Linguaxe Takedinorum

Unha ferramenta para a aprendizaxe da percusión corporal na aula
A linguaxe takedinorum é un sistema de vocalización de xestos de percusión corporal desenvolvida polo autor. A partir dos seus elementos básicos, as sílabas takedinorum, constrúense estruturas máis grandes: palabras, frases e coreografías. Neste artigo preséntanse os fundamentos teóricos da linguaxe e unha colección de 21 vídeos titoriais progresivos publicada no repositorio de contidos Abalar. Complétase cunha proposta de partitura para usar na aula.

Benito Buide del Real
IES da Terra Chá (Castro de Rei - Lugo)

Contextualización

O desenvolvemento do ritmo sen dúbida é un dos principais obxectivos da materia de Música nos diferentes niveis educativos. O autor opina que este desenvolvemento debe estar ligado ao movemento e, polo tanto, ao desenvolvemento da psicomotricidade.

A percusión corporal é un recurso moi práctico e eficaz para traballar o ritmo na aula. O autor leva anos explorando este recurso, deseñando materiais propios, impartindo obradoiros e formación de profesorado e asistindo a cursos e festivais en diferentes lugares de Europa. Froito desta experiencia xurdiu a linguaxe takedinorum, que non é outra cousa que un sistema de vocalización rítmica dos xestos básicos da percusión corporal.

Resultaba ademais útil dispor dunha colección de vídeos titoriais para que outros docentes puidesen experimentar con takedinorum nas súas aulas. Entre xaneiro e marzo de 2018 desenvolveuse unha colección de 21 vídeos como resultado dunha licenza formativa.
Esta colección atópase dispoñible:

  • Opción de descargar a colección completa: esta opción permite dispor dun obxecto educativo dixital (ODE) con toda a información. Os vídeos, por cuestión de espazo, non están integrados no ODE senón que están aloxados en Youtube. Necesita, polo tanto, conexión á Rede.
  • Opción de descargar capítulo a capítulo: esta opción permite descargar ata 21 ODE para usar sen conexión á Rede xa que cada vídeo está integrado no propio ODE.

A colección está baixo licenza Obra publicada con licenza Creative Commons Reconocimiento CompartirIgual 4.0. Os recursos audiovisuais de terceiros contidos nela son compatibles con esta licenza.

Malia no repositorio Abalar presentarse como un recurso para primeiro da ESO, en realidade, é aplicable nos últimos cursos de primaria, en toda a ESO e no bacharelato. E, por suposto, para a formación do profesorado.

Como exemplo de actividade que pode desenvolverse na aula empregando esta linguaxe takedinorum preséntase ao final unha coreografía takedinorum para acompañar a canción galega «Unha noite na eira do trigo».
 

Descrición

Fundamentos teóricos

A linguaxe takedinorum é un sistema de solmización rítmica baseado no propio xesto percusivo corporal. A partir das 5 vogais básicas (a, e, i, o, u) e seguindo un sistema, constrúense sílabas para vocalizar os principais xestos da percusión corporal.

Algunhas das vantaxes desta linguaxe que se poden apreciar directamente na aula son:

  • facilita a memorización de secuencias rítmico-corporais complexas,
  • permite desenvolver a psicomotricidade necesaria para a realización das secuencias, establecendo conexións mentais entre a sílaba pronunciada, o xesto que representa e o movemento necesario para chegar a ese xesto,
  • permite desenvolver un traballo rítmico-corporal de precisión.

Ao traballar con takedinorum estamos poñendo en marcha tres niveis psicomotrices de modo simultáneo, con todo o que iso supón: a voz, as mans e os pés.

Cada sílaba takedinorum contén a seguinte información:

  • localización corporal do xesto ao que acompaña,
  • o tipo de xesto,
  • a lateralidade do xesto.

Uso das vogais:

  • Sílabas con «a»: empréganse para vocalizar xestos tipo palmada ou na zona superior do corpo (brazos, cara).
  • Sílabas con «e»: para xestos percusivos no tronco (palmas no peito e na barriga).
  • Sílabas con «i»: para estalos.
  • Sílabas con «o»: para xestos percusivos nas pernas (palmadas nas coxas, nos glúteos, nos xemelgos).
  • Sílabas con «u»: para xestos percusivos cos pés.

Uso das consoantes:

  • t: dereita
  • k: esquerda
  • p: os dous lados simultáneos

Exemplo dalgunhas sílabas frecuentes:

  • Cha: palmada xeral, sen especificar máis.
  • Ta: man dereita á man dereita do compañeiro
  • Te: man dereita ao peito
  • Ki: estalo coa man esquerda
  • Po: as dúas mans percuten á vez nas coxas.
  • Dum: xesto percusivo co pé, en xeral, sen especificar dereita ou esquerda.

 

Colección de vídeos

Cada vídeo desta colección dura entre 5 e 10 minutos e está pensado para ser proxectado na aula e que o alumnado, por imitación en espello, poida ir desenvolvendo «secuencias takedinorum» (secuencias rítmico-corporais mentres se vocalizan as sílabas takedinorum). O papel do educador é observar o alumnado e guialo no uso do vídeo, traballando as dificultades que vaian xurdindo. Para isto conta con materiais de apoio, sobre todo textos explicativos e partituras das secuencias rítmicas. A través da colección chegan a presentarse máis de 300 «secuencias takedinorum».

A vocalización é un dos fundamentos deste sistema de aprendizaxe e un dos obxectivos que se quere conseguir na aula. Ao principio non é doado e hai que insistirlle moito ao alumnado nesta cuestión.

A colección, conforme se publica no repositorio de contidos Abalar, organízase do seguinte xeito:

  • Que é: sección dedicada aos fundamentos teóricos e explicacións sobre a linguaxe takedinorum.
  • Vídeo presentación.
  • Nivel 1: 4 vídeos. Cada vídeo traballa secuencias cunha soa vogal takedinorum.
  • Nivel 2: 5 vídeos. Cada vídeo traballa secuencias con dúas vogais takedinorum.
  • Nivel 3: 4 vídeos. Cada vídeo traballa secuencias con 3 ou 4 vogais.
  • Nivel 4: 5 vídeos. Comézanse a empregar os pés (vogal u) como parte dos ritmos, non só para levar o pulso coma nos 3 primeiros niveis.
  • Nivel 5: 2 vídeos. Presentan dúas «coreografías». A coreografía é o nivel de complexidade máis alto da linguaxe takedinorum. É un conxunto de frases e nexos de unión, é dicir, unha sucesión complexa de secuencias rítmico-corporais que permiten acompañar o canto dunha melodía ou a audición dalgunha música. A primeira coreografía está construída sobre unha muiñeira tradicional galega. A segunda serve para acompañar unha versión Creative Commons do estándar de jazz Lullaby of Birdland.
  • Documentos de axuda: guía didáctica, manual de uso e documentos técnicos.

Unha noite na eira do trigo

A modo de exemplo, preséntase a continuación a partitura completa dunha «coreografía takedinorum» para acompañar o tema «Unha noite na eira do trigo», con texto de Manuel Curros Enríquez e música de Cesáreo Alonso Salgado. Esta actividade foi deseñada para o alumnado de segundo da ESO, para participar no VIII Encontro de Alumnado de Música de Galicia, organizado por Asomúsica en Santiago de Compostela o pasado 30 de abril de 2019. Está dispoñible o vídeo coa actuación do alumnado para ver o resultado final e poder aprender mellor os xestos.

A partitura ten interese por varias razóns:

  • Pertence á nosa tradición musical e poética popular.
  • Está escrita nun compás de subdivisión ternaria.
  • Excepto un par de notas, ten un ámbito de octava accesible para o canto.
  • Apenas ten modulacións, o que o fai accesible para os instrumentos da aula.

Neste caso empréganse ata 13 xestos takedinorum percusivos e algúns xestos de movemento non percusivos como pode verse no vídeo:

É interesante destacar o concepto de «xesto compartido», cando o son percusivo se produce entre dúas persoas. Por exemplo, chocando as súas palmas ou percutindo coa man no ombro do compañeiro, ou nas coxas. Este tipo de xestos resultan moi visuais e conectan cos xogos infantís aos que non todo o mundo xogou, implicando un nivel de comunicación importante no grupo dado que supón certo contacto físico entre o alumnado.

A coreografía está construída a partir das seguintes 5 secuencias:

Estas 5 secuencias básicas baséanse no mesmo patrón rítmico (muiñeira lenta), o mesmo que aparece na música de Alonso Salgado, para poder cantar a letra de xeito simultáneo sen moita dificultade. Parte do traballo da aula foi a memorización do texto completo.

É interesante o cambio de lateralidade que se produce ao cambiar cada sección, cambiando en espello todos os xestos.

Como se ve, os xestos están cheos de simbolismo para captar o carácter dramático deste texto do Rexurdimento galego. A presentación en público estivo ademais acompañada dunha presentación de imaxes co texto do poema e con fotos comparando a migración galega do XIX coa actual. Acompañouse cun pequeno texto, «Sexamos comprensivos, a xente móvese polo mundo adiante». Con esta afirmación tan simple chámase á comprensión ante o actual e eterno problema das migracións.

 

Avaliación

O problema da avaliación de contidos musicais prácticos como os tratados aquí sempre é complexo. No mellor dos casos, pode tratar de desenvolverse algún tipo de rúbrica sinxela, que sexa manexable en función do número de alumnos por clase. En todo caso, é unha cuestión de observación do proceso de aprendizaxe no transcurso das clases. Podería tamén facerse algún exame individual sobre algunha secuencia rítmica concreta ou algún exercicio derivado dos vídeos. En todo caso, é complicado reflectir nunha nota numérica o proceso de mellora da cada alumno concreto tendo en conta, ademais, que cada un parte de posicións diferentes.
Os parámetros que propoño considerar nunha rúbrica serían:

  • A precisión no ritmo e no pulso.
  • As dificultades psicomotrices concretas.
  • O uso dos tres niveis psicomotrices (voz, mans, pés).
  • O nivel de atención durante a proxección dos vídeos ou durante as explicacións do profesor.
  • Se se observa algún progreso significativo nalgún aspecto.
  • A actitude no transcurso das clases.

 

Conclusións

A linguaxe takedinorum é unha ferramenta para a aprendizaxe da percusión corporal na aula que ofrece moitas vantaxes para o desenvolvemento co alumnado a diferentes niveis educativos:

  • Permite achegarse á música dun xeito holístico que implica todo o corpo. Pode empregarse para acompañar o canto, a voz falada (por exemplo, acompañando textos poéticos), o movemento, as audicións...
  • Desenvolve a psicomotricidade a través do traballo simultáneo de voz (cantada e falada), mans e pés.
  • É unha linguaxe que se constrúe a partir de elementos moi simples, as sílabas takedinorum. Pode complicarse tanto como un queira e poida. Tanto o alumnado como o profesorado poden desenvolvelo desde o máis elemental empregando os vídeos titoriais publicados no repositorio de contidos Abalar.