As esencias da educación intercultural

Paloma Losada Romero
palomalr@edu.xunta.gal
CFR de Pontevedra

A educación intercultural pode e debe ser unha rama da inclusión educativa, pero pode ser tamén a porta que nos leve a unha educación máis participativa, innovadora e asentada nunha realidade social cada vez máis diversa, tanto no relativo ás nacionalidades presentes nela como noutros moitos aspectos.

O libro do profesor Leiva Olivencia, da Universidade de Málaga, reflexiona sobre como integrar o enfoque intercultural cunha serie de aspectos clave da educación actual, a cada un dos cales lle dedica un capítulo: atención á diversidade, emprego das TIC, participación das familias e da comunidade, educación emocional e de actitudes e formación do profesorado.

Partindo dunha detallada documentación que inclúe tanto estudos académicos e de campo como experiencias e testemuñas concretas, o libro invita non só a deixar de percibir a interculturalidade como unha dificultade, senón  a superar mesmo a conciencia da súa necesidade e pasar a vela como unha oportunidade para o progreso do alumnado e da educación. Ese enfoque positivo esténdese tamén ao tratamento das diversas cuestións nas que, máis que insistir nas carencias, necesidades ou riscos (que, obviamente, tampouco se ocultan), se propoñen alternativas asentadas nos datos máis positivos en canto a actitudes, experiencias e iniciativas.

Desde este punto de vista, a crecente diversidade cultural nos centros educativos ofrécenos unha oportunidade ilusionante para o coñecemento e comprensión doutras culturas, co que iso supón de enriquecedor para o crecemento persoal do noso alumnado e para contribuír á creación dunha sociedade aberta e plural. Pero ademais, como profesionais da educación, traballar nunha liña de interculturalidade real e profunda é un motor de renovación pedagóxica que permite aproveitar mellor os recursos e implementar cambios metodolóxicos diversos e necesarios (introdución de metodoloxías activas e cooperativas, integración das TIC, atención aos aspectos emocionais...).

E é que, á fin e ao cabo, a interacción entre culturas descúbrenos, ademais da marabillosa diversidade das sociedades humanas, o fondo común intrínseco das persoas: en palabras do propio autor, «a base da educación intercultural debe ser o feito de que todos, mais alá das nosas diferenzas, somos persoas que necesitan sentirse valoradas e apreciadas por si mesmas e non unicamente pola súa orixe». Cambiemos orixe por calquera outro factor de diversidade (clase social, xénero, habilidades diversas...) e abriremos a porta a unha educación máis humana con, entre, por e para todos e todas.

 

 

 

Sección: