
Medrando a través do Observa_Acción
María Magdalena López Cacheda
mariamlopezcacheda@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso - A Coruña)
Desde Un Proxecto Común, nome elixido polo noso centro para denominar o Plan de formación do profesorado xa hai 11 cursos, sempre buscando a mellora no ensino a través da formación, a investigación e a innovación educativa, embarcámonos nesta viaxe de observar, compartir, aprender e reflexionar sobre a nosa práctica docente.
Partiamos dunha primeira incursión no programa no curso 2018/19, Observa_Acción: Programando a vida do centro; continuamos no curso 2019/20 con Observa_Acción interpares e intercentros, ano no que cheguei ao centro e se me deu a oportunidade de sumarme ao equipo. Observa_Acción entre docentes pausouse no curso 2020/21 por mor da covid e puido rematarse no 2021/22.
O Programa Observa_Acción xa formaba parte da formación do profesorado do centro, de aí a necesidade común de volver participar na seguinte edición para o curso 2022/23. Primeiro, con Observa_Acción. Fase intracentros: Comparte, aprendemos nas aulas entre profesorado do noso centro. Logo, con Observa_Acción. Fase intercentros: Acolle, fixemos o programa co CEIP Plurilingüe de Centieiras de Fene. E tras superar as dúas primeiras fases, no curso 2023/24 levouse a cabo no CEIP Ramiro Soláns de Zaragoza o Observa_Acción. Fase estatal: Conecta. Nesta viaxe acompañounos o CEIP Plurilingüe de Outes. E para culminar o programa, no curso 2024/25 Observa_Acción. Fase 4: Internacionaliza levounos a coñecer aulas en Módena e Pistoia, xunto co IES de Ames.
Neste mundo en constante cambio, onde cada curso se presentan novos proxectos e os centros galegos reciben novas ferramentas para o proceso de ensino-aprendizaxe, xorde a necesidade da actualización continua para fortalecer a nosa capacidade de responder aos desafíos sociais, emocionais e académicos que afronta o noso alumnado. No meu caso, a formación forma parte da miña inquietude por mellorar como docente e abordar o ensino desde o máis amplo abano de posibilidades. Creo na formación permanente e reflexiva entre docentes, como un elemento clave para potenciar o meu desenvolvemento profesional. Ao compartir experiencias, metodoloxías e reflexións, podemos aprender unhas das outras, identificar boas prácticas e detectar áreas de mellora. Este intercambio de coñecemento e a observación directa permiten unha formación máis práctica, contextualizada e enriquecedora, promovendo un desenvolvemento profesional máis activo e colaborativo. Por iso, non dubidei en volver participar no Programa Observa_Acción en canto tiven a oportunidade.
Antes da observación
Comezamos cunha formación en liña na que participamos todos os centros implicados no programa. A partir dese momento, o vocabulario «observación focalizada», «plan de acción» ou «observación holística» pasou a formar parte das conversacións que mantiñan no centro as persoas que constituían o equipo desta aventura.
A continuación, establecemos un plan de acción común, puxemos enriba da mesa as inquietudes e as dúbidas, deseñouse a distribución das sesións de observación e establecéronse os obxectivos que se perseguían. No noso centro, decidimos modificar os modelos proporcionados en función das nosas necesidades. De feito, un dos puntos principais para nós era centrarse na observación dos espazos educativos, posto que estabamos a desenvolver un PFPP sobre espazos no centro, para logo darlles ideas ás compañeiras e ao resto do claustro ao respecto.
Unha vez que tivemos claras as parellas que ían interactuar, xa fixemos as entrevistas iniciais entre os pares para romper o xeo, establecer como se ían desenvolver as sesións e decidir as ferramentas de observación que iamos utilizar.
Para o resto das fases, continuamos co plan de acción que estableceramos para a fase intracentros, sumando as propostas dos centros que nos recibiron. Así, na fase intercentros a comunicación inicial foi entre os equipos directivos e houbo unha sesión de presentación á chegada ao CEIP Plurilingüe de Centieiras. Logo na fase estatal, fixemos varias reunións en liña para ir coñecéndonos e establecer lazos e estratexias comúns.
A importancia da coordinación no programa
Sendo observada
Durante o proceso visitaron as miñas aulas en catro ocasións: as dúas primeiras no meu centro, unha as compañeiras do CEIP Plurilingüe de Centieiras e outra as compañeiras e compañeiros do CEIP Ramiro Soláns de Zaragoza e as compañeiras do CEIP Plurilingüe de Outes.
Abrimos as nosas aulas
É xusto dicir que, ano tras ano, son observada por auxiliares de conversa e, en ocasións, por profesorado de prácticas, polo que ser observada é parte da miña realidade diaria na aula. Lembro que nos primeiros anos me sentía nerviosa e insegura, e recoñezo que, cando empezamos nesta andaina, no momento da planificación volvín sentir ese desasosego. Unha vez que entramos en materia, a observación pasa tan rápido que non tes tempo de pensar en como te sentes. Ao longo do proceso volveu a confianza en min mesma e a tranquilidade. É certo que coñecer de antemán as persoas que viñan observar a miña práctica docente fixo que me sentise cómoda; a sensación de ser observada por persoas que xa coñeces e coas que, aínda que brevemente, xa conviviches faime sentir máis segura.
Sendo observadora
Ser observadora parece unha tarefa máis doada que ser observada, xa que non es ti o foco de atención. Porén, supón prestar moita atención a todo o que pasa ao teu arredor, ser quen de focalizar no que poidas aproveitar na túa práctica docente e non intervir no desenvolvemento da clase, dado que o teu rol non é o de docente practicante nese momento.
Ao ser observadora experimentei unha mestura de sentimentos, entre eles, curiosidade por ver o que fan compañeiras e compañeiros nas miñas materias noutros centros. Ademais, expectante por poder traer aprendizaxes e confianza para incorporalas na miña aula ao ver que funcionan co alumnado.
Foi moi positivo o feito de ter a oportunidade de observar a interacción das e dos estudantes e valorar diferentes formas de xestionar a aula. A experiencia permitiume detectar aspectos positivos que se poden incorporar na propia práctica, así como identificar posibles áreas de mellora.
Sesións de análise e reflexións finais
Estas sesións leváronse a cabo nos tres centros nos que fixemos a observación. Estivemos de acordo en que a observación en primeira persoa fomenta a reflexión crítica e o diálogo entre colegas, enriquecendo a nosa visión pedagóxica.
A parte de análise e reflexión final foi moi importante para min neste programa. Resúltame difícil facer autoavaliación do meu proceso de ensino, polo que sentarme coas compañeiras a escoitar o seu feedback foi moi positivo. Estas sesións contribuíron ao meu crecemento profesional, na medida en que tiven a oportunidade de ser consciente daquilo no que podo mellorar, ao tempo de tomar consciencia do que se comentou e podo incorporar na miña aula.
Reflexionando sobre o aprendido e preparando transferencias
Conclusión
A observación da aprendizaxe próxima entre iguais fortalece a comunidade educativa, fomenta a innovación pedagóxica e contribúe a ofrecer unha educación de maior calidade, adaptada ás necesidades reais do estudantado.
A través de Observa_Acción, participei de diferentes xeitos de relación e comunicación con docentes de realidades distintas á miña, coñecín outras experiencias e aprendín de cara a mellorar a calidade das miñas propostas e poder facer protagonista o alumnado da súa propia aprendizaxe.
Un dos aspectos que máis me impactou foi a posibilidade de ver en primeira persoa como se desenvolven as clases, as estratexias que utilizan outras mestras para motivar e involucrar as alumnas e os alumnos, e como se establecen vínculos de confianza e respecto.
Tamén puiden apreciar a importancia da comunicación efectiva na aula, tanto entre docentes e alumnado coma entre o propio estudantado. Ver en acción como se fomentan ambientes de diálogo aberto e colaboración foi inspirador e motivador para seguir mellorando as miñas propias prácticas educativas.
En definitiva, participar no Programa Observa_Acción foi una experiencia enriquecedora e reveladora. Recoméndolle a quen queira afondar na súa formación que participe en iniciativas coma esta que abren unha porta ao mundo real do ensino.