Liberdade, igualdade, diversidade e inclusión

Unha achega didáctica en lingua francesa
Liberté, égalité, diversité et inclusion é un recurso dixital para a práctica da comprensión, a mediación e a produción orais e escritas da lingua francesa a partir de cinco unidades didácticas que presentan a vida e a obra de persoas francófonas con diversidade funcional, e que son exemplos de inclusión nos seus ámbitos sociais e profesionais.

Santiago Lopo. EOI de Pontevedra
María Lopo. IES de Sar (Santiago de Compostela - A Coruña)

 

 

A diversidade nas aulas e nos materiais didácticos

Unha educación inclusiva precisa de materiais didácticos que introduzan a diversidade funcional con exemplos reais, transversalmente, en todas as áreas do saber, porque na nosa sociedade, coma nas nosas comunidades educativas, conviven persoas con e sen diversidade funcional. Tan só no coñecemento, no recoñecemento e na comprensión mutuas é posible acadar un pleno desenvolvemento persoal e socioacadémico.

O noso recurso propón traballar a área de coñecemento da lingua francesa a partir do descubrimento da vida e da obra de persoas francófonas con diversidade funcional, e que poden resultar figuras inspiradoras para o conxunto do noso alumnado. Esta perspectiva enriquécese coa transversalidade dun protagonismo feminino (sete mulleres e cinco homes), que promove a coeducación, xunto á formación lingüística intercultural. Asemade, a diversidade xeográfica e cultural destas persoas, representantes da francofonía, permítenos descubrir as súas rexións e países de orixe, e insistir na integración e na acollida de persoas doutras procedencias.

 

Descrición do recurso

Liberté, égalité, diversité et inclusion é un recurso dixital deseñado para a súa utilización en cuarto da ESO na materia de Segunda Lingua Estranxeira - Francés. Os seus materiais didácticos poden, así mesmo, utilizarse como material complementario en seccións bilingües de francés de materias de cuarto da ESO correspondentes ás diversas áreas de coñecemento que nel se abordan.

Estes materiais organízanse en cinco unidades didácticas que permiten practicar a comprensión, a mediación e a produción orais e escritas da lingua francesa a partir da vida e da obra de persoas con diversidade funcional que son referencias recoñecidas no seus ámbitos vitais e profesionais. Cada unidade estudará dúas destas figuras, unha de xeito máis guiado e outra máis orientado a unha autoaprendizaxe progresiva; os coñecementos relativos ás dúas personalidades tratadas traballaranse nas diferentes actividades. O noso enfoque é, por suposto, comunicativo e comprometido coa sensibilización nos valores de superación persoal, igualdade e liberdade que estas persoas encarnan:

1. Louis Braille, pedagogo, inventor e músico francés, creador do sistema de lectura e escritura para invidentes que leva o seu nome.

Amadou e Mariam, dúo musical orixinario de Malí. Coñecéronse no instituto para mocidade cega de Malí.

2. Suzanne Lavaud, militante polos dereitos das persoas con diversidade funcional auditiva, foi a primeira muller xorda francesa en obter un doutoramento universitario.

MélanieDeaf, pseudónimo de Mélanie Lemaistre, recoñecida youtubeira e profesora de lingua de signos francesa. Nas súas canles ensina a lingua de signos e conciencia a sociedade sobre a diversidade funcional auditiva.

3. Michel Petrucciani, pianista e compositor de jazz francés de sona universal con osteoxénese imperfecta conxénita.

As irmás Najat, Laila e Hayat El Garaa, deportistas marroquís de elite con acondroplasia. Medallistas nos Xogos Paralímpicos e nos Xogos da Francofonía.

4. Éléonore Laloux, escritora francesa e portavoz do colectivo Les Amis d'Éléonore. Defende a causa das persoas con síndrome de Down e loita contra a súa estigmatización.

Pascal Duquenne, actor belga con síndrome de Down. Premio á mellor interpretación masculina no Festival de Cannes.

5. Julie Dachez, doutora en psicoloxía social, conferenciante e militante francesa polos dereitos das persoas autistas. Autora de La Différence invisible e Dans ta bulle!

Josef Schovanec, filósofo e escritor francés de orixe checa. É conferenciante TED e militante pola dignidade das persoas autistas.

Nestas cinco unidades didácticas, as actividades de léxico, os xogos e os exercicios de comprensión oral e escrita permiten a súa realización e avaliación autónoma por parte do alumnado, por medio de cuestionarios de autocorrección. Adicionalmente, os exercicios de produción e mediación oral e escrita poden ser guiados polo profesorado, a partir do vocabulario, imaxes e estruturas discursivas propostas na unidade.

Os vídeos e as audicións, da mesma maneira ca os textos escritos, están adaptados aos contidos correspondentes ao nivel de lingua francesa de cuarto da ESO. As unidades inclúen a transcrición das audicións e o subtitulado dos vídeos, de creación propia. As imaxes incluídas pretenden enriquecer os contidos lingüísticos e culturais das unidades. As actividades propostas para os vídeos de produción allea, e que serven para afondar  nos coñecementos, están igualmente adaptadas ao nivel de cuarto da ESO.

 

 

Obxectivos

O desenvolvemento educativo e persoal do alumnado, así como a súa preparación para o exercicio dos dereitos humanos e dunha cidadanía activa e democrática, son principios fundamentais da educación secundaria obrigatoria. É posible traballar, de xeito integral, os obxectivos da materia de Segunda Lingua Estranxeira a partir de materiais curriculares dixitais que promovan, sempre en positivo e dun xeito transversal, a igualdade de dereitos e oportunidades, que valoren e respecten as diferenzas, e que rexeiten estereotipos discriminatorios e todo tipo de violencia. Liberté, egalité, diversité et inclusion afonda nos seguintes enfoques recollidos no texto da LOMLOE: os dereitos da infancia, a igualdade de xénero, a inclusión educativa, o desenvolvemento sostible, a cooperación entre iguais e o cambio dixital.

 

Contidos

Os contidos traballados teñen como referente os correspondentes á materia optativa de Segunda Lingua Estranxeira - Francés no curso de cuarto da ESO e pertencen aos tres bloques de contidos previstos: comunicación, plurilingüismo e reflexión sobre a aprendizaxe e a interculturalidade. Para acceder a unha listaxe detallada destes, así como á súa secuenciación, pode consultarse a ligazón ao recurso.

 

Competencias

Tivemos moi presente que o alumnado de cuarto da ESO que curse a materia de Francés como Segunda Lingua Estranxeira xa parte dunhas competencias adquiridas e que se pretende que siga progresando en madurez lingüística e social para ampliar as marxes da súa competencia plurilingüe e pluricultural, aspecto fundamental na súa formación integral ao remate desta etapa educativa obrigatoria. A achega intercultural, igualitaria, coeducativa e inclusiva da nosa temática pretende reforzar a autoestima e contribuír á preparación do alumnado no actual contexto de globalización.

En consecuencia, as competencias centrais e traballadas con máis intensidade no proxecto son a plurilingüe, a comunicación lingüística, a conciencia e expresión culturais e a cidadá. As características do material dixital deseñado, o propio soporte e as ferramentas utilizadas supoñen que as seguintes competencias en importancia mobilizadas sexan a persoal, social e de aprender a aprender, e, por suposto, a dixital. A selección e utilización de estratexias diversas na resolución de problemas, a análise crítica e as propostas de melloras éticas e sostibles na nosa contorna, unidas indisolublemente ás personalidades inspiradoras que articulan este proxecto, introducen asemade as competencias matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñería, así como a emprendedora.

 

Metodoloxía de aplicación na aula e atención á diversidade

Un recurso creado a partir da diversidade ten que ser, por suposto, especialmente sensible ás medidas de atención á diversidade na súa aplicación práctica na aula. O proxecto deseñouse tendo en conta as directrices do artigo 21 do Decreto 156/2022 sobre a atención á diversidade, e moi especialmente as liñas de actuación na área da lingua estranxeira. Tamén se incluíron no seu deseño as liñas de actuación incluídas nas «Orientacións pedagóxicas» da Segunda Lingua Estranxeira, especialmente a flexibilidade en roles e agrupamentos, a coexistencia de tarefas orientadas ao desenvolvemento comunicativo e cognitivo ou a convivencia entre actividades memorísticas e gramaticais e actividades comunicativas.

Esta óptica de aprendizaxes integradas no deseño das unidades e das actividades favorece traballar con fluidez. Así, os materiais permiten a súa adaptación a diferentes ritmos de aprendizaxe e dinámicas grupais nunha mesma aula, así como a selección ou afondamento de contidos, se estes fosen necesarios. Esta flexibilización é fundamental para lograr a inclusión do alumnado con diversidade funcional (audición, visión, motricidade), con trastornos de atención ou de aprendizaxe, ou con altas capacidades.

A metodoloxía activa e participativa privilexia unha aprendizaxe significativa, funcional e lúdica, sempre cun enfoque de contidos comunicativo e intercultural. Os materiais didácticos dixitais textuais, sonoros e audiovisuais están orientados á adquisición progresiva das ferramentas de autoaprendizaxe, e propoñen contidos lingüísticos e culturais que poñen en valor a igualdade, a diversidade e a non discriminación, dun xeito ameno, lúdico e participativo. En canto á súa implementación na aula, a maioría destas actividades son polivalentes e poden realizarse individualmente, en parellas ou en grupo, segundo as necesidades do alumnado. E, por suposto, o erro aparece como un elemento necesario no proceso de aprendizaxe, evidenciando que calquera falante e aprendiz dunha lingua estranxeira os comete.

 

Avaliación

A avaliación do alumnado será, en consecuencia, continua, formativa e integradora. O seu carácter formativo convértea, así mesmo, nun instrumento para a mellora tanto dos procesos de ensino coma dos de aprendizaxe. En canto aos criterios de avaliación, tomaranse como referentes os correspondentes á materia optativa de cuarto da ESO Segunda Lingua Estranxeira – Francés (comunicación, plurilingüismo e reflexión sobre a aprendizaxe e interculturalidade).

Os instrumentos de avaliación son variados, diversos e axustables aos distintos contextos e situacións de aprendizaxe. Así, haberá, entre outros, exercicios de autocorrección: asociación termo-definición, cuestionario verdadeiro/falso e resposta múltiple (a partir de comprensión escrita e oral), escolla de categorización gramatical, encrucillados, sopas de letras, xogos das diferenzas, de adiviñar mensaxes secretas, xogos de lóxica, xogos cronometrados (individual e/ou grupal), así como exercicios de comprensión, produción e mediación orais e escritas.

O recurso fomenta a autoavaliación da progresión da propia aprendizaxe, grazas á interactividade dos materiais, deseñados para ofrecer unha autonomía progresiva. Os aprendices valorarán así por eles mesmos –mais tamén coa axuda do docente, se fose precisa– as competencias adquiridas e cales deben seguir sendo traballadas para lograr os obxectivos propostos.

Ao remate das unidades, unha enquisa baseada nun portafolio proponlle ao alumnado a autoavaliación da súa propia aprendizaxe, así como a valoración dos materiais didácticos utilizados.

 

 

Liberté, égalité, diversité et inclusion na aula

As reflexións aquí expostas proceden da experiencia da implementación parcial do recurso, concretamente da súa unidade 2, articulada arredor das  figuras de Suzanne Lavaud et MélanieDeaf e da diversidade funcional auditiva, nun grupo de 14 alumnas e alumnos de cuarto da ESO. A escolla veu motivada pola presenza nel dunha alumna con hipoacusia moderada que emprega audiófonos.

Para introducir as personaxes e dar pistas para a activación do interese do grupo, falamos da audición e da súa relación coa idade e coa contorna, coas persoas dos nosos círculos máis próximos que presentan esta diversidade. O achegamento á figura de Suzanne Lavaud foi escolar, recibiron a información, xestionaron ben as actividades e o que máis interese espertou foi o traballo audiovisual sobre o seu lugar de nacemento, certamente por ser Le-Puy-en-Velay un dos puntos de partida do Camiño Francés a Compostela. Moi diferente foi o achegamento á youtubeira MélanieDeaf, non só pola actividade de pistas coa que deben reconstruír a súa personalidade, senón tamén polo tipo de transmisión de información a través de canles e redes ás que están moi habituados; aprendizaxe, pois, máis activa.

 

 

As actividades que tiñan como obxectivo unha achega sinxela á linguaxe de signos francesa son as que resultaron máis interesantes para o grupo. Este descubrimento motivou a instalación nun dos paneis da aula dun cartel con exemplos de equivalencias entre diferentes linguas de signos; a interpretación de cancións en lingua de signos, en francés chansigner, é o que máis se valorou ao remate da unidade. Os exercicios de gramática e léxico resultaron adecuados ao nivel do grupo, e a actividade que supuxo unha maior dificultade foi o ditado interactivo, posto que era a primeira vez que practicaban esta tarefa, moi complexa na lingua francesa.

Para o proxecto final (pequeno sketch teatral), contamos coa colaboración do auxiliar de conversa de francés e traballamos en parellas. Todos os integrantes do grupo participaron na escena con diálogo (dúas frases por persoa) e o texto final pasou ao panel da aula, ao carón do cartel da lingua de signos. A avaliación do recurso por parte do alumnado foi moi boa (très bien/bien) e mostraron interese por continuar traballando cos seus materiais.