Voz da travesía

Voz da travesía

A tradición oral como nexo de unión dos pobos.

 

Voz da Travesía é o nome do proxecto europeo co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta por poñer en valor a tradición oral como nexo de unión entre os pobos. A iniciativa, que se centra na creación artística e nos intercambios culturais, percorre Galicia, e as rexións de Bruxelas (Bélxica) e de Aquitania (Francia), tres territorios conectados polo Camiño de Santiago.
A presentación europea do proxecto tivo lugar  en Bruxelas, nun encontro no que estiveron presentes os parceiros da iniciativa. A Consellería participa en Voz da Travesía a través da Fundación Illa de San Simón, que estivo representada polo director Javier Alonso, xunto coa Association Attention Chantier Vocal e a Maison du Conte de Bruxelles, ademais doutras entidades colaboradoras.
A acción de Voz da Travesía –que se desenvolverá ata maio de 2014– é múltiple e inclúe a recollida de testemuños de vida, residencias de artistas, espectáculos, seráns abertos, accións no ámbito escolar, formación nas artes da oralidade, sesións estivais de creación para adolescentes, exposición sonora, espectáculos itinerantes etc.
 

Compartir os saberes da memoria colectiva

A posta en marcha destas iniciativas ten entre os seus obxectivos desenvolver, compartir e difundir os saberes vinculados coa memoria colectiva en Europa e no exterior; compartir entre xeracións temas de integración, idea de viaxe, inmigración e exilio; desenvolver prácticas artísticas creativas e interdisciplinares, mesturar prácticas profesionais e afeccionadas a través de creacións colectivas así como empregar o relato oral e a tradición popular falada e cantada como instrumentos de coñecemento do propio e do outro.

Nova oportunidade para difundir a cultura galega

 
O Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea patrocina por segunda vez un proxecto no que participa a Fundación Illa de San Simón, o que constitúe unha nova oportunidade para poñer en valor e difundir a cultura galega no ámbito europeo.
Coa súa implicación neste proxecto, a Secretaría Xeral de Cultura aposta por favorecer a descuberta dos saberes da tradición oral e dos diversos patrimonios locais europeos, por desenvolver o coñecemento dunha historia popular europea e por participar na comprensión e na promoción da diversidade cultural.
 
Fonte: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
 

 

Sección: