Leccións da pandemia: aprendizaxe informal

No 150.º aniversario de Maria Montessori
Cambiemos de vía. Lecciones de la pandemia. Así titula Edgar Morin o seu recente ensaio. O filósofo e sociólogo conclúe ata cinco aprendizaxes: a constancia da incerteza na vida, o enfrontamento coa ineludible morte, a toma de consciencia das virtudes e contradicións da nosa civilización, os factores da crise global económica, social e filosófica e, finalmente, a conciencia da solidariedade e a fraternidade. O presente curso 2020/21 veu marcado polas medidas hixiénico- sanitarias da pandemia. Alén as tres emes —máscara, mans e metros— e a ventilación dos espazos pechados, a resposta educativa precisou dunha adaptación principalmente nas metodoloxías. No ano de conmemoración da pedagoga María Montessori a súa proposta semella axeitada á nova normalidade da docencia a distancia.

Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
Profesor de Ciencias Sociais
IES S. Basanta Silva. Vilalba

 

Contextualización

O espazo e o tempo, dimensións da realidade, son determinantes para o caso analizado: un centro educativo na capital da Terra Chá con máis de cincocentos alumnos e alumnas da ampla comarca. Baixa densidade de poboación en declive e tendencia a concentrarse na vila, pero aínda con importantes continxentes en poboamento disperso. Instalacións amplas e repartidas en tres edificios para aulas, froito da década previa cunha matrícula superior ao milleiro.

A covid-19 foi respondida con desdobramentos de aulas e remodelación de espazos comúns para uso docente, ademais dos itinerarios de circulación pertinentes para evitar as aglomeracións. As vellas instalacións volveron ser utilizadas con ratios por aula axeitadas á pandemia. Polo tanto, foi a dimensión espacial a máis modificada, mentres que a dimensión temporal só implicou accesos e saídas por quendas sen ter que tomar medidas de desdobramentos nas tardes  propios dos centros educativos das cidades, onde o espazo non daba máis de si e foi a dimensión do tempo quen aliviou a masificación.

 

Obxectivos

- Valorar as experiencias emocionais do alumnado durante o confinamento.

- Identificar a metodoloxía da aprendizaxe informal nun contexto espacial e temporal que se pode prolongar segundo a evolución sanitaria da poboación.

- Coñecer a proposta educativa de Maria Montessori e a súa confianza na capacidade de autoaprendizaxe do educando.

- Rescatar a transcendencia afectiva cara ao logro da fraternidade, principio universal en todas as civilizacións.

 

 

 

Descrición da actividade

A comezos do curso 2020/21, coa resaca do confinamento e as incertezas iniciais diante do período lectivo, a atención ao estado emocional do alumnado foi imprescindible. Desde a materia de Ciencias Sociais de terceiro e cuarto da ESO, nos tres grupos correspondentes por nivel, procedeuse a analizar o «aquí e agora» do mes de setembro. Falar,  escoitar e sentir en compañía aquilo que foi un impacto emocional global e especificamente para a comunidade educativa.

Para que serve a vida en familia? Para intercambiar emocións dun xeito tan adecuado e tan libre como sexa posible. (...) Se es un cos demais, se vives para os demais, (...) entón hai unha vida de familia verdadeira.

Svani Prajnanpad

 

A visión e análise de información xornalística da situación sociosanitaria no mundo e no país, especificamente para a xente nova, ademais da exposición, por medio de fotografías de elaboración propia, de como viviu o docente o período de confinamento, animou á elaboración dun ensaio libre e breve sobre aquilo que o alumnado quixo e tivo a necesidade de comunicar. A continuación, unha escolma que compón un exercicio colectivo de reflexión e como o alumnado, por si mesmo, achega as mesmas reflexións de Edgar Morin: incerteza, morte, crise, civilización e solidariedade.

 

Vese a si mesmo en todos os seres e ve a todos os seres en si mesmo e para todos eles ten unha mirada comprensiva (6:25). Aqueles que se ocupan do ben doutros seres e cunha mente equilibrada e liberada (...) manteñen unha actitude ecuánime con respecto a todos (13:1).

Bhagavadgita (VI a II a. de C.)

 

O virus

Rúas baleiras como nunca se viran, colas inmensas para ir ao supermercado e á farmacia. Negocios que tiveron que pechar. Acórdome de despedirme dos meus amigos con apertas e bicos. Estaba asustada e preocupada porque sabía que todo o que nos agardaba non ía ser nada bo. Parecíame algo surrealista. Dun día para outro deixas de ver os teus seres queridos, amigos e familiares. Peche de fronteiras, entón comecei a preocuparme pola miña xente do estranxeiro. A crise que teriamos ao pensar nos miles de empresas que pecharían e a xente que quedaría sen traballo. Comezou a expandirse desde A China e pensaba que  nunca ía chegar. O virus estaba matando moita xente, sobre todo maior. Atopabámonos nun estado de incerteza e mirabamos as novas todos os días. Había moitas persoas hospitalizadas. Estiven preocupada, xa que os meus pais e a miña irmá tiveron que saír traballar por pertencer a actividades esenciais. A miña madriña traballa no hospital de Lugo e estivo cos enfermos da UCI. Non había máscaras. Todo comezou a ser diferente. Todos iamos con máscara para protexernos ao máximo. Usando as luvas e o xel constantemente. O que máis me impresionou foi o silencio. Incluso non se escoitaban falar os veciños. A policía, a determinadas horas, cun megáfono desde o coche patrulla, ditando as normas de seguridade. Uns dicían que simplemente era unha gripe e outros que era un milagre sandar no caso de que o colleses. Tiña medo de que a miña nai se contaxiase no traballo, pero sobre todo tiña medo polos meus avós. Cando comezaron a subir os hospitalizados e as mortes, arrepentinme de querer que chegara (o virus). Falecemento de 900 persoas diarias. Cando viron que chegara o virus a Vilalba, colleron medo e comezaron a cumprir todas as normas. Eu resteille importancia e pensaba que era unha simple gripe e que todo o mundo esaxeraba. En abril morreu o meu único avó. Non puidemos ir ao enterro nin ao tanatorio. Non poder despedirme del púxome moi triste. Foi máis difícil para o meu pai. Foi complicado, foi difícil o feito de ver tanta xente morrer.

 

Cada día analizo estes tres aspectos: ao actuar en favor doutros, sempre fun leal ás súas necesidades? Na comunicación con eles, fun fiel á miña palabra? Faltei aos preceptos nos que me eduquei (1:4).

Confucio. Analectas (VI a. de C.)

Confinamento

Comezou como unhas pequenas e ledas vacacións de quince días e logo cambiou e acabaron sendo meses de sufrimento para miles de persoas. Os primeiros días tiña unha sensación rara, non sabía moi ben que facer e aos poucos funme adaptando. Na metade do confinamento veu miña avoa estar con nós para que non estivese soa. O que me fixo máis feliz foi ver a miña familia. Eles saudáronnos pola fiestra a miña nai e a min na rúa. Estivemos vinte minutos falando e para min ese momento foi enorme. Despois comezou todo o malo. Todo o estrés e todos os deberes e problemas. Ao depender da tecnoloxía puiden coñecer moita xente de diferentes lugares e crear novas amizades. Cando levaba un mes confinado, xa o tomei máis en serio. Cada día de confinamento preguntábame canto faltaba para que rematase todo. Os días pasaban e nada cambiaba e asustábame que isto fose a nova normalidade. Vivo nunha aldea e eu podía saír ao campo. Ás oito, a miña familia e eu saiamos ao balcón aplaudirlles aos sanitarios. O único que podiamos facer era unha chamada. Iso antes parecíanos unha parvada, pero nestes momentos provocábanos unha felicidade incrible. O confinamento nun piso non é tan doado. O único que saía da casa era meu pai para facer a compra e ir traballar. Case sempre tiña a mesma rutina: erguerme, almorzar, facer a cama e despois facer as tarefas que mandaban polo correo e pola aula virtual. Ao ser unha persoa de múltiples ideas, nunca me aburría. Dábame vergoña levar a máscara pola rúa. Sentíame moi raro. Agora téñoa moi normalizada e interiorizada. Durante o estado de alarma tan sequera podía saír ao xardín tomar o aire, ademais teño un can polo que podía saír pasealo. Axudei na casa a limpar e outras tarefas como o coidado dos animais porque había que alimentalos. O malo de todo isto é non poder celebrar os aniversarios cos amigos. Contra o verán marchei para a aldea axudarlles a ensilar a herba para as vacas no inverno. Chorar por calquera nova ou lembranza. Son unha persoa bastante organizada e non ter as situacións baixo control prodúceme angustia. A miña cabeza comezou a dar voltas e por ela pasaron todo tipo de pensamentos. Dedicarlles un aplauso aos heroes da pandemia, todos os que seguiron traballando. Cantando unha e outra vez o himno do confinamento «Resistiré». Erguerme para desexarlle sorte á miña nai cando marchaba traballar. Non poder darlles unha aperta aos meus avós rompíame por dentro. Telos tan próximos e, ao mesmo tempo, tan lonxe. Na aldea non había que preocuparse polos protocolos e a corentena foi practicamente inexistente. Ás veces dábanme ataques de ansiedade e o que facía para calmarme era debuxar mentres escoitaba música. Fixemos un pozo e un rocho. Tamén axudei a picar a leña. Temos animais, hortas e a maioría dos traballos están asociados ao sector primario. Espertabamos coa canción «Bela Ciao», cociñaba con ela, limpaba con ela. Axudeille a meu pai a facer un garaxe. Unha conversa a través de mensaxes ou audios non é igual de satisfactoria que cara a cara. Podía ver a xente que  non cumpría as normas de seguridade ou levaba a máscara mal posta ou sen poñer. Durante as tardes pasaba a maior parte do tempo coa miña avoa. Con ela aprendín moitas cousas. O que máis botei de menos foi os meus curmáns porque viven na Coruña e non se podía cambiar de provincia.

Ningún de nós dana os seres vivos. (...) Non albergamos odio nin ira. (...) Somos xenerosos cos mendigos e cos ascetas. A quen chama á nosa porta satisfacémolo con comida e bebida. (...) Vivimos en austeridade e exercitamos o autodominio, o estudo e a devoción. (...) Repudiamos que se derrame sangue dos seres vivos.

A lenda de Buda: Historia de Dharmapala

 

 

 

A aprendizaxe formal a distancia

O día que comunicaron que non iamos volver ás clases (...) foi un pouco desesperante, xa que era algo totalmente novo e estabamos un pouco perdidos. Os profesores intentaron tranquilizarnos. Comezamos a utilizar máis a aula virtual. Foi moi difícil polas tarefas que nos mandaban, aínda que entendo o gran labor que tiveron que facer tanto eles coma nós. Todo o alumnado non puido avanzar no temario. A pesar de ser máis cómodo, quedo mil veces co método presencial. O ensino a distancia é moi diferente ao ensino normal na aula. Estivemos case catro meses a base de tarefa tras tarefa. Fixen todos os traballos que mandaron e traballei moito. Houbo cousas boas, como non ter que madrugar, pero prefiro mil veces as clases presenciais. O máis curioso é que aprendía máis pola miña conta que coas tarefas que enviaron. Foime difícil comunicarme cos profesores, xa que non tiñan o correo electrónico de todos. De todas as formas, os alumnos axudámonos entre nós para que se nos fixese máis fácil a situación. Meu pai teletraballaba tamén. As clases en liña non me gustaron nada e por videoconferencia eran unha trapallada. Prefiro as aulas presenciais porque o instituto está feito para aprender alí e non fóra. Ao abrir o sobre das notas déronme ganas de chorar de emoción: aprobara todo e estaba orgullosa porque sabía que me esforzara moito para conseguilo. Téñolle que dar as grazas á miña nai xa que, se non fose por ela, probablemente non sacaría o curso adiante.

Sede bondadosos coa familia e parentes, e cos orfos e necesitados, cos veciños próximos e afastados, co compañeiro afín e con que está de paso, así como cos que se atopen baixo a vosa protección (4:36). E cando cheguen á vellez na túa casa, (...) nunca os trates con reproches senón con palabras de respecto e cariño. Mostra ante eles humildade e tenrura (17: 23-24).

Sagrado Corán

 

A aprendizaxe informal

Cociñei bastantes doces. Aprendín a facer filloas e orellas de Entroido e case logro facer merengues. Aproveitei para pasar máis tempo coas miñas mascotas. Fixemos moitos quebracabezas e xogamos a xogos de mesa en familia. As videochamadas foron unha gran forma de matar o aburrimento cos amigos. A música e poder entreterme coa frauta axudoume moito. Por primeira vez fixen deporte na casa. Xogar á consola era unha forma de evadirme da realidade. Xogar ao parchís. A min afectoume moito porque non podía ver os amigos nin xogar ao fútbol que é a miña paixón. Un día caín da bici e rompín unha perna. Tiveron que me operar. Alí estaba todo moi baleiro e non me podían visitar. A recuperación foi moi dura e aburrida. Lin varios libros. Montamos unha piscina. Fun facer rutas polo Miño. Moita mágoa que este ano non houbese San Ramón (festas patronais), xa que noutros anos pasabámolo en grande. Xogar ao catro en raia. Axudeille a miña nai a pintar un moble. Cociñei un biscoito de cenoria, unha tarta de tres chocolates, unha tortilla de patacas, un flan de ovo. Fixen origami e crebacabezas. Agora a música é a miña mellor aliada para concentrarme e practicar a miña letra (caligrafía). Xogar á Play cos meus amigos. Vin series e películas. Para xogar ao pimpón collemos unha mesa vella e puxémoslle manteis por riba e de rede un estor estragado e colliamos dous libros pequenos e unha pelota. Tiven a idea de facer un Bullet Journal. Isto consiste en coller un caderno pequeno e decorar as páxinas con fotos e información referida a ela. Comecei a facer algo que sempre quixen facer pero nunca tiña tempo: un cosplay. Os nosos xogos favoritos eran diferentes tipos de Monopoly e todo tipo de xogos de cartas. O aburrimento obrigoume a facer cousas que non sabía que eran tan divertidas. Pasaba horas lendo libros que tiña nos estantes esquecidos e, sobre todo, escribindo cousas que igual nunca saen á luz, pero que me encanta facelas. Ver o ceo. Encántame ollar a Lúa e buscar constelacións. Decidín probar se conseguía amañar un portátil algo vello que non ía ben e foi bastante sinxelo. Despois estiven días descargando actualizacións e tiña un ordenador plenamente operativo que me resultou moi útil. Técnicas novas para pintar cadros. Cociñar sushi e lasaña caseira. Instalar un pequeno moble de cartón para organizar o meu escritorio. Aprendía a tocar a guitarra. Sempre me gustou ese instrumento e no confinamento atopei a oportunidade de intentalo. Ensinoume a facer biscoitos, empanadas e bolos de pan. Tamén bailamos cun xogo de coreografías. Os meus pais e eu fixemos un álbum dixital empregando fotos antigas e lembrando eses momentos para contarme historias sobre a súa infancia e anécdotas cos avós. Facía moito deporte: correr na cinta, bicicleta estática, abdominais, pesas... Reler algún que outro libro. Comezamos un quebracabezas de tres mil pezas que nunca acabamos. Xogamos a un billar pequeno que, desde que nolo regalaran, nunca sacaramos da caixa.

 

Aprendizaxe na transcendencia

Cambiou moito a miña forma de pensar sobre a humanidade. Nos dous meses que durou deume tempo a coñecerme un pouco. A principios de abril comecei un diario no que fun contando as miñas experiencias co obxectivo de lelo no futuro. Aprendín a organizarme mellor. Sei que é unha etapa máis da miña vida que me axudará con moitas máis experiencias no futuro. O importante é saber saír desta e mellorar como persoas. Valorar cada aperta que antes non significaba nada e agora é todo. Serviume para adquirir certos valores. Puiden pasar máis tempo en familia, tamén valorar o que tiña antes. Aprendín o importante que é a familia. Valorar moito máis as cousas que temos e, sobre todo, a xente que queremos. Aproveitei para escribir no meu diario no que facía anos que non escribía e lin o escrito anos atrás comprobando como muda a maneira de pensar. O bo de estarmos confinados foi que nos axudou a ser autosuficientes. Aprendín que o máis normal é o que menos valoramos. Que todos necesitamos interactuar entre nós porque somos seres sociais e ninguén merece estar só. Ademais, deime conta de que pasamos máis tempo coa tecnoloxía que coa xente que queremos. Perdín un amigo e isto fíxome comprender que as amizades van e veñen, á vez que ninguén é perfecto. Os cativos tiveron moita paciencia e foron un exemplo para a cidadanía. Eu vou poñer o meu gran de area para que non nos volvan encerrar. Gustoume tomarme o meu tempo para pensar e reflexionar. Comecei a ser máis independente. Cambiei moitas formas de pensar. No que máis recapacitei foi en aproveitar a vida ao máximo e en aprender a valorar as cousas pequenas por moi insignificantes que parezan.

Dos bens que a sabedoría procura para a felicidade da vida enteira, o maior con moito é a adquisición da fraternidade (XXVII). Os que tiveron a capacidade de lograr a máxima seguridade nos seus próximos conseguen vivir así en comunidade do xeito máis pracenteiro, tendo a máis firme confianza e aínda logrando a máis colmada familiaridade (...) (XL).

Epicuro, Máximas (341-270 a. de C.)

 

Darme conta do valor que teñen todos os meus seres queridos por facerme valorar cada sorriso, cada ollada, cada bico. Grazas á soidade, madurei á forza e estou realmente orgullosa do que eu son. Deime conta da importancia da música para todos os seus amantes. Que tiña que ser máis positiva. Non só o material é importante. Ter moito non te fai mellor persoa. Ser quen de tirarlle un sorriso a alguén. Sinceramente, dáme vergoña dicir que tiven que estar confinada, sen ver a ninguén case seis meses, para darme conta de todo isto. Ir pola vacas e, ao volver, ver un serán distinto que me serviu para aprender o precioso que é o mundo. Sen dúbida, as miñas contornas tiñan algo inexplicable que contempladas son algo inesquecible. Cambioume por completo a percepción da vida. A min fíxome darme conta do ritmo frenético que levan as nosas vidas e do pouco tempo que nos dedicamos a nós mesmos e aos demais. Permitiume estar con nós mesmos e reflexionar. Temos que valorar esta vida porque non sabemos que pode pasar o día de mañá. Aprendía a valorar a liberdade que tiñamos antes. Unha situación que me cambiou moito, penso que para ben, xa que tiven moito tempo para reflexionar sobre unha inmensidade de temas. Eu son consciente das liberdades de vivir aquí, na miña terra. Necesitamos un pouco máis de sentidiño. Necesitaba tocar a herba, cousa que na miña vida pensara que puidese acontecer. Os meus irmáns, por moi pesados que me parezan, fixeron que estivese entretida a todas as horas. Fíxome unirme máis á familia e ver o que verdadeiramente é importante e o moito que lles tes que demostrar aos teus seres queridos o que os queres para que nunca o esquezan.

O home ben nacido dedícase principalmente á sabedoría e á amizade: destas, unha é un ben mortal; a outra, un ben inmortal. (...) A fraternidade move xubilosamente a súa rolda arredor do mundo. Como un heraldo, lánzanos a todos o seu chamado: espertade para congratularvos  mutuamente.

Epicuro, Gnomoloxio vaticano (341-270 a. de C.)

 

Conclusión avaliatoria

Durante o primeiro confinamento a aprendizaxe sumou unha forte dimensión «informal», definida por Manuel Souto-Otero, profesor da Universidade de Bath, Gran Bretaña, como «aquela que ocorre simplemente porque vivimos» alén das institucións educativas, sobradamente a escola, «de forma libre, menos estruturada e que non implica ningunha certificación ou cualificación». Resulta de actividades diarias (traballo, ocio, familia), non estruturada (obxectivos, tempo) e incluso non intencional. Recoñecida agora pola Unión Europea, a súa historia remóntase a Maria Montessori, da que se celebra este ano o cento cincuenta aniversario. Segundo a pedagoga. «o adolescente nunca debe ser tratado como un pequeno (...), é mellor tratalo como se tivese un maior valor do que realmente amosa» porque «o neno, guiado por un mestre interior, traballa infatigablemente con ledicia para construír o home» mesmo propugnando que «calquera axuda innecesaria é un obstáculo para o neno». Como se pode comprobar, as reflexións do alumnado amosan ata que punto é autosuficiente para aprender e metacognizar. Montessori mesmo identifica a transcendencia emocional cando argumenta que «a conciencia de saber como facerse útil, como axudar a humanidade de moitas maneiras enche a alma (do aprendiz) con nobre confianza, case dignidade relixiosa».

Non esperamos que o noso alimento proveña da benevolencia do carniceiro, nin do cervexeiro, nin do panadeiro, senón do seu propio interese. Non apelamos ao seu humanitarismo, senón ao seu amor propio.

Adam Smith, A riqueza das nacións (1776)

 

Liberdade, igualdade e fraternidade son o trípode dunha sociedade democrática. Con perspectiva histórica, a primeira foi inicialmente esixida pola ideoloxía liberal ao longo do XIX. Será a mediados dese mesmo século cando, comprobadas as virtudes, pero tamén as súas consecuencias colaterais, xorde a demanda da seguinte segundo a ideoloxía socialista. Tamén o tempo mostrou as súas contradicións e limitacións. Unha relación dialéctica nunha balanza onde semella que o goberno dun vai en detrimento do outro: liberdade versus igualdade. Sobre a fraternidade, ambas as ideoloxías entendían que sería o froito maduro consecuencia inherente ao desenvolvemento das súas respectivas cosmovisións. A escolma de textos transcendentes das civilizacións ilustran sobre a universalidade e antigüidade da proposta fraterna. Para a civilización xudeo-cristiá, na parábola bíblica do «bo samaritano», Xesús propón unha resposta semellante.

Hoxe, a pandemia mundial evidenciou a necesidade e o recurso á fraternidade que só a transcendencia afectiva pode achegar. O filósofo Bruno Latour explica que «a pandemia supuxo un baño de realidade, unha toma de conciencia dos nosos límites e a nosa dependencia respecto da natureza». Na carta encíclica Fratelli tutti, sobre la fraternidad y la amistad social, o papa Francisco argumenta que:

A pandemia da covid-19 deixou ao descuberto as nosas falsas seguridades (...) Ninguén pode pelexar a vida illadamente. Precísase unha comunidade na que nos axudemos uns aos outros (...) Estamos máis sós que nunca neste mundo masificado que fai prevalecer os intereses individuais e debilita a dimensión comunitaria da existencia.

Tamén o filósofo Alexander Batthyány argumenta que:

Teremos que facer o necesario, pero facelo doutra forma. Compartir as responsabilidades e os coidados. O traballo en equipo é o mellor construtor da paz. Noutras palabras, darlle a cada membro da familia a responsabilidade de cumprir as súas obrigas cotiás, (...) pero a partir de agora tratar de facelo con algo máis de atención, de amor, de dedicación.

Con respecto á educación, conclúe que:

Seremos grandes exemplos para os nosos fillos, que aprenderán moitas máis cousas que na escola (...) Se quedan con esa ensinanza, teremos moitos motivos para confiar en que o mundo posterior á covid vaia contar cunha nova xeración capaz de reconstruír un mundo sacudido pola crise.

A historiadora Anne Applebaum argumenta que «a pandemia foi unha proba do valor da ciencia e da cooperación internacional». O pensador Javier Melloni asegura que a pandemia:

Chega no momento adecuado para que fagamos un cambio cualitativo de conciencia e ten algo inédito: é planetaria. Non tiveramos nunca unha experiencia deste tipo. (...) Agora, esta indefensión colectiva produce tenrura e solidariedade. (...) Chegou o momento de apertar a totalidade do legado espiritual da humanidade.

En palabras de Francisco, «O Occidente podería atopar na civilización do Oriente os remedios para algunhas das súas enfermidades espirituais e relixiosas causadas pola dominación do materialismo».

 

 

 

Primeiro examina as terras e a súa situación, (...) entón estuda todo o que se dispón (...) entre o ceo e a terra (...). Nese momento, cando xa percorreu as partes máis baixas, lánzase ás máis altas e goza do fermosísimo espectáculo das cousas divinas, lembrando a súa propia eternidade.

Séneca, Consolación á súa nai Helvia (sobre a educación do neno) (século I)

 

Se volvemos ler as reflexións do alumnado, comprobaremos que fixeron por si mesmos o mesmo transo: do concreto ao transcendente. Parten da crónica de sucesos no planeta e nas súas vidas e avanzan ante o desafío ata acadar o coñecemento alén o evidente. As cinco conclusións do filósofo coas que comezamos este artigo.

 

 

 

A educación consegue extraer globalmente do neno todo o mellor que ten, xa se trate do corpo, da intelixencia ou do espírito.

Gandhi

 

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Applebaum, A. (2016). El ocaso de la democracia. Debate.

Arnau, J. (2011). Leyenda de Buda (tradución). Alianza.

Arnau, J. (2016). Bhagavadgita (tradución). Atalanta.

Bassets, M. (27-12-2020). El año del aterrizaje, El País

Blanque, E. (2013). Pedagogía Montessori. Postulados generales y aportación al sistema educativo. Universidad Internacional de la Rioja (UNIR).

Batthyáyny, A. (2020). La superación de la indiferencia. El sentido de la vida en tiempos de cambio. Herder.

Confucio (2014). Analectas. Kailas.

Francisco (2020). Fratelli tutti. Sobre la fraternidad y la amistad social.   Biblioteca de autores cristianos.

Melloni, J. (2011). Hacia un tiempo de síntesis. Ed. Fragmenta.

Montessori, M. (2018). Ideas generales sobre mi método. Ed. Ciencias de la Educación.

Morin, E (2020). Cambiemos de vía. Lecciones de la pandemia. Paidós.

Sección: