Desde o patio ao barrio

Unha proposta de mellora dos espazos máis próximos ao IES Sánchez Cantón
Un proxecto interdisciplinar que nace polo interese de educar a mirada sobre o territorio, sobre os elementos configuradores da paisaxe máis próxima ao centro educativo, sobre o seu rico pasado patrimonial e a súa evolución a un presente desdebuxado e sen identidade que converte o barrio actual nun espazo produto da acción especulativa do que a memoria só perdura en forma de ruína. A busca de alternativas creativas para o barrio convértese nunha oportunidade para indagar sobre el e descubrir o pasado da cidade.

Humberto Martínez Gargamala
Profesor de Xeografía e Historia e coordinador do Proxecto Terra
IES Sánchez Cantón (Pontevedra)
gargamala@edu.xunta.es

 

 

O interese de participar en Ludantia, un encontro educativo sobre a arquitectura e o territorio que tivo lugar en Pontevedra en maio de 2018, e a necesidade de crear materiais educativos propios para a materia de Paisaxe e Sustentabilidade, unha aposta do centro ofertada ao alumnado de segundo da  ESO, son os motores que nos impulsaron a crear este novo proxecto interdisciplinar, utilizando como marco innovador a cobertura que nos ofrece o Proxecto Terra.

O IES Sánchez Cantón, desde hai varios cursos, ten integrada dentro da súa acción docente a súa participación no Plan Proxecta desde varios programas. O Proxecto Terra é un deles. Son xa catro cursos nos que asumimos a coordinación de diferentes traballos sobre o tema do territorio, o patrimonio natural e cultural e a realidade urbana de Pontevedra.

Se o noso centro de interese dos dous últimos cursos foi o barrio da Moureira de Abaixo e o río Gafos, en concreto a Ribeira dos Peiraos, antes foi a análise da paisaxe que se pode ver desde o monte da Fracha, un dos promontorios que rodea a cidade de Pontevedra. Estes proxectos servíronnos para crear materiais didácticos para a clase de Paisaxe e Sustentabilidade e para ensinarlle ao alumnado como pescudar información sobre un tema. Non concibimos un proxecto interdisciplinar que non se poida integrar no DCB. Sabemos das dificultades en espazo e tempo de aplicar algo sen a cobertura da programación. Está comprobado que desenvolver un proxecto innovador  fóra dos contidos oficiais pode estar ben e debe ser apoiado, pero ao final acaba creando unha sobrecarga de traballo para o alumnado e profesorado participantes.

Se a unidade didáctica Paisaxe desde A Fracha nace despois de ter coñecemento de que o Concello de Pontevedra pretendía facer un parque periurbano na área da Fracha, este segundo traballo nace polo interese en participar en Ludantia, un encontro educativo sobre a arquitectura e o territorio, e pola necesidade de analizar as posibilidades de mellora do barrio máis próximo ao centro.

A nosa acción educativa parte da idea da necesidade de superar os límites do centro e contribuír, a través de pequenas investigacións, na mellora dos espazos urbanos da nosa cidade, así como na creación dun proxecto que sexa memorable para o alumnado.

Para quen non o coñeza, o IES Sánchez Cantón é un instituto localizado no centro da cidade de Pontevedra. O seu alumnado adoita obter bos resultados académicos nas probas oficiais externas, cun índice baixo de abandono escolar, polo que estamos ante un estudantado maioritariamente integrado no sistema educativo, que acepta e asimila a programación de contidos previstos no DCB, pero ao que lle falta un coñecemento igual de preciso da realidade máis próxima e do seu pasado e, o máis grave, adoita ter unha ignorancia bastante grande sobre o medio rural que arrodea a cidade de Pontevedra.

Detectada esta necesidade educativa, a nosa intención é a de crear un interese polo territorio entre o alumnado, utilizando como metodoloxía de planificación a aprendizaxe baseada en proxectos (ABP) e como metodoloxía de actuación na aula a aprendizaxe cooperativa. Sabedores de que a verdadeira aprendizaxe é aquela que se produce cando o alumnado debe crear un produto final e presentalo á comunidade educativa, a participación no Plan Proxecta permite a realización destas actividades e conectalas co currículo.

Outra das características deste traballo é o seu carácter interdisciplinar. O simple feito de participar no Plan Proxecta esixe un compromiso de varios profesores polo que, sendo un tema tan próximo a Xeografía e a Historia, acabamos por convertelo nunha oportunidade temática para outras materias. No caso que nos ocupa, o proxecto Do patio ao barrio permitiu a intervención do profesor de Bioloxía e Xeoloxía, Germán Santos Galiñanes, para o estudo da calidade das augas do río Gafos; a participación do profesor de Debuxo Técnico, Jaime Rodríguez Abilleira, e o seu alumnado de segundo de bacharelato para o estudo planimétrico do barrio e do patio escolar ou a intervención de Carmen Pernas Lorenzo, profesora de Debuxo Artístico, para propoñer co seu alumnado unha solución ás numerosas medianeiras do barrio. Un mesmo eixe temático pode mobilizar a profesores de diferentes disciplinas. Con esta proposta, ademais, o alumnado visualiza a necesidade de abordar un tema desde diferentes ópticas e que todas as solucións acaban sumando cara a unha conclusión final moito máis completa e seria.

Os obxectivos que perseguimos con este traballo interdisciplinar son doados de adiviñar:

  • Espertar no alumnado a necesidade de salvagardar os espazos urbanos con presenza de elementos patrimoniais e formular actuacións sinxelas encamiñadas á súa posta en valor.
  • Comprender que a paisaxe é un dereito da cidadanía que require da nosa participación activa e entender que é un recurso portador de valores.
  • Recoñecer os elementos existentes nunha paisaxe que contribúen intensamente na formación da nosa identidade individual e colectiva.
  • Fomentar a creatividade entre o alumnado.
  • Desenvolver prácticas que obriguen o alumnado a facer uso do método de análise científica.
  • Facer públicas as nosas propostas de mellora e intervir na xestión da cidade a través dun acto co tecido asociativo e a alcaldía da cidade.
  • Facer partícipes do proxecto a entidade veciñal do barrio de San Roque e a Asociación Ecoloxista Vaipolorío.
  • Propoñerlle ao consello escolar do centro unha serie de melloras do patio escolar. De seren aprobadas, realizar de inmediato aquelas que desencadeen unha corrente de cambio.

 Alumnado expoñendo ante o alcalde de Pontevedra as posibles melloras do barrio


O traballo que imaxinamos foi desenvolvido desde diferentes áreas. O profesor de Ciencias Naturais, Germán Santos Galiñanes, deseñoulle ao alumnado de segundo da ESO un proxecto de análise das augas do río Gafos ao seu paso ao carón do centro. O alumnado tivo que preparar previamente o tema pescudando na clase o tipo de información que se podía obter: desde as propiedades físico-químicas da auga (temperatura, turbidez, cor, cheiro, pH...) ata os propios métodos de recollida de información. Unha vez preparado todo, procedeuse á visita ao río para recoller mostras en tres puntos diferentes do treito final do Gafos. Esa visita contou coa colaboración da Asociación Ecoloxista Vaipolorío, que leva anos intentando concienciar a cidadanía da necesidade de coidar o río Gafos como un corredor ecolóxico e como un curso de auga natural que, ao atravesar o tecido urbano de Pontevedra, ten unhas posibilidades de gozo por parte dos veciños enormes. Esa colaboración con entidades externas, facéndoos partícipes desta actividade é outro dos obxectivos que perseguimos co proxecto. Despois de analizar os resultados das mostras, cada equipo de alumnos procedeu a elaborar unha memoria da actividade.

Saída ao río Gafos para medir as propiedades físico- químicas das súas augas


Se a parte medioambiental do proxecto se concretou nunha saída ao río, o apartado referido ao estudo patrimonial, á historia do barrio e á evolución dos usos levounos todo un trimestre nas clases de Paisaxe e Sustentabilidade. Neste caso, o protagonismo tamén correu a cargo do alumnado de segundo da ESO. Non se trataba só de pescudar na historia do barrio, senón tamén de propoñer alternativas de mellora derivadas dun maior coñecemento desa parte da cidade que rodea o centro educativo. Foi unha oportunidade para que aprendesen a valorar os elementos patrimoniais presentes nese espazo (muíños fariñeiros, lavadoiros e peiraos) e tomasen  conciencia da necesidade de mantelos vivos na memoria. Testemuñas dunha época distinta, abandonados, sen uso, son auténticas ruínas no momento presente. O choque entre o valor que lle proporciona o paso do tempo e a súa antiga funcionalidade comparada co seu estado actual permite que o alumnado repare na falta dunha política de conservación do patrimonio e adquira un discurso crítico.

Tamén nesta parte do proxecto contamos coa colaboración do presidente da Asociación de Veciños San Roque, quen acudiu ás clases para explicarlle ao alumnado como era o barrio antes e como foi evolucionando. A importancia da actividade mariñeira, un dos sinais de identidade da antiga Pontevedra, está totalmente esquecida. O relato desta persoa, xa moi metida en anos, propiciou un contacto interxeracional verdadeiramente fermoso.

O estado actual do barrio, con numerosos inmobles que presentan feas medianeiras, resultado da transformación do antigo barrio mariñeiro acontecida ao longo dos últimos 40 anos, e o cambio de usos tan potente que desfigurou un espazo humilde da cidade, pero con identidade, serviu como obxecto de estudo planimétrico do alumnado de segundo de bacharelato na materia de Debuxo Técnico. Aquí o alumnado tivo que pasar a unha serie de planos a realidade do barrio (localización de elementos patrimoniais, plano de usos do solo, alturas...). Ademais, este alumnado tamén traballou no deseño de melloras no patio do instituto, tal como se pedía nas bases da participación de Ludantia. Nunha primeira fase, pescudou varias posibilidades de acordo coa información atopada en Internet e despois procedeuse a deseñar unha serie de asentos para a parte cuberta do patio co fin de crear espazos de encontro nunha zona do patio absolutamente morta e desapracible. O resultado final son unha serie de propostas con palés reciclados de  cores que, hoxe en día, foi o primeiro paso dado para ir transformando o patio.

Alumnado de segundo de bacharelato nos palés deseñados na clase de Debuxo Técnico


A existencia das medianeiras tamén serviu de inspiración para o alumnado de Debuxo Artístico, quen deseñou unha serie de escenas de traballos do mar para cubrir de maneira virtual o vergoñento resultado arquitectónico dunha falta de planificación e control na edificación do barrio. Para chegar á elaboración deses cadros tiveron previamente que pescudar na historia do barrio e atopar a inspiración temática axeitada. Despois de probar a reproducir prazas e recunchos emblemáticos de Pontevedra, ao ver que producía máis ruído na imaxe do barrio, pasouse a esta serie de traballos do mar como homenaxe á razón de existir da Ribeira dos Peiraos e á súa historia cargada de sabor mariñeiro. Esta proposta foille exposta á Asociación de Veciños e ao alcalde de Pontevedra nunha sesión que tivo lugar o 8 de novembro de 2017 no instituto.

Proceso creativo para as medianeiras

Proxección dunha medianeira coas escenas dos traballos do mar

 

Todo o proxecto completo pódese ver na páxina web que creamos a modo de unidade didáctica co fin de ter reunidos nun mesmo espazo todos os contidos e as actividades propostas e elaboradas.
O deseño da web contou co concurso da profesora xubilada María Rosario Sánchez-Gabriel Sánchez, quen durante moitos anos foi a encargada da biblioteca escolar do instituto e tivo demostrada valía no manexo das ferramentas creativas que ofrece a rede. Cremos que é importante aproveitar a sabedoría dos recursos humanos estean ou non en activo.

Unha parte da web está deseñada para ser usada na clase de Paisaxe e Sustentabilidade cunha serie de actividades que busca a reflexión e pescuda de información para poder ir configurando os contidos. Así pois, é o alumno, a través dunha serie de exercicios e lecturas, o que vai creando o contido.

Como comentamos anteriormente, utilizamos a metodoloxía da aprendizaxe baseada en proxectos, de tal xeito que, partindo neste caso dunha serie de imaxes antigas do barrio contrapostas co estado actual, buscamos que o alumnado experimentase un choque, unha incomodidade intelectual, un interese pola pescuda que o levase ao pasado para comprender como se produce a transformación dese espazo e poder velo con ollos máis críticos. A través de preguntas e suxerindo ligazóns de Internet, o alumno vai documentándose ata chegar á parte final, onde debe sintetizar todo isto nunha serie de propostas de mellora. Esas propostas debían estar fundamentadas porque a idea era trasladarllas ao alcalde de Pontevedra.

Na aula, o alumnado traballou cada apartado do proxecto de forma individual, pero con postas en común en grupos de catro seguindo as técnicas do traballo cooperativo. Tratamos que ao final de cada xornada houbese unha posta en común do grupo-clase para afianzar os contidos vistos ese día. Este traballo diario complementouse ao final con exposicións, resumo dos diferentes apartados do proxecto, por parte dos subgrupos para fixar as ideas e prepararse para a realización do produto final onde deberían elaborar un informe DAFO.

Este proxecto foi realizado ao longo de curso e medio, cumprindo así os prazos marcados pola organización de Ludantia. A nosa proposta figura na publicación virtual deste evento.

A maior parte do traballo foi realizado no curso 2016/17, deixando para o primeiro trimestre do seguinte a presentación do produto final en cada unha das áreas.

A avaliación do proxecto ía medirse a través da presentación de resultados tanxibles e memorables, polo que era moi importante pechalo cunha proxección cara á sociedade.

Impresión do alcalde de Pontevedra do seu encontro co alumnado

 

O encontro co alcalde de Pontevedra, o 8 de novembro de 2017, para trasladarlle as nosas conclusións tivo bastante eco nos medios locais. Por outra banda, o consello escolar apoiou a idea dos palés de cores para introducir un proceso progresivo de mellora do patio do centro.

A relación dos diferentes produtos elaborados polo alumnado desde as diferentes áreas comprometidas neste labor son as seguintes:

  • En Educación Plástica, a creación dunha proposta para cubrir as medianeiras que lle foi comunicada á Asociación Veciños San Roque e ao alcalde.
  • En Paisaxe e Sustentabilidade, a creación dunha batería de propostas para mellorar o río na súa función de corredor ecolóxico e salvar o patrimonio abandonado nas súas beiras.
  • En Debuxo Técnico, o deseño e colocación de palés no patio e outras ideas de mellora que irán incorporándose progresivamente no curso actual e posteriores na medida en que teñamos orzamento.
  • En Física e Química, un informe-auditoría do estado das augas do Gafos en tres puntos da súa desembocadura.

O alumnado, como tivo que traballar os contidos na aula e todo estaba integrado nas tarefas da clase, foi avaliado de acordo cos criterios fixados na programación de cada unha das materias que participaron no proxecto. Obviamente, houbo alumnado que participou dun xeito máis entusiasta ca outro, pero, en xeral, podemos dicir que aprendeu que preto do seu centro hai un barrio, invisible inicialmente por pouco atractivo, que, despois de coñecelo mellor, xa non miran do mesmo xeito. Descubriron que hai un patrimonio e unha historia detrás que deben ser valorizados e aprenderon que o río funciona como un corredor ecolóxico e non debe ser sepultado, como acontece ao seu paso polo barrio de Campolongo.

Este alumnado valorou positivamente o feito de traballar en equipo e de ter que pensar unha resposta para cada reto.

Para rematar, gustaríanos dicir que a pretensión de ir máis alá do espazo da aula con este traballo tivo e está a ter un percorrido que resulta moi gratificante. Á parte da exposición e publicación dunha comunicación do proxecto en Ludantia, este traballo achegounos ao tecido asociativo (Asociación Veciños de San Roque e Asociación Ecoloxista Vaipolorío), pero tamén ao rexedor da cidade, quen tomou nota das necesidades trasladadas polo alumnado.

O coñecemento deste traballo a través dunha xornalista do Diario de Pontevedra, Milagros Bará, permitiu a súa difusión no ámbito local e un apoio  á materia de Paisaxe e Sustentabilidade no centro.

A Facultade de Ciencias de Educación, a través do Departamento de Didáctica das Ciencias Sociais, dirixido por Ramón López Facal, estivo facéndolle un seguimento a estes materiais ao longo dun curso e foron obxecto dunha pequena recensión nun artigo na Revista Galega de Educación, obra da alumna de doutoramento dese departamento Tania Riveiro. Así mesmo, a través deste departamento, como coordinador, fomos convidados a unhas xornadas de educación sobre o patrimonio cultural en Santiago de Compostela, en abril de 2018, onde puidemos expoñer publicamente o proxecto e os seus resultados.

A consecución deste terceiro premio no Plan Proxecta supón un recoñecemento a esta liña docente comezada hai catro anos no IES Sánchez Cantón e unha descarga de enerxía que nos anima a seguir con outros proxectos no futuro. O soño de poder elaborar materiais didácticos sobre o espazo urbano e o territorio de Pontevedra vai tomando corpo.
A quen lea estas liñas, simplemente, convidalo a que entre na páxina web onde se recolle a unidade didáctica e a exposición dos diferentes produtos elaborados para comprobar o contido recollido neste resumo.

 

 

Sección: