O libro de non ficción na biblioteca escolar

Protagonista (ou aliado) no traballo coa información
O Sobreiral das Palabras”, a biblioteca do IES Valadares, convértese nun espazo vivo de aprendizaxe, onde os libros de non ficción son protagonistas (ou aliados) na busca, selección e tratamento da información. Cada tarefa e cada reto informativo axuda a desenvolver a competencia informacional, a curiosidade e o pensamento crítico, mentres o alumnado descobre que cada libro é un convite para aprender.

Alejandra López Pérez
alejandralopezperez@edu.xunta.gal
IES Valadares (Vigo)

 

 

A biblioteca do IES Valadares, en Vigo (Pontevedra), xurde entre sobreiras e follas, rodeada de natureza. Como unha árbore, foi plantada con moito agarimo e foi medrando con solidez baixo o coidado e a paixón dun equipo de profesoras e profesores que creron que unha biblioteca non só era un espazo para prestar libros, senón un lugar de acougo, de intercambio; un espazo para escribir, falar, escoitar, aprender e crear. Día a día, conseguiron que emerxese a nosa biblioteca, O Sobreiral das palabras.

 

 

Neste bosque de sobreiras, os libros de non ficción van cobrando protagonismo; por iso, cabe destacar a importancia dunha boa selección da colección. A adquisición de novos exemplares está motivada pola necesidade de mellorar as seccións da biblioteca, contribuír ao desenvolvemento do currículo das diferentes materias e fomentar os procesos de busca e selección de información a partir de formatos impresos.

Cando pensamos en incorporar un novo libro á nosa biblioteca escolar, cómpre prestarlles atención ao contido, á calidade do texto e das ilustracións, e a que a información sexa accesible, tendo en conta as necesidades e os intereses do noso alumnado. Ademais, lembramos que hai un libro para cada lector e que, moitas veces, os libros máis visuais e atractivos poden funcionar como un reclamo para captar novos lectores, o que favorece o hábito lector e a curiosidade por aprender. Outros máis especializados permiten profundar e ampliar os coñecementos do noso alumnado, e posibilitan que siga aprendendo.

 

 

Mais, mergullados entre libros e palabras, é fácil perder o norte; o difícil é atopar o noso camiño polo libro de non ficción. Neste punto, a biblioteca e o profesorado deben convertirse en compás e dirixir unha viaxe pola información, porque para chegar ao noso destino hai moitos camiños; porén, o importante non é só chegar, senón gozar do percorrido e de cada unha das paradas que os libros nos suxiren. Deste xeito, a biblioteca e os exemplares que conforman a súa colección serán os nosos aliados, e o profesorado, o necesario mediador entre os libros e o alumnado.


Hoxe en día, a biblioteca do IES Valadares abre as súas portas cada mañá para lles dar sentido e forma a diferentes proxectos educativos baseados no uso do libro de non ficción, apostando polo desenvolvemento da competencia informacional do noso alumnado e poñendo o foco en formar lectores críticos capaces de lles facer fronte aos desafíos informativos da sociedade do século XXI. Como o fixemos?


Primeiros pasos

A necesidade de conseguir unha colección equilibrada seguindo as recomendacións da IFLA —60 % dos fondos de non ficción e 40 % de ficción— impulsou unha reflexión sobre o papel destes materiais na aprendizaxe. Para acadar este obxectivo, contouse cun investimento económico, posible grazas ás partidas ordinarias e extraordinarias que permitiron ampliar e actualizar a colección de libros de non ficción. Agora ben, adquirir novos fondos non é un fin en si mesmo: é imprescindible integralos no proceso de ensino e aprendizaxe, de maneira que se convertan en recursos activos que contribúan á mellora das competencias informacionais, lectoras e críticas do alumnado.

Coa colección en crecemento, xurdiu unha nova pregunta: como iamos traballar a información co noso alumnado. A partir de aquí, durante o curso 2020/21 decidimos adentrarnos neste tema a través dun grupo de traballo de profesoras que levou o título de Traballando coa Información. Este grupo naceu pola necesidade de afondar no proceso de traballo coa información onde o libro de non ficción sería o protagonista.

En primeiro lugar, reflexionamos sobre o modelo das tres fases de Gloria Durban: busca, tratamento e comunicación. Estas tres fases pretenden o desenvolvemento da competencia informacional, definida como «o desenvolvemento das capacidades que mobilizan coñecementos, habilidades e actitudes vencelladas co uso da información nos procedementos de busca, tratamento e comunicación». A partir deste contexto teórico, establecemos un esquema sinxelo e claro que serviría de modelo para o traballo coa información desde diferentes materias, conseguindo unificar os criterios de selección, busca e tratamento da información.

En segundo lugar, neste sitio web “Traballando coa información” , recompilamos todo o material dividido nos seguintes apartados:

- Explicación das diferentes fases a través dunha infografía.

- Busca de información en soportes físicos e dixitais.

- Tratamento da información a través do desenvolvemento da lectura comprensiva e interpretativa.

- Comunicación do coñecemento: neste apartado achegamos pautas para a realización de traballos escritos, presentacións orais e dixitais, creación de podcasts, tendo en conta o uso ético e responsable da información mediante o uso das licenzas Creative Commons e a inclusión tanto de citas como de bibliografía.

 

Propostas de traballo co libro de non ficción

Unha vez que se sentaron as bases de como traballar a información, tiñamos que dar un pasiño máis e comezar a lanzar diferentes propostas didácticas. Contabamos cos ingredientes: un espazo para aprender a traballar coa información, unha colección equilibrada, variada e inclusiva, e un grupo de profesoras formadas na realización de tarefas integradas, que estaban dispostas a traballar de xeito interdisciplinario nas materias de Lingua Castelá e Literatura, Matemáticas e Xeografía e Historia en primeiro da ESO.

Desde este traballo por tarefas, no que se integran contidos curriculares das tres materias, o libro de non ficción foi facéndose un oco ata converterse nun ingrediente indispensable nas nosas situacións de aprendizaxe. Integrar o libro de non ficción estivo motivado por dúas razóns: cada vez atopabamos maiores dificultades para localizar información fiable en fontes dixitais e decatámonos tamén de que o alumnado amosaba máis dificultades nas tarefas de lectura, identificación de ideas principais e secundarias, e elaboración de resumos ou esquemas. Por todo isto, achegar os contidos a través do libro de non ficción supoñía unha boa estratexia para traballar a lectura comprensiva e interpretativa, reforzar as habilidades de tratamento da información e garantir o acceso a fontes sólidas e veraces. Os libros convertéronse así nun aliado fundamental para abordar os contidos curriculares dun modo máis profundo, seguro e significativo.

A partir de aquí xurdiron tarefas como «Influencers verdes», na que os nosos alumnos e alumnas se converteron en auténticos expertos da natureza e da biodiversidade, aprendendo a través dos libros os perigos da contaminación e transmitindo os seus coñecementos coma se fosen tiktokers, o que lles proporcionou unha aprendizaxe significativa.

Tamén cabe mencionar outras tarefas como «As primeiras», unha proposta que, partindo do estudo das primeiras civilizacións de Mesopotamia e Exipto, propiciou o pano de fondo perfecto para xogar coa información e coa xeometría. Neste caso, o alumnado elaborou un lapbook recompilando e transformando todos os coñecementos adquiridos, un material que hoxe en día forma parte da nosa colección.

 

Unha cita co libro de non ficción na biblioteca escolar

Nesta andaina entre libros e palabras chegou o momento de dar un paso máis alá na nosa aventura co libro de non ficción e lanzármonos a crear unha proposta didáctica desde a biblioteca escolar. Antes de deseñar esta actividade, tivemos a oportunidade de recibir formación relacionada co tema. Foi unha oportunidade para aprender que nos achegou novas perspectivas e posibilidades sobre como integrar o libro de non ficción como recurso educativo e como ferramenta vertebradora da biblioteca escolar. Grazas a este impulso formativo, decidimos elaborar unha actividade co libro de non ficción para implementala nas horas de titoría co alumnado de cuarto da ESO.

Os obxectivos da nosa proposta foron:

- Promover o uso do libro de non ficción como ferramenta didáctica.

- Dar a coñecer a potencialidade do libro de non ficción.

- Adquirir estratexias para traballar contidos das diferentes materias de forma significativa e crítica.

- Aprender a buscar e seleccionar información fiable en soportes físicos.

- Fomentar o tratamento da información e a creación de coñecemento.

 

A posta a punto: o noso lema “Libros fóra”

O primeiro paso foi analizar a nosa colección cunha dobre intención: revisar a funcionalidade e idoneidade dos fondos da biblioteca e seleccionar diferentes temáticas, creando deste xeito posibles itinerarios de traballo. Unha vez escollidas as fontes, as diferentes temáticas foron xurdindo naturalmente.

A partir desta selección temática, o noso obxectivo foi crear unha proposta didáctica baseada nun conxunto de preguntas que o alumnado tiña que resolver facendo uso da información contida nos diferentes libros. Organizados en equipos, elaboramos as preguntas xunto cunha folla de traballo dirixida, onde o alumnado debía recoller as súas respostas de cada tema para realizar un produto final, seguindo novamente o modelo das tres fases: busca, tratamento e difusión.

 

Elaboración

Neste intre xurdiu unha pregunta clave: cal sería o fío condutor. Tras reflexionar, escollemos a palabra «convite». Segundo a RAG, «convite» significa ‘banquete que se fai para persoas convidadas para festexar algo’ ou ‘comida que reúne a varias persoas con motivo dun acontecemento como unha festa, un casamento…’. A partir desta palabra, definimos o noso fío condutor: presentariámoslle a actividade ao alumnado como se dunha festa ou dun casamento se tratase.

Para este convite tiñamos xa preparado o alimento: os libros. En cada parada colocamos cada lote de libros e preparamos o menú para esta festa tan especial:

- Os entrantes: busca e selección de información. Nesta fase, o alumnado debía delimitar o tema da súa investigación e coñecer os libros. Todos os exemplares seleccionados contiñan información relevante para acadar o reto, excepto un deles, o libro intruso, que servía para traballar a  selección de información.

- O prato principal: tratamento da información. Nesta etapa, facendo uso dos libros, tiñan que resolver os diferentes retos de busca de información. Cada reto comezaba cunha pequena historia para contextualizar o tema; a partir de aí, o alumnado debía bucear de forma autónoma nos libros, empregando estratexias de busca para atopar a información. Cada reto incluía preguntas niveladas para que todos e todas puidesen participar.

- A sobremesa: comunicación do coñecemento.Unha vez recabada a información, elaboraron o produto final: un póster ou cartel coas aprendizaxes adquiridas ao longo da sesión.

 


Xunto co menú, preparamos a cartelería das mesas e a distribución dos comensais. Como nun casamento, organizamos ao alumnado en mesas de catro ou cinco integrantes. Antes de comezar a festa, descubrían con quen compartirían o banquete e cal sería o seu menú de degustación. Na nosa carta tiñamos sete menús diferentes, todos acompañados de libros de non ficción:

1. Facer unha viaxe polas “Augas galegas en movemento”.

2. Coñecer as “Árbores científicas e literarias de Galicia”.

3. Percorrer os ceos coas nosas “Aves”.

4. Descubrir as “Cores do universo”.

5. Facer unha expedición histórica con “Marco Polo”.

6. Reflexionar sobre a invasión dos “Plásticos nas nosas vidas”.

7. Iniciar unha ruta polas constelacións da man de “Perseo e as estrelas”.

 

 

 


Implementación

O alumnado foi recibido polo equipo da biblioteca coas portas pechadas, démoslle a benvida e explicámoslle que ía vivir unha xornada de degustación de libros: todas e todos estaban invitados ao convite informativo do Sobreiral das Palabras. Antes de descubrir o reto, tiñan que localizar a súa mesa e grupo. Ao entrar, facendo uso da cartelería, descubrían o seu grupo e buscaban o seu posto de traballo, sinalizado con carteis. Unha vez que sentaron, foron descubrindo os libros e resolvendo os diferentes retos de cada menú. Como punto final, facendo uso do material manipulativo do espazo creativo, elaboraron o seu produto final de xeito creativo. Todos os grupos conseguiron acadar o reto e colgaron os seus pósters ou carteis na biblioteca para compartilos co resto de compañeiros e compañeiras.

 

As sensacións do profesorado acompañante durante a implementación foron moi boas: os alumnos e alumnas non só atopaban a información, senón que tamén colaboraban entre eles, implicando a todas e todos no reto. Tras a actividade, realizamos unha coavaliación entre alumnado e profesorado mediante unha enquisa para valorar a experiencia. Os resultados foron moi satisfactorios, xa que o alumnado valorou positivamente o noso convite informativo e isto deixounos un bo sabor de boca.

Para coñecer máis en profundidade esta proposta, creamos un sitio web, chamado “Convite informativo”, onde se recollen todos os recursos empregados


O fin da viaxe?

Entre sobreiras e follas, no IES Valadares continuamos traballando co libro de non ficción, un percorrido que comezou desde a reflexión teórica e seguiu coa creación de experiencias significativas para o alumnado. Hoxe en día, o Sobreiral é un espazo de acougo e aprendizaxe, os libros son o alimento da curiosidade, e o profesorado, o compás que orienta cada paso.

As tarefas, retos e convites informativos deseñados demostraron que, para aprender a xogar coa información e desenvolver a competencia informacional, non abonda con ter recursos: hai que vivila, compartila e gozar do proceso.

Deste xeito, pechamos o círculo: comezamos esta viaxe entre sobreiras, libros e palabras, e agora volvemos a ese mesmo bosque, pero con camiños xa explorados, novos horizontes por descubrir e a certeza de que a biblioteca segue sendo un espazo vivo, capaz de inspirar, guiar e acompañar a todos aqueles que se animen a percorrer os seus sendeiros, porque, en definitiva, cada libro de non ficción aberto no Sobreiral das Palabras é un aliado para seguir aprendendo.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

DURBAN ROCA, Gloria, CID PROLONGO, Ana e GARCÍA GUERRERO, José (2012). Programas para el desarrollo de la competencia informacional articulados desde la biblioteca escolar. Sevilla: Consejería de Educación. Junta de Andalucía. [Consulta: 20 de novembro de 2025] Dispoñible aquí

 

Sección: