Unha ollada á vida da auga no Cabo Ortegal

Proxecto Ríos
Cariño é unha vila nun enclave singular, vencellado á auga. Este proxecto parte da necesidade dunha posta en valor do medio natural que rodea esta vila, a súa relación co medio acuático e a súa conservación. Ao longo deste traballo, este compromiso afróntase sentando as bases do recoñecemento daquilo que queremos conservar, identificando as causas polas que necesitamos preservalo e reflexionando sobre cal será a mellor maneira de conseguilo.

Antía Gonçalves Ageitos, profesora de Bioloxía e Xeoloxía
IES Cabo Ortegal, Cariño (A Coruña)
antia.goncalves@edu.xunta.gal

O noso contexto

O fío condutor que vertebra o Proxecto Ríos no noso centro xorde coa análise da contorna na que se atopa o IES Cabo Ortegal e a necesidade da súa posta en valor.

A vila de Cariño, onde se asenta o centro educativo, sitúase nun dos enclaves máis fermosos da costa galega. Cabe destacar a importancia xeolóxica deste municipio, que conta coas rochas máis antigas da Península e os acantilados máis altos da Europa continental; así como a relación dos seus habitantes coa auga, xa que é unha vila definida polos labores agrícolas, gandeiros e, por suposto, mariñeiros.

O alumnado do IES Cabo Ortegal participou no Proxecto Ríos tres anos académicos consecutivos. O traballo realizado durante os cursos anteriores centrouse na análise da calidade e da biodiversidade presente nas augas do río que desemboca na ría de Ortigueira e Ladrido. A idea inicial para o curso 2020/21 era a continuación destas tarefas, pero foi necesario cambiar a formulación do groso do proxecto. As limitacións impostas á mobilidade e ás reunións persoais por mor da crise sanitaria asociada á covid-19 imposibilitaron parte das actividades previstas, polo que mudou a perspectiva de traballo co alumnado.

Neste marco, os eixes principais sobre os que se reformulou o proxecto versaron sobre a calidade da auga na vila, a biodiversidade que albergan os sistemas acuáticos da contorna e o estudo daqueles impactos negativos e principais contaminantes que lles afectan.

Este proxecto dirixiuse principalmente ao alumnado de terceiro e cuarto da ESO, aínda que cabe destacar que polo seu carácter interdisciplinario e a complexidade dalgunhas das tarefas realizadas, contou coa participación doutros niveis educativos.

 

Obxectivos que se pretendían acadar

Malia a que a proposta inicial para o proxecto non era viable polas condicións sanitarias e, especialmente, polas restricións á mobilidade e as dificultades do traballo en gran grupo, os obxectivos xerais que se pretendían cumprir mantivéronse.

A continuación faise un resumo das liñas principais de traballo e daqueles obxectivos que se puideron acadar satisfactoriamente.

- Tomar conciencia da relación entre a calidade das augas superficiais e o mantemento dos ecosistemas que alberga a ría de Ortigueira e Ladrido.

- Poñer en valor a biodiversidade da contorna, identificando as especies máis representativas da vexetación asociada aos ecosistemas de ribeira.

- Entender os valores que deben manter as augas de consumo, caracterizando os principais parámetros que definen a súa calidade.

- Identificar bioindicadores da calidade das augas.

- Comprender os problemas asociados aos procesos de contaminación da auga, a súa orixe e desenvolvemento.

- Analizar os riscos e impactos negativos de orixe antrópica que afectan os ecosistemas acuáticos da contorna de Cariño.

- Afianzar os procedementos e actitudes propias do método científico, analizando os fenómenos que acontecen no ámbito natural próximo.

- Empregar con sentido crítico as tecnoloxías da información e da comunicación para obter e difundir información relativa a este proxecto.

- Fomentar a valoración e o respecto polo medio ambiente.

- Desenvolver hábitos e valores acordes coa conservación e a sustentabilidade do patrimonio natural e cultural.

Coa definición destes obxectivos e co fin de continuar co espírito do proxecto asentado nos cursos previos, comezouse o traballo.

 

Cal foi o noso punto de partida?

A nosa posta en marcha comezou cunhas preguntas que podían parecer sinxelas, pero que o alumnado non sabía responder con exactitude: Cales son as redes naturais de auga doce que chegan ata a vila de Cariño? Cal é o estado xeral desas augas?

Inicialmente, o noso estudantado situou o río Mera que desemboca na ría e identificaron unha serie de puntos de auga na vila, pero non coñecían a súa procedencia.

Con respecto ao estado xeral da auga, o alumnado sabía que a praia da Concha, punto central da vila, nos últimos anos estaba cualificada como non apta para o baño e que, ademais, nesa praia desemboca un curso de auga que no imaxinario popular se coñece como «río Cheirón». Así mesmo, todos os alumnos sabían que, en determinados momentos do ano, da rede de abastecemento xeral da vila a auga saía turbia e de cor amarelenta.

Que estaba a ocorrer augas arriba? Co fin de atopar a resposta a esta cuestión, iniciáronse as nosas actividades.

 

Como se desenvolveu o noso traballo?

As tarefas pensadas inicialmente para traballo conxunto entre diferentes grupos dividíronse entre niveis e grupos-aula en función da súa complexidade. As actividades desenvolvéronse a medida que o alumnado dos distintos niveis adquiría os coñecementos e as destrezas necesarias para poder levalas a cabo. Cómpre destacar que, con base no grao de coñecementos previos que esixiron determinadas tarefas, foron realizadas por alumnado do bacharelato para despois ser expostas aos participantes doutros niveis da educación secundaria. A difusión das actividades ao conxunto xeral da comunidade educativa levouse a cabo a través de diferentes medios, que se comentarán para cada caso.

A continuación expóñense as principais liñas de traballo seguidas ao longo do proxecto e nas que participaron os diferentes grupos. En relación coa pauta temporal do desenvolvemento das actividades, é necesario mencionar que o percorrido dalgunhas é paralelo no tempo e, ademais, determinadas probas levadas a cabo no laboratorio requiriron períodos longos de desenvolvemento para a observación dos resultados, solapándose a outras tarefas.

Con respecto á xustificación documental e gráfica das actividades realizadas que se mostran a continuación, cabe mencionar que, no caso de que o produto final das actividades fose publicado nas redes sociais, se xuntarán capturas de pantalla destas, nas que non se inclúe o nome no perfil dos estudantes.

Comezamos: onde están os cursos de auga?

As primeiras actividades versaron sobre a localización dos diferentes leitos de auga que percorren a vila. Co alumnado de bacharelato, fixéronse pequenas saídas do centro co fin de localizar aqueles regatos e cursos de auga que desembocaban en leitos de maior envergadura, antes de desaugar no mar. Seguíronse os trazados dos cursos augas arriba, ata o punto no que foi posible, e marcáronse nun mapa dixital coa axuda de ferramentas informáticas como Google Earth.

Sistemas fluviais da contorna

 

Como se determina a calidade da auga?

Unha vez determinada a situación xeral dos sistemas fluviais da vila, procedeuse a comprobar o seu estado. Formuláronse novas incógnitas: Todas as augas son iguais aínda que o parezan? Que ocorre coa auga da nosa billa? Para responder estas cuestións, fíxose un estudo dos parámetros físico-químicos e biolóxicos destas augas e comparáronse coa auga de consumo. Procedeuse a unha recollida de mostras, captadas na rede de abastecemento do centro, no río Maguleiro, no río Sagrón e en diversas láminas de auga estancada da vila (lavadoiros públicos e charcas).

Unha vez realizada a colección de mostras, procedeuse ao traballo no laboratorio. Caracterizáronse os principais parámetros indicadores da calidade destas augas, tanto físicos (olor, color, turbidez, entre outros) como químicos (pH) e biolóxicos (reconto de colonias bacterianas —UFC— a partir de cultivos en placas de petri). Coa realización destas probas, conseguiuse a resposta ás preguntas iniciais. O alumnado recoñeceu os padróns que se empregan para determinar a calidade da auga e, ademais, levouse a cabo un estudo comparativo entre augas de diferente procedencia (redes de consumo, cursos libres e augas estancadas).

Recollida de mostras de auga

 

Descubrindo a vida oculta da auga

Co fin de complementar as probas para a determinación da calidade da auga, procedeuse a estudar a súa microbioloxía. Que microorganismos podemos atopar na auga? Para obter a resposta, o alumnado participante levou a cabo unha análise e identificación de seres vivos que, a simple vista, pasan desapercibidos (reino Moneras, reino Protoctista e reino Fungi), extraídos a partir das mostras comentadas anteriormente. Tiráronse fotografías das especies identificadas mediante microscopía coa axuda dunha guía de identificación preparada polo profesorado. Fíxose especial fincapé en que o alumnado descubrise as diferenzas entre os microorganismos das mostras que pertencían á auga de cursos libres e a augas estancadas.

Microorganismos acuáticos

 

Como se contamina a auga?

Unha vez determinada a localización das augas da vila, a súa calidade xeral e aqueles organismos que a tiñan como hábitat, procedeuse a estudar a contaminación. Dúas preguntas deron pé a esta etapa: Que contaminantes poden ter as nosas augas? Como podemos comprobar o grao no que afectan o ecosistema?

Para abordar a primeira cuestión, definíronse aqueles contaminantes que o noso alumnado consideraba máis habituais a partir da actividade xeral do seu fogar. Decidiuse comprobar o efecto na auga de sales, deterxentes, aceites e ácidos.

Co fin de resolver a segunda incógnita, determinouse que a mellor forma para comprobar o efecto dos contaminantes no ecosistema acuático sería mediante ensaios cos organismos vexetais (diferentes especies de algas de auga doce).

Sentadas estas bases, realizáronse probas de laboratorio para determinar como modifica o crecemento vexetal unha variación na concentración dos contaminantes xa mencionados. Como era de esperar, comprobouse que canto maior é a concentración de calquera dos contaminantes na auga, menor é o desenvolvemento da flora.

Probas no ensaio de contaminación

 

Que ocorre coa vida vexetal na auga? A eutrofización

Grazas aos resultados obtidos no ensaio de contaminación, sentáronse as bases para a seguinte batería de probas. Xurdiron novas cuestións para os nosos participantes: todos os pequenos leitos de auga que se localizaron nas primeiras etapas deste proxecto atravesan terreos de cultivo moi preto da vila. Se os contaminantes diminúen o desenvolvemento vexetal, por que consideramos como potenciais tóxicos os fertilizantes agrícolas que melloran o crecemento das plantas?

Difícil incógnita para resolver. Co fin de estudar o efecto na vida acuática dos fertilizantes que se empregan no labor agrícola, procedeuse a simular as etapas que ocorren nun proceso de eutrofización. Levouse a cabo unha análise no laboratorio do crecemento de algas de auga doce ao variar o contido de nitróxeno e fósforo no medio acuático (compoñentes principais dos fertilizantes), empregando diferentes concentracións de fertilizante agrícola (sólido e líquido). Con base na complexidade deste estudo, para a explicación do procedemento e dos resultados obtidos, o noso alumnado do bacharelato elaborou carteis científicos que foron expostos no laboratorio de ciencias do centro, dirixidos ao alumnado de secundaria.

Probas no ensaio de eutrofización

 

Cales son os problemas de contaminación que sofren os nosos ecosistemas? Estudo das ribeiras

A última etapa do proxecto dirixiuse a aplicar as cuestións resoltas nos pasos anteriores ao noso contorno próximo. Para conseguir esta achega á contorna, procedeuse a caracterizar os principais ecosistemas que se poden atopar nos arredores da vila.

Neste punto, realizáronse pequenas saídas co alumnado ás zonas de ribeira xa visitadas nas primeiras fases do traballo, así como ás extensións de dunas e zonas intermareais que se atopan en Cariño. Nas saídas, o noso alumnado analizou estes ecosistemas, identificando as especies de flora que caracterizan cada unha destas áreas, así como as especies máis abundantes de invertebrados e aves que se puideron avistar. Como axuda de traballo, o noso alumnado contou cunha guía elaborada polo profesorado para a identificación de especies vexetais.

Unha vez caracterizados os ecosistemas vencellados ao medio acuático, procedeuse á identificación dos principais impactos negativos que afectan estas zonas. Por parellas, os estudantes tiraron fotografías e gravaron pequenos vídeos daquelas situacións que supuñan un problema nos ecosistemas, ligadas principalmente a actividades humanas (acumulacións de residuos, ruptura de hábitats, contaminación paisaxística e acústica, entre outros). A exposición dos resultados deste traballo difundiuse a través das redes sociais (perfís de Instagram creados expresamente para esta actividade), co fin de que se denunciase a situación que sofren determinadas zonas da contorna debido á influencia antrópica.

Como remate do proxecto, tras difundir os problemas ambientais nas redes, o noso alumnado propuxo medidas de prevención e corrección aplicables a pequena escala. Empregando a mesma plataforma de difusión, fixéronse enquisas e foros sobre a importancia dos impactos observados e propuxéronse accións no ámbito persoal que entre todos podían levar a cabo para mellorar a situación dos ecosistemas da contorna.

Perfís nas redes sociais

Avaliación

Ao remate do curso académico 2021/22, consideramos acadados os obxectivos iniciais deste proxecto de forma satisfactoria e, polo tanto, logramos unha avaliación moi positiva do traballo xeral.

Polo seu carácter interdisciplinario, os criterios de avaliación que se aplicaron aos grupos de alumnado participante foron os reflectidos na programación das materias dos departamentos didácticos incluídos no proxecto. Non obstante, estes criterios de avaliación son coherentes entre si e os trazos xerais que se acadaron en todas as etapas deste traballo obteñen unha valoración positiva. Destacan o compromiso e responsabilidade co proxecto, unha mellora no razoamento científico, o espírito crítico e o traballo autónomo e a mellora no uso das TIC e das redes sociais de forma responsable, entre outros. Así mesmo, cómpre destacar a posta en valor da biodiversidade no contorno de Cariño e a concienciación da influencia que ten a acción humana sobre os usos da auga e os ecosistemas acuáticos.

En relación coa avaliación do traballo desenvolvido durante o proxecto, considerámola tamén positiva á luz do compromiso que demostrou co traballo o profesorado e o alumnado participante, ao grao de consecución dos obxectivos propostos e aos resultados acadados ao seu remate, en xeral moi satisfactorios.


Conclusións

Como conclusión, facemos fincapé na importancia de familiarizar o alumnado co seu medio natural máis próximo. Mellorar a protección da natureza é posible se lle atribuímos o seu valor real. Desde o noso punto de vista, esta posta en valor é máis tanxible se somos quen de lle achegar o medio natural ao noso alumnado.

Actividades interdisciplinarias, que combinan tarefas desde diferentes ámbitos e puntos de vista, contribúen á innovación educativa e melloran o compromiso e motivación do alumnado. Para o noso caso particular, a motivación dos estudantes fixo posible a participación continua e o desenvolvemento do conxunto deste traballo.

Grazas á consecución deste proxecto, o noso alumnado foi quen de caracterizar o medio que o rodea, tomar conciencia da súa problemática ambiental e, o máis importante, comezar pequenas accións que cambien esta situación nun futuro próximo.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Recursos na Rede:

ADEGA, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (2021). Recuperado de http://adega.gal/portada.php?idioma=gl

Asturnatura (2021). Manual de identificación de plantas vasculares. Recuperado de https://www.asturnatura.com/plantas/inicio.html

Miteco, Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Goberno de España (2021) Conservación de la biodiversidad. Recuperado de https://www.miteco.gob.es/es/biodiversidad/temas/conservacion-de-la-biodiversidad/conservacion-de-la-biodiversidad-en-espana/default.aspx

SEOBirdlife, Sociedad Española de Ornitología (2021). Recuperado de: https://seo.org/

Sergas, Servizo Galego de Saúde, Xunta de Galicia (2021). Lexislación nacional sobre augas de consumo. Recuperado de https://www.sergas.es/Saude-publica/Augas-consumo-Lexislacion-nacional

 

Enciclopedias e guías:

Bonnier, G., De Layens, G. (1997). Claves para la determinación de plantas vasculares. Barcelona: Ed. Omega.

 Vignes, D. (2019). Herbario de plantas silvestres. Barcelona: Ed. Larousse.

 

 

Sección: