Observa_Acción no CEIP Plurilingüe Alborada: Un camiño compartido cara á innovación educativa

A participación do CEIP Plurilingüe Alborada no programa Observa_Acción transformou a súa práctica educativa a través da observación entre iguais. O artigo amosa como este proceso favoreceu metodoloxías activas, a creación de espazos innovadores e vínculos de colaboración con outros centros, tanto no ámbito autonómico coma no internacional. Un exemplo de como a formación docente pode impulsar aprendizaxes significativas, mellorar o clima escolar e consolidar unha escola aberta, reflexiva e en constante evolución.

María Azucena Nantón Blanco
m.azucena@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Alborada (A Coruña)

 

 

No CEIP Plurilingüe Alborada, a innovación e a mellora continua son dous piares fundamentais que guían a práctica docente. Neste contexto, a participación no Programa Observa_Acción, promovido pola Xunta de Galicia, supuxo unha oportunidade decisiva para o claustro, xerando un impacto directo nas aulas e na cultura de centro. Esta experiencia consolidouse como un motor de cambio educativo, conectando a formación docente coa realidade cotiá do ensino.

 

Unha formación con sentido e proxección real

A participación partiu dunha vontade compartida por avanzar cara a metodoloxías máis activas, inclusivas e colaborativas. Como docentes, sentiamos a necesidade de observar outras realidades, cuestionar as nosas prácticas e abrir as portas do centro a novas miradas. Así foi como nos incorporamos ao Programa Observa_Acción no curso 2023/24, participando inicialmente na fase autonómica.

Os aspectos traballados durante este proceso foron múltiples:

● A aprendizaxe baseada en proxectos (ABP)

● O traballo cooperativo

● A creación de espazos educativos dinámicos e motivadores

● A educación emocional integrada na aula

● A internivelaridade como ferramenta de inclusión e socialización

Sustentado nos principios dunha escola aberta, onde o alumnado é protagonista e o profesorado, axente de cambio reflexivo.

 

Un proceso con varias etapas: da observación á acción compartida

 

Durante o primeiro curso, o programa desenvolveuse en dúas fases fundamentais:

Etapa Comparte: centrada na observación interna e que nos permitiu romper co medo a ser observados. Esta experiencia, lonxe de ser unha avaliación, foi vivida como un proceso enriquecedor que axudou a identificar fortalezas e áreas de mellora. Compartindo e colaborando todo sae mellor. A observación converteuse nunha ferramenta de desenvolvemento profesional e de cohesión docente.

Etapa Acolle: nesta segunda parte tivemos unha colaboración co CEIP Plurilingüe da Ribeira (O Porriño). Visitar o seu centro e recibir a súa visita facilitou unha aprendizaxe bidireccional. Puidemos coñecer como traballan por talleres, observar como aproveitan a contorna e descubrir espazos novos espazos educativos, como a cociña escolar. Pola nosa banda, amosamos o noso modelo de traballo por ámbitos e os nosos espazos temáticos creados ata o momento... incluíndo accións previstas para o futuro como as melloras na radio escolar ou a creación da cociña.

 

No curso actual (2024/25), avanzamos na fase interautonómica.

Etapa Conecta: neste momento compartimos experiencias co CEIP Eloy Villanueva de Santander. Recibimos a súa visita na que compartimos a nosa forma de traballar, os ámbitos e a organización e creación dos novos espazos.

 

Na semana do 5 de maio puidemos ir ver como traballan nese centro: a organización nos talleres enfocados na materia de Arts, a súa autonomía de centro e a organización dos espazos. Esta colaboración está a permitirnos coñecer outras formas de traballar e organizar, e así enriquecer a nosa perspectiva.

Temos en común co centro os talleres presentes no centro cántabro no que unen a súa experiencia como centro de educación bilingüe coas actividades que integran as novas tecnoloxías, a aprendizaxe baseada en proxectos e metodoloxías activas para facer unha aprendizaxe dinámica e significativa. Este centro, en colaboración co British Council, ofrece un programa que potencia a aprendizaxe do inglés desde etapas temperás, o que facilita a inmersión nun ambiente bilingüe. No caso do noso centro consideramos moi interesante e gratificante recibir a visita deste centro para amosar o espírito aperturista e de cambio dentro da innovación metodolóxica e educativa.

 

Implementación no centro: metodoloxías activas e espazos transformadores

As aprendizaxes adquiridas no programa teñen unha proxección directa na nosa práctica:

Ámbitos internivelares: xa desde o curso pasado, o alumnado de todas as etapas participa en proxectos interdisciplinarios con agrupacións mixtas. Isto favorece a cooperación, a aprendizaxe entre iguais e o sentido do traballo compartido. A participación neste programa incide directamente na mellora dos nosos ámbitos, buscando sempre como integrar mellor este traballo na nosa realidade educativa e no ámbito curricular.

Aulas temáticas: ver e poder crear espazos específicos (STEM, Matemáticas, Ciencias, Arts ou Cociña Escolar) con recursos adaptados aos contidos é algo fundamental dentro do cambio metodolóxico que queremos levar a cabo. Isto permite unha aprendizaxe práctica, contextualizada e significativa. Grazas ao Programa Observa_Acción, poder ver e comparar como se enfocan estes novos espazos noutras realidades axuda no noso crecemento.

Gamificación e traballo cooperativo: a idea de base dos ámbitos, e especialmente no ámbito STEM, é incorporar dinámicas de xogo para fomentar a motivación e o esforzo. Observar como se artellan este tipo de traballos noutros centros é esencial para poder mellorar. A través de retos e actividades colaborativas, o alumnado aprende con entusiasmo e dunha forma máis significativa.

 

Evidencias da práctica educativa

A comunicación e o estilo colaborativo coa nosa comunidade educativa evidénciase en todas as publicacións que se fan tanto na web corporativa coma nas redes sociais do CEIP Plurilingüe Alborada. Contamos cunha ampla colección de documentacións gráficas dos programas de formación levados a cabo polo profesorado, programacións públicas dos diferentes ámbitos, fotografías e vídeos das actividades realizadas nestes, presentacións elaboradas polo alumnado, recursos compartidos nos proxectos eTwinning e rexistros de avaliación formativa. Estas evidencias son compartidas tamén con toda a comunidade educativa, reforzando o valor da transparencia e da colaboración.

Poder compartir todo o traballado no programa é clave para poder funcionar e ser transparentes no noso traballo e ver os avances realizados.

 

Aprendizaxes compartidas e desafíos superados

O alumnado acolleu estas propostas con entusiasmo. Ter observadores e saber que o profesorado do noso centro realiza visitas dentro do marco de Observa_Acción ou doutros programas educativos é moi gratificante para eles. Vense partícipes dese cambio e desas observacións realizadas. A dinámica dos ámbitos, o uso das aulas temáticas, a creación da nova cociña ou o enfoque por proxectos fomentaron a súa motivación, autonomía e participación activa, e ver que iso é froito de observación e de interese por parte de mestras e mestres doutros centros é moi satisfactorio.

Grazas a este tipo de traballo e das colaboracións destacamos a mellora na convivencia, xa que o traballo internivelar reduce conflitos e mellora as relacións interpersoais: os maiores axudan e guían os máis pequenos sendo equipos de traballo funcionais.

Entre as dificultades atopadas, salientamos:

● A necesidade de coordinación docente.

● A xestión de espazos e materiais.

● A reorganización horaria.

A organización dos ámbitos supuxo un reto, pero tamén unha oportunidade para reforzar o traballo en equipo e a cohesión docente.

 

Impacto nas aprendizaxes e no clima escolar

O obxectivo da participación no Programa Observa_Acción é claro: mellora no proceso de ensino-aprendizaxe e un mellor clima escolar.

A mellora das aprendizaxes é evidente, xa que o alumnado comprende mellor os contidos, participa activamente e desenvolve competencias clave como a resolución de problemas, a comunicación ou o pensamento crítico. Tamén se aproveitou para traballar os contidos, ademais de facelo dunha forma lúdica de xeito colaborativo e evitando duplicidades: o feito no ámbito queda como base fundamental para o traballo dentro da aula. Por iso, a participación no Programa Observa_Acción fixo que puidésemos ver como se artellaban os «talleres» e/ou «actividades colaborativas» dentro das programacións de aula. Consideramos, ademais, que o clima escolar tamén mellorou, cunha maior implicación da comunidade educativa e un ambiente escolar máis colaborativo e implicado.

 

Valoración final e continuidade

A experiencia co Programa Observa_Acción tivo un efecto multiplicador. Non se trata dunha acción puntual, senón dun punto de inflexión que marcou unha nova etapa no noso proxecto educativo. Xa estamos a planificar a continuidade dos ámbitos, a ampliación e a creación de novos espazos temáticos e a consolidación das redes de colaboración tanto no ámbito local coma no internacional.

De feito, en relación con esta colaboración, a maiores de ter a colaboración e a visita recíproca co CEIP Eloy Villanueva, no mes de maio seremos centro acolledor e-Twinning. Recibiremos docentes de Alemaña dentro dun jobshadowing para intercambiar experiencias educativas. Con eles compartiremos as nosas metodoloxías e aprenderemos tamén de enfoques pedagóxicos internacionais. A nosa idea e o noso enfoque é crear espazos onde estudantes e docentes de diferentes países aprendan xuntos seguindo o empezado no Programa Observa_Acción. Esta nova colaboración permitirá reforzar a dimensión europea do noso proxecto educativo.

No caso do noso centro, ademais da oportunidade de participar no programa obxecto deste artigo, temos unha clara aposta pola internacionalización dentro dos programas europeos. A participación en programas como eTwinning e Erasmus+ complementa este traballo, abrindo o noso centro ao mundo e ofrecendo experiencias significativas para alumnado e profesorado. Enmárcase todo isto nunha visión de escola en constante evolución, aberta ao cambio e comprometida cunha educación de calidade.

En definitiva, Observa_Acción permitiunos pasar da reflexión á acción, do illamento á colaboración e da rutina á ilusión. Un camiño ilusionante que transforma e conecta.

Queda aínda moito que facer, pero agora sabemos que o cambio é posible cando se comparte. Porque educar tamén é observar, inspirarse e crecer xuntos.

 

 

Sección: