Desde a Biblioteca da EOI de Ferrol ata Rosalía de Castro sen fronteiras

Dinamización e colaboración nas bibliotecas das EEOOII de Galicia
Para homenaxear a Rosalía, en febreiro de 2022, cinco escolas oficiais de idiomas de Galicia uníronse por primeira vez no proxecto Rosalía de Castro sen Fronteiras: un mural virtual (Padlet) no que presentamos fragmentos da súa obra lidos en seis linguas. Este traballo colaborativo supuxo o nacemento dunha relación entre escolas. Como e por que chegamos ata aquí? Compartir e difundir experiencias debe ser unha práctica habitual.

Virginia Fernández González
Coordinadora da biblioteca da EOI de Ferrol (A Coruña)
fgvirginia@edu.xunta.gal

 

Desde a coordinación dunha biblioteca escolar de escola oficial de idiomas (EOI) cada curso temos que deseñar unha serie de actividades ao longo do ano para dinamizar e animar a comunidade educativa. A dificultade reside en atopar o xeito de fomentar a participación do alumnado que, no noso caso, é adulto e ten outras preocupacións á parte do estudo de linguas. Tras varios anos de experiencia, démonos conta de que o éxito dunha actividade depende de varios factores, mais o fundamental reside na colaboración de toda a comunidade educativa.

 

Deseño dunha actividade desde a biblioteca para toda a escola

Para ter unha boa aceptación, desde a biblioteca EOI Ferrol propoñemos actividades abertas ao máximo de persoas da comunidade educativa. É dicir, sempre que sexa posible, que poida participar todo o alumnado independentemente da súa lingua de estudo e do seu nivel e, a miúdo, permítese que participe o profesorado e o persoal do centro. En xeral, procuramos que as actividades axuden a practicar o idioma, que sexan de fácil resolución, máis ou menos sinxelas e, a poder ser, que non leven moito tempo (pensando na especificidade do noso alumnado adulto para quen os idiomas forman parte da súa formación complementaria mais non obrigatoria). Evidentemente, a temática ten que ser motivadora e outro incentivo é o premio (cando o hai), aínda que no noso caso non é o que máis importa: os participantes non o fan polo premio, pois adoita ser máis ben simbólico.

E así empezamos a pensar e planificar desde o equipo de biblioteca. Mais coa experiencia dos anos comprobamos que o deseño da propia actividade non é o que garante unha boa participación. Alén diso, o factor fundamental consiste en implicar o profesorado, pois trátase do principal elemento de difusión da actividade e sobre todo do principal motivador do alumnado. O seu rol non consiste só en reenviar a información por correo electrónico, pois convén que presente a actividade na aula, achegue ideas, axude na corrección das producións... Por isto, para obter esa cooperación tan necesaria do profesorado, procuramos presentarlle actividades «xa feitas» de modo que non lle supoña moito traballo a maiores e que non lle acapare moito tempo nas aulas, pois sempre andamos xustos para rematar as programacións.

A primeira actividade que tivo moito éxito e que supuxo un antes e un despois na dinamización da nosa biblioteca foi o concurso de haikus, organizado en novembro de 2018, no que 51 alumnos e alumnas presentaron un total de 80 poemas en 7 linguas distintas.

 

Cartel do concurso de haikus (11/2018)

Vidreira da biblioteca con todos o haikus colgados da árbore: cada cor representa un idioma

 

A partir desta actividade, decatámonos de que tiñamos un gran potencial e que había que ir máis aló para promover a nosa biblioteca. Non só había que propoñer actividades senón pensar no sentido inverso, é dicir, se queriamos que a comunidade educativa participase con nós, nós tiñamos que colaborar no deseño de actividades directamente con ela sexa mediante os departamentos, o EDLG, os proxectos europeos, as asociacións de alumnado etc. E aquí a resposta tamén foi positiva e satisfactoria. 

Para dar un exemplo, todas as actividades da biblioteca de EOI de Ferrol relacionadas co proxecto europeo Erasmus+ PHIL (Promote Healthy Habits and Improve Languages 2018-2021) tiveron sempre unha boa aceptación: a charla formativa sobre a saúde, o concurso de fotografía saudable (30 participantes), o concurso de microrrelatos (24 participantes con producións en todos os idiomas da escola)...

 

Charla formativa sobre a saúde organizada no marco do proxecto europeo PHIL en colaboración co alumnado do CIFP Ánxel Casal Monte Alto (A Coruña) (09/05/2019)

 

Nacemento de colaboración entre bibliotecas

En xuño de 2021 os libros amontoábanse nos andeis da nosa biblioteca. Para solucionar esa falta de espazo, expurgamos algúns fondos antigos mais non era suficiente. O problema era que tiñamos moitos libros repetidos en bo estado e bastante recentes (os dos clubs de lectura) dos que non podiamos «desfacernos alegremente» pois sería como «tirar os cartos públicos pola ventá». Entón listamos e metemos eses exemplares duplicados en caixas que gardamos en cadanseu departamento. De aí a nosa seguinte reflexión: resulta paradoxal e desolador mercar cada curso varios exemplares de diversas obras para logo metelas nunha caixa para que non «estorben».

Entón xurdiu a idea do intercambio de libros pero, polas características do noso centro, pensamos que os nosos fondos só poderían ser realmente útiles para outras EEOOII. Así foi como decidimos poñernos directamente en contacto por correo electrónico con todas a bibliotecas das EEOOII de Galicia co fin de propoñer un intercambio de fondos. Para facelo efectivo, a principio de curso, en setembro de 2021, intercambiamos as listas dos libros dos clubs de lectura que tiñamos programados. Cada escola comprobou na súa base de datos a dispoñibilidade para poder prestar os exemplares correspondentes. Houbo algunha reticencia e non todas as EEOOII participaron nese troco, pero supuxo o inicio da cooperación entre as nosas bibliotecas. 

De alí a pouco, a nosa compañeira da EOI de Monforte, Vanesa Rodríguez, conseguiu reunirnos a todas formando o grupo de whatsapp «Bibliotecas EOI». Axiña comezamos a compartir ideas mostrando actuacións que levabamos a cabo nas nosas escolas. Mais desde Ferrol pensamos en dar un paso máis aló. Máis que compartir e copiar ou adaptar actividades, por que non organizar algo directamente en conxunto? E así foi como prendeu a idea de homenaxear xuntas a Rosalía de Castro. 

Dado que o 23 de febreiro coincidía coa época de exames, animámonos só cinco escolas de idiomas a participar: Ferrol, Lugo, Monforte, Pontevedra e Ribadeo. Buscamos logo unha actividade sinxela que puidésemos difundir de maneira conxunta.

 

Imaxe de presentación do proxecto colaborativo Rosalía de Castro sen Fronteiras

 

Dentro do marco do lema deste curso «A biblioteca escolar ten a palabra», acordamos confeccionar unha biblioteca oral gravando alumnado (e profesorado) lendo fragmentos da obra de Rosalía de Castro nas súas linguas de estudo. As bibliotecas procuramos na rede traducións en diversos idiomas e preparamos un documento coas ligazóns que lle enviamos a todo o profesorado para que elixise os fragmentos que desexase con cadanseu alumnado (sen necesidade de buscar nin traducir eles mesmos!). Coa finalidade de salientar a efeméride e garantir a participación, propuxemos que o profesorado gravase o seu alumnado directamente na aula a semana do 21 ao 25 de febreiro. Para difundir un traballo homoxéneo, adoptamos un padrón de formato e, pouco a pouco, fomos engadindo nun taboleiro dixital diapositivas cos textos xunto cos correspondentes arquivos orais incrustados. E así, entre as cinco escolas oficiais de idiomas, reunimos ata un total de 52 textos de Rosalía de Castro con 107 audios en alemán, francés, galego, inglés, italiano e portugués! 

Pódese ver o resultado deste traballo colaborativo do que nos sentimos agradecidas e orgullosas nos blogs das bibliotecas participantes ou picando directamente nesta ligazón

En conclusión, o noso primeiro labor de colaboración e difusión entre escolas oficiais de idiomas resultou satisfactorio. Contribuíu a engadirlles certo valor e visibilidade ás nosas bibliotecas. Xa demos os primeiros pasos e agora seguiremos en contacto os vindeiros cursos para atopar novos puntos de encontro con novas ideas para animar e mellorar o ensino de linguas.

 

 

Sección: