Pasado, presente e futuro da nosa experiencia na inclusión de persoas con discapacidade auditiva

Este artigo trata da experiencia do equipo da biblioteca do IES Taboada Chivite respecto do proceso de inclusión na dinámica da biblioteca —e do centro, por extensión— de tres alumnos afectados con xordeira, irmáns entre si. Elvira, Rubí e Jorge representan, respectivamente, o pasado, o presente e o futuro dun percorrido ao longo de varios anos nos que repasamos as problemáticas atopadas e as medidas postas en marcha para resolvelas.

Rebeca Ares Iglesias
Coordinadora da biblioteca do IES Taboada Chivite (Verín - Ourense)
rbkares@edu.xunta.gal

 

 

Este artigo non intenta sentar cátedra sobre a inclusión, senón contar a nosa experiencia neste eido a través de tres irmáns: Elvira, Rubí e Jorge. Os tres xordos. Eles representan o pasado, o presente e o futuro: Elvira xa non está no noso centro, Rubí é alumna nosa na actualidade, e Jorge, aínda en primaria, incorporarase o curso que vén. 

 

Elvira

No curso 2017/18 chegou ao noso instituto, acompañada da súa intérprete, Elvira, unha alumna xorda aínda que con certa capacidade para falar e escoitar. O equipo da biblioteca sentiu a necesidade de involucrar esta alumna nas actividades da biblioteca, pero foi nese momento cando fomos conscientes das dificultades coas que nos atopabamos. A máis evidente era a incapacidade para comunicarnos directamente con ela, pois o profesorado descoñecía a linguaxe de signos. Mais tampouco tiñamos fondos, materiais e equipamentos adaptados para ofrecerlle… A chegada de Elvira ao instituto, un centro novo para ela e que non estaba preparado nese momento para recibila como si o estaba o seu centro de orixe, o CEIP Princesa de España, semellaba un problema ao que non lle viamos solución. Ademais, Elvira amosábase unha rapaza introvertida, pechada en si mesma, que non aceptaba a súa discapacidade, e que se sentía dalgún xeito estigmatizada pola súa xordeira, o que facía que lle desgustara mesmo estar acompañada pola intérprete e que rexeitara calquera ofrecemento a participar e colaborar nunha actividade.

Casualmente, foi nese curso cando recibimos de Bibliotecas Escolares de Galicia información sobre «a biblioteca inclusiva», no contexto do plan LIA 2016-2020. A idea principal expresábase nos seguintes termos: «Pensar a biblioteca escolar como biblioteca inclusiva para unha mellor atención da diversidade». De xeito concreto: 

Cómpre pensar a biblioteca escolar como unha biblioteca inclusiva que elimine as barreiras entre as persoas e os recursos culturais. O modelo de biblioteca que se foi estendendo nestes últimos anos leva implícito este concepto de inclusión; as bibliotecas escolares máis activas non só ofrecen máis e mellores recursos culturais; realizan tamén prácticas integradoras que pretenden paliar a exclusión e contribúen á eliminación do fracaso escolar. Porén, cómpre incidir aínda máis nesta misión da biblioteca: a de contribuír á eliminación das desigualdades.

Foi nese momento cando os membros do equipo da biblioteca comprendemos que a chegada de Elvira non era un problema, senón unha oportunidade de mellora. Así que, con esta información, as nosas inquedanzas persoais e a colaboración do seu centro de orixe, empezamos a dar pequenos pasiños cara á idea da inclusión real e, pensando en Elvira, nese mesmo curso 2017/18 adoptamos as seguintes medidas:

  • Crear unha sección de libros en lingua de signos con títulos como Supersorda de Cece Bell, Lengua de signos española para dummies, La palabra en la mano de Marimén Ayuso, El grito de la gaviota de Emmanuelle Labori, Veo una voz: viaje el mundo de los sordos de Oliver Sacks…
  • Levar a cabo un obradoiro en lingua de signos para o profesorado, impartido pola intérprete, nunha hora fixa semanal. Este obradoiro durou dous cursos académicos e tivo unha alta participación por parte do profesorado.
  • Involucrar esta alumna en todas as actividades da biblioteca, por exemplo, no proxecto Idiomas na biblio, que consiste en que cada día o profesor de garda na biblioteca atende o alumnado nun dos idiomas que se imparten no centro. Así, reservamos un día para a lingua de signos e a alumna e a intérprete viñan axudar o profesorado e o alumnado para desenvolver os trámites de préstamos e devolucións a través da lingua de signos, dándolle deste xeito a esta linguaxe valor e visibilidade.
  • Facer partícipe esta alumna doutros proxectos, como Donas de si, actividade promovida polo centro de orixe de Elvira, o CEIP Princesa de España, na que os nenos entrevistaban a mulleres da vila relacionadas cos libros. Así, conseguimos que fose ela a que entrevistase a coordinadora da biblioteca, en lingua de signos, coa tradución da intérprete. 

 

 

Elvira deixou o instituto ao cumprir os 16 anos e do seu paso polo noso centro aprendemos varias cousas. 

  • En primeiro lugar, que a biblioteca pode converterse nun instrumento real de inclusión para que este tipo de alumnado se sinta parte activa da vida do centro. 
  • En segundo lugar, que a biblioteca pode contribuír obxectivamente ao crecemento da autoestima do alumnado, como foi neste caso e como a propia intérprete nos confirmou ao dicirnos que conseguiramos que Elvira fixese «cousas impensables». 
  • Certo é que, polo seu propio carácter e as súas circunstancias, Elvira non chegou nunca a participar de xeito asiduo nas actividades que lle propoñiamos. En consecuencia, en terceiro lugar, aprendemos que a simple e ben intencionada invitación a este tipo de alumnos a colaborar e participar en actividades non ten éxito por si mesma se non vén acompañada por unha concienciación de toda a comunidade educativa, dunhas condicións materiais mínimas na biblioteca e dun traballo psicopedagóxico previo co alumno e co seu ámbito familiar que permita superar barreiras e romper coirazas.

 

Rubí

Neste curso 2020/21 chegou Rubí ao noso centro. A diferenza de Elvira, Rubí, que ten nula capacidade auditiva, acepta a súa condición de xorda, signa desde sempre, e amósase interesada en participar en todas as actividades que lle propoñemos desde a biblioteca. Neste caso, por unha banda, a súa inclusión está resultando máis fácil, pois é unha alumna cun carácter alegre, extrovertida, cun bo nivel de autoestima, una rapaza coa que a comunicación interpersoal é fluída. Ademais, a propia comunidade educativa está máis preparada tras a convivencia con Elvira. Pero, por outra banda, Rubí presenta os seus propios desafíos, xa que ten un escaso vocabulario e non é quen de ler nin escribir textos complexos.

Para cando Rubí chegou ao centro, nós, grazas á experiencia con Elvira, eramos sensibles ás necesidades do colectivo xordo e quixemos darlle a mellor acollida posible, normalizar a súa situación e darlle visibilidade. Así que tomamos as seguintes iniciativas:

  • Coa colaboración do equipo directivo, a profesora de AL, Patricia Montesinos (membro do equipo da biblioteca), realizou varios carteis con imaxes dos signos necesarios para expresar o nome de aulas específicas (Relixión Evanxélica, Música etc.) e de lugares comúns, tales como a biblioteca, a conserxería, o salón de actos, a cafetería… e outros carteis con saúdos básicos para que todos os membros da comunidade educativa puidesen establecer conversacións elementais con ela utilizando a lingua de signos.
  • Por petición nosa, ao inicio do curso, o equipo directivo envioulle ao profesorado por correo electrónico, xunto con outras información convencionais, a guía da CNSE Alumnado sordo en Secundaria: ¿cómo trabajar con ellos en el aula?

 

 

Avaliamos as súas necesidades e, dadas as súas dificultades lectoras, creamos un proxecto lector específico para Rubí, que se desenvolve na Hora de Ler nas clases da profesora de AL. Este proxecto lector consiste na gravación dun vídeo no que ela signa un libro (imitando a súa intérprete), con imaxes de fondo e coa voz dalgún profesor:

Rubí actualmente está involucrada en todas as actividades da biblioteca e sempre se presta a participar no que lle propoñemos. Tamén, por suposto, na actividade Idiomas na biblio, para a que elaborou un vídeo en lingua de signos coas frases básicas para poder desenvolverse na biblioteca.

Agora mesmo está a colaborar na renovación da sinalización da biblioteca, para que cada sección teña o correspondente cartel en lingua de signos. Asemade, o 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, gravou en lingua de signos a promoción do programa de radio feito polos seus compañeiros.

 

 

Con Rubí estamos aprendendo que a integración é unha meta realista e que a inclusión é un proceso de dous sentidos, enriquecedor para a propia alumna e para o resto da comunidade educativa, que debe aceptar a heteroxeneidade como un feito normal na vida.

 

Jorge

Jorge aínda non chegou ao centro. É futuro. Como persoa xorda, parte (el e nós) da vantaxe do camiño andado polas súas irmás maiores. Como persoa pertencente á etnia xitana, como as súas irmás, sentimos que hai moito traballo por facer (a etnia xitana representa o 9 % do noso alumnado na ESO e ten unhas necesidades moi particulares e uns desafíos específicos), malia crermos que xa estamos dando pasos firmes na boa dirección, a través de actividades como a celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, co desenvolvemento dun programa de radio realizado en exclusiva por alumnado xitano. 

Jorge, xordo, xitano, finalmente é representante de todo o alumnado en risco de exclusión: desde inmigrantes estranxeiros (case o 5 % do noso alumnado na ESO é marroquí) que non coñecen o noso idioma ata alumnos con diversas discapacidades. Alumnos que teñen que sentir a biblioteca como súa, que teñen que ter á súa disposición materiais e fondos adaptados ás súas necesidades (como libros de lectura fácil de temática adolescente máis relacionados cos seus intereses), alumnos nos que debemos intentar prender a motivación para participar en conferencias, exposicións, obradoiros e todo tipo de actividades. Por iso seguimos traballando, para que a nosa sexa unha biblioteca de todos e para todos.

 

 

 

Sección: