Detectives do Clima
María Luisa Rodríguez Sánchez, profesora de Física e Química
IES de Porto do Son (A Coruña)
mlrs@edu.xunta.gal
Contextualización
Convocatoria Detectives do Clima
A ESA organiza actividades educativas ESERO (s. d.) e inclúe desafíos anuais como o proxecto Detectives do Clima para fomentar o interese e as habilidades en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (STEM, pola súa sigla en inglés) en estudantes de primaria e secundaria.
O programa Detectives do Clima, que comezou no curso 2018/19, invita o estudantado de 8 a 19 anos a identificar un problema climático local e a investigalo empregando imaxes de satélite reais e/ou datos terrestres.
Ao final do proxecto, os equipos comparten os seus resultados e propoñen accións para reducir ou controlar o problema estudado.
Durante a fase central do proxecto os equipos reciben axuda de profesionais no eido da observación da Terra e da climatoloxía, con comentarios por escrito valorando os seus plans, co que o alumnado aprende sobre o medio ambiente, desenvolve habilidades científicas e toma conciencia da problemática climática e ambiental.
Contexto xeográfico
Porto do Son é un concello galego situado no noroeste da península do Barbanza cunha paisaxe que combina mar e montaña. O concello tiña unha poboación residente de 9386 habitantes no 2016 e 9064 habitantes en 2024 segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE, 2016, 2024) e experimenta unha elevada afluencia turística, principalmente durante os meses de verán (xuño, xullo e agosto). Durante este período, a poboación estacional pode chegar a duplicarse, con cifras que, por exemplo, alcanzaron os 17.000 habitantes na tempada estival de 2016 (La Voz de Galicia, 2016). Este crecemento estacional está directamente relacionado co seu clima, as súas numerosas praias e a súa riqueza cultural e paisaxística, convertendo o turismo nunha das súas principais actividades económicas.
Obxectivos
O obxectivo principal é determinar se a elevada afluencia turística estival en Porto do Son afecta a calidade do aire. Para iso, comparáronse as concentracións NO2 durante 2020 (ano do confinamento) coa media de anos considerados normais (2019, 2021, 2022).
Ademais, este proxecto ten tamén un obxectivo didáctico: ofrecerlle ao alumnado unha primeira experiencia en proxectos científicos internacionais, aplicando a metodoloxía científica.
Por último, propoñer accións para un turismo máis sostible a partir das conclusións obtidas.
Recursos empregados
Para a realización do traballo empregáronse principalmente:
Datos de satélite para medir a calidade do aire: utilizáronse medicións de dióxido de nitróxeno (NO2) no aire obtidas polos satélites Copernicus. A investigación centrouse no uso de datos do satélite Sentinel-5p para o dióxido de nitróxeno, tal e como foi suxerido polo experto, empregando plataformas como EO Browser (na actualidade substituído por Copernicus Browser) para a súa visualización.
Para o procesamento e a representación dos datos empregáronse follas de cálculo.
Datos estatísticos de actividade turística: para cuantificar a afluencia turística, analizáronse datos do INE de España relativos ás pernoctas hoteleiras na provincia da Coruña. Estes datos foron cruciais para comparar a actividade turística antes, durante e despois do ano 2020 (INE, s. d.).
Descrición da actividade e metodoloxía
O estudo desenvolveuse seguindo a estrutura proposta polo programa Climate Detectives da ESA, organizada en tres fases: (i) identificación do problema e planificación da investigación (setembro-novembro 2022), (ii) recollida e análise de datos (decembro 2022-abril 2023) e (iii) presentación dos resultados e propostas de acción (abril 2023).
Selección do contaminante
O dióxido de nitróxeno (NO₂) foi escollido como principal indicador da calidade do aire pola súa forte asociación co tráfico rodado e outras fontes urbanas de emisións (EEA, 2019). O NO₂ da troposfera provén principalmente da combustión a alta temperatura de combustibles fósiles (tráfico rodado, centrais térmicas e procesos industriais). Nesas condicións xéranse óxidos de nitróxeno (NOₓ = NO + NO₂), que acaban por converterse en NO₂ por reacción co ozono e radicais peroxi na atmosfera urbana. Ademais, existen fontes naturais (incendios forestais, raios) que contribúen de forma menor e variable. Os campos de concentración que mide Sentinel-5P reflicten, polo tanto, os padróns espaciais destas emisións (corredores viarios, áreas industriais, plantas enerxéticas) e a súa acumulación baixo determinadas condicións meteorolóxicas. No concello de Porto do Son non se identifica unha actividade industrial intensiva que requira a combustión de combustibles fósiles a grande escala. O tecido económico local está caracterizado fundamentalmente pola actividade conserveira, a carpintería de madeira e talleres de pequena dimensión, propios dun ámbito empresarial de carácter artesanal e de servizos (Enciclopedia Galega Universal, s. d.). Os datos do Directorio Central de Empresas (DIRCE) confirman que a estrutura empresarial do municipio está dominada por pequenas e medianas empresas, sen presenza significativa de sectores industriais pesados (INE, 2023), polo que a presenza de óxidos de nitróxeno está directamente ligada á presenza de vehículos de combustión.
Estratexia comparativa
Para avaliar o impacto da mobilidade e do turismo, adoptouse unha metodoloxía comparativa entre o ano 2020 —marcado polas restricións de mobilidade debido á pandemia da covid-19— e anos considerados «normais» (2019, 2021 e 2022). O 2020 funcionou como un «experimento natural» (Baldasano, 2020), permitindo illar o efecto da redución da actividade humana sobre as concentracións de NO₂. Comparar os datos de 2020 cunha media de varios anos «normais» (como 2019, 2021 e 2022) é un enfoque máis robusto que usar un só ano: ao utilizar a media, créase unha liña base máis estable e fiable para as concentracións típicas de NO2. Isto axuda a minimizar a variabilidade natural entre anos, facendo que o impacto directo da redución do turismo e da mobilidade sobre a calidade do aire sexa máis evidente.
A análise contrastouse cos datos de pernoctas hoteleiras na provincia da Coruña (INE, 2023), que amosaron unha drástica diminución en 2020, reforzando a correlación entre mobilidade, turismo e contaminación.
Fontes de datos e análise
A recollida de información combinou múltiples fontes:
- Datos de satélite: imaxes de Sentinel-5P (programa Copernicus), procesadas en EO Browser.
- Datos estatísticos: pernoctas hoteleiras (INE) como indicador da intensidade turística.
O traballo organizouse en grupos de alumnado de primeiro de bacharelato, que recompilaron datos en diferentes períodos para observar a variabilidade estacional. A análise conxunta realizouse no Club de Ciencias do centro educativo, o que favoreceu un enfoque colaborativo e interdisciplinario.
Resultados e discusión
Figura 1. Pernoctas hoteleiras na provincia da Coruña

Enquisa de ocupación hoteleira, A Coruña
A figura 1 mostra a evolución mensual do número total de pernoctas hoteleiras na provincia da Coruña entre xaneiro de 2019 e novembro de 2022 (INE, 2023). Os datos evidencian un marcado padrón de estacionalidade, cun incremento significativo no verán (xuño, xullo, agosto) de cada ano.
O ano 2020 presenta unha caída drástica e sen precedentes, con valores mínimos históricos debido ás restricións de mobilidade asociadas á pandemia da covid-19 (Baldasano, 2020) incluso no verán de 2020, no que houbo unhas cifras de pernoctas moi inferiores ás de 2019.
A partir de 2021, detéctase unha recuperación progresiva da actividade turística, con picos estivais cada vez máis próximos aos de 2019. En 2022, os niveis de pernoctas alcanzaron valores comparables, e nalgúns casos superiores, aos do período previo á pandemia, o que indica unha recuperación plena do sector turístico provincial.
En ausencia de datos específicos de Porto do Son, empregáronse os rexistros provinciais como referencia. Dado que esta localidade costeira experimenta unha forte presión turística no verán e chega a duplicar a súa poboación en temporada alta, é razoable asumir que os padróns observados no ámbito provincial se reproducen proporcionalmente no municipio (INE, 2023).
Isto permite correlacionar a variación provincial da mobilidade turística (ilustrada na figura 1) cos cambios na calidade do aire observados no ámbito local en Porto do Son (como se deduce das concentracións de NO2, referidas na figura 2).
Figura 2. Concentracións de NO2 mensuais en 2020 e nunha media de anos normais (2019, 2021, 2022).

A figura 2 amosa a evolución das concentracións mensuais medias de dióxido de nitróxeno (NO2) no aire, medida en mol/m². Unha serie de datos corresponde ao ano 2020 e a outra serie de datos á media de anos normais en canto ao movemento do viaxeiros: 2019, 2021 e 2022.
Polo que se observa no gráfico da figura 2, as medias mensuais de NO₂ durante marzo, abril e maio de 2020 son lixeiramente superiores ás do mesmo período de anos «normais» (2019, 2021 e 2022). Isto pode parecer contraintuitivo, porque en teoría o confinamento reduciu a mobilidade e o tráfico, que son as principais fontes de NO₂. Algúns factores que poden explicar este fenómeno son (i) as condicións meteorolóxicas adversas (baixa velocidade do vento, episodios de inversión térmica ou escasas precipitacións), que favorecen a acumulación do contaminante a pesar da menor emisión (EEA, 2020); (ii) a variabilidade interanual estacional, xa que a comparación cos anos «normais» fai media de distintos padróns de temperatura, radiación solar e vento que afectan a dispersión e conversión química de NO a NO₂.; (iii) a persistencia doutras fontes locais, como a actividade industrial esencial ao incremento do consumo residencial de enerxía durante o confinamento.
En canto aos meses de verán (xuño, xullo e agosto), vemos na figura 2 que as medicións de NO2 no ano 2020 foron notablemente máis baixas en comparación coa media dos anos «normais» (2019, 2021 e 2022). Esta diferenza é significativa porque se relaciona coa redución da actividade turística. A localidade de Porto do Son adoita duplicar a súa poboación nun verán normal. Porén, no verán de 2020, as restricións pola pandemia da covid-19 provocaron un descenso drástico na chegada de turistas e, polo tanto, no tráfico de vehículos de combustión. A menor presenza de turistas en 2020 resultou nunha mellora da calidade do aire (en canto aos óxidos de nitróxeno) durante ese período.
Estes datos reforzan a hipótese inicial do alumnado: a actividade turística inflúe de maneira directa sobre determinados parámetros de calidade do aire na contorna.
Conclusións
A participación en Detectives do Clima foi altamente positiva, tanto polo interese científico coma polo valor educativo. O alumnado mostrou motivación e adquiriu competencias clave: análise de datos, interpretación de resultados e conciencia ambiental. O profesorado comprobou a utilidade do proxecto para integrar contidos curriculares en situacións prácticas e interdisciplinarias. Non se precisan recursos complexos máis aló de conexión a Internet para o acceso a bases de datos públicas e software sinxelo de follas de cálculo.
Os resultados confirman que a redución de turistas no verán de 2020 diminuíu as concentracións de NO₂, asociadas ao tráfico rodado. Isto reforza a hipótese inicial sobre o impacto do turismo na calidade do aire.
A crise da pandemia pode ser unha oportunidade para reinventar o sector turístico cara a un modelo máis sostible. De cara ao futuro, propoñemos:
- Fomentar novos conceptos de turismo centrados no medio ambiente, como o «turismo lento» e o turismo de pequena escala, priorizando a calidade fronte á cantidade.
- Promover o mercado doméstico.
- Utilizar a calidade do aire como un novo factor de atractivo para os destinos turísticos.
Recomendámoslles este proxecto a outros centros como unha oportunidade para traballar materias STEM e sensibilización ambiental de forma práctica.
Baldasano, J. M. (2020). COVID-19 lockdown effects on air quality by NO₂ in the cities of Barcelona and Madrid (Spain). Science of The Total Environment, 741, 140353. https://doi.org/10.1016/j.scitotenv.2020.140353
Enciclopedia Galega Universal (s. d.). Porto do Son. Recuperado de https://egu.xunta.gal/gl/termo/170465/porto-do-son
ESERO (s. d.). Concursos. Recuperado de https://esero.es/concursos/
European Environment Agency (2019). Air quality in Europe – 2019 report (EEA Report N.º 10/2019). Publications Office of the European Union. https://doi.org/10.2800/822355
European Space Agency (2022). Climate Detectives – A school project for students. Recuperado de https://climatedetectives.esa.int
IES de Porto do Son (2023). Materiais propios elaborados no IES de Porto do Son (2022-23). (Material non publicado).
Instituto Nacional de Estatística (2016, 2024). Cifras de población. Datos a nivel municipal: Porto do Son. Recuperado de https://www.ine.es/dyngs/INEbase/es/operacion.htm?c=Estadistica_C&cid=12...
Instituto Nacional de Estatística (s. d.). Viaxeiros e pernoctacións por comunidades autónomas e provincias. Recuperado de https://www.ine.es/jaxiT3/Tabla.htm?t=2074&L=0
Instituto Nacional de Estatística (2023). Directorio Central de Empresas (DIRCE). Recuperado de https://www.ine.es
Gómez, M. (29 de agosto de 2016). Porto do Son duplica su población en verano. La Voz de Galicia. Recuperado de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2016/05/03/poblacion-barb...





















