
O renacer da nosa biblioteca non é unha moda nin un proxecto puntual, senón unha iniciativa sólida, con visión e liñas claras de crecemento. Entre as nosas metas destacan ampliar e actualizar os fondos, aumentar a implicación das familias, crear novos espazos flexibles de lectura, poñer en marcha o taller creativo, integrar a tecnoloxía de forma equilibrada e significativa, aplicar metodoloxías activas e impulsar proxectos interdisciplinarios que unan ciencia, arte e literatura.
O obxectivo non é só ter unha biblioteca activa, senón converter o centro enteiro nun organismo vivo, dinámico e conectado.
A historia desta biblioteca rural demostra que a transformación educativa non sempre chega a través de grandes reformas nin de investimentos extraordinarios. Ás veces nace da vontade e da colaboración compartida.





















