Unha transformación nos hábitos de desprazamento

Proxecto de mobilidade sustentable na comunidade educativa do CEIP Piñeiros
Este artigo sobre a transformación nos hábitos de desprazamento da comunidade educativa do CEIP Piñeiros recolle a iniciativa por parte deste centro e do Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón para que alumnos e alumnas, pais e nais e profesorado acudan a este centro educativo dun xeito seguro, autónomo e ecolóxico: camiñando, en bicicleta ou en patinete, evitando os vehículos a motor e os problemas de tráfico e atascos que se producían na contorna do colexio.

M.ª Belén Franco Mouriz
Directora e mestra de Pedagoxía Terapéutica do CEIP Piñeiros do Concello de Narón
francomouriz@edu.xunta.es
Fabio Manuel López Romero
Mestre de Educación Física do CEIP Piñeiros do Concello de Narón

 

Contextualización

Aproveitando a posta en marcha por parte do Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, no último trimestre do curso 2016/17, do programa Camiño escolar seguro no CEIP Piñeiros e ao existir unha aposta firme, no curso 2017/18, por unha continuidade estable do proxecto tanto por parte do devandito Equipo de Educación Viaria coma por parte da comunidade educativa do centro, decidiuse integrar esta iniciativa no programa de planificación anual do centro e promovelo e publicitalo dentro do Plan Proxecta 2017/18 no seu programa Mobilidade sustentable e segura. Esta iniciativa ten continuidade no actual curso 2018/19 e segue a desenvolverse engadindo novas iniciativas, como a dos Camiños sensoriais que se deseñarán nos corredores do centro.

Considerando a situación caótica e os atascos de tráfico que se estaban a producir ante o noso centro educativo e arredores, así como a presenza constante de vehículos a motor aparcados diante da escola e na súa contorna máis próxima, tanto no momento da entrada coma no da saída, o que creaba situacións de certo perigo para os nenos e nenas, o Claustro, o Consello e a ANPA do CEIP Piñeiros decidiron participar no programa Camiño escolar seguro que o Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón nos estaba a ofertar.

O feito de fomentar que o noso alumnado e as familias acudisen ao centro educativo camiñando, en bicicleta ou en patinete, evitando o uso do coche, e seguindo uns itinerarios concretos xa sinalados polo Equipo de Educación Viaria e marcados pola mascota do programa chamada Pegadas —creada e deseñada por unha das nosas alumnas— non só axudaría a solucionar a problemática exposta senón que tamén se trataba dunha actividade moi axeitada para que todo o alumnado do noso centro —desde cuarto curso de educación infantil ata sexto curso de educación primaria— acadase unha maior autonomía, realizase exercicio físico reducindo o sedentarismo, adquirise hábitos responsables como peóns e como futuros condutores, coñecese mellor a súa veciñanza, se concienciase da importancia de evitar os vehículos a motor para mellorar o noso medio ambiente axudando a crear un contorno sustentable e seguro para eles e mellorasen as interaccións entre o alumnado e as familias.

Obxectivos

Co desenvolvemento deste proxecto e as actividades complementarias que se implementaron arredor desta temática, a nosa pretensión foi acadar, principalmente, os seguintes obxectivos:

1. Conseguir unha mellora na autonomía do alumnado nos traxectos desde a súa casa ata o centro educativo, e viceversa, creando, ao mesmo tempo, un contorno sustentable e seguro para eles.
2. Recuperar o costume de camiñar ata o colexio e introducir o uso da bicicleta ou do patinete como hábitos de desprazamento divertidos, seguros e respectuosos co medio ambiente.
3. Fomentar o exercicio físico e reducir o sedentarismo.
4. Inculcar nos nenos a responsabilidade viaria e a adquisición de hábitos axeitados como peóns e como futuros condutores.
5. Identificar e respectar as mensaxes dos sinais viarios, tanto horizontais coma verticais, que se distribúen ao longo dos itinerarios, así como as normas básicas de tráfico e de desprazamento como viandantes e como usuarios da bicicleta ou do patinete.
6. Identificar problemas e hábitos incorrectos que cometemos como peóns ou como condutores e que deben aprender a evitar e a corrixir.
7. Coñecer a veciñanza e o seu contorno urbano e natural máis próximo: identificar as rúas, os servizos, os negocios, as tendas, os monumentos, os parques e as paraxes naturais.
8. Aumentar e mellorar as interaccións e a socialización entre o alumnado e entre as familias.
9. Reducir os atascos de tráfico á porta do centro.

Recursos empregados

Na posta en marcha deste proxecto están implicados os seguintes actores:

  • Todo o alumnado do centro.
  • Todo o profesorado do centro.
  • O PAS do centro.
  • A ANPA.
  • As familias do alumnado.
  • Diversas concellerías e gabinetes do Concello de Narón.
  • Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.
  • O axente de policía local do Concello de Narón que acude todos os días ás inmediacións do noso centro para regular o tráfico.
  • A Asociación de Comerciantes de Narón e máis concretamente as denominadas Tendas Amigas que están a colaborar cos seus agasallos.
  • A Universidade da Coruña, que foi quen deseñou e implantou o sistema de acreditación de puntos, o deseño do checkpoint e o deseño da aplicación móbil descargada polos pais/nais nos seus respectivos terminais telefónicos.
  • Compañía Payasos Piruleta.
  • Músicos profesionais.

Como recursos materiais, é de grande importancia o uso das bicicletas e dos patinetes do noso alumnado para acadar o éxito esperado con este proxecto.

Liñas xerais e descrición do proxecto

Neste proxecto, que leva por título Unha transformación nos hábitos de desprazamento como proxecto de mobilidade sustentable na nosa contorna, realizáronse e estanse a realizar diversas actividades, sempre relacionadas coa mobilidade sustentable e segura. Unha desas actividades é un novo modelo do Camiño escolar seguro, promovido polo Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón e no que o CEIP Piñeiros se implicou desde o primeiro momento, como centro pioneiro e innovador no ámbito autonómico e nacional coa implantación das novas tecnoloxías.

Por cada día que os nenos acoden ao centro camiñando, en bicicleta ou en patinete conseguen un punto que equivale a unha «pegada». Para levar o control das pegadas que os nenos acadan, a cada alumno entregóuselle unha pulseira provista dun chip. Á chegada ao colexio, cada neno ten que pasar esa pulseira por un lector de control — check point — situado á entrada do centro e, ao mesmo tempo, os pais reciben a mensaxe de que o seu fillo chegou á escola grazas a unha aplicación da que dispoñen nos seus respectivos móbiles. Cando o alumno consiga determinado número de pegadas, terá dereito a cambialas por algún agasallo ofertado polos comerciantes e empresarios colaboradores polo que, para dinamizar esta actividade, contamos coa colaboración da Asociación de Comerciantes e de Empresarios de Narón —Tendas Amigas— que están a ofertar un catálogo de agasallos ou de descontos para cambiar as «pegadas».


Por outro lado, para complementar e completar este proxecto, estanse a implementar outras actividades, sempre relacionadas coa mobilidade sustentable e segura dentro do noso barrio e da nosa contorna, como as seguintes:

Os nosos policías infantís. Desde o comezo do curso 2017/18 contamos, ademais, coa colaboración do alumnado dos cursos de terceiro, cuarto, quinto e sexto de educación primaria actuando como axentes de policía local infantís.

Debido a que había condutores —pais e nais do alumnado do centro— que aparcaban indebidamente na contorna e que non respectaban os sinais viarios, tanto horizontais coma verticais, e coa intención de concienciar o noso alumnado e inculcarlle a importancia da responsabilidade viaria e da adquisición de hábitos axeitados como peóns e como usuarios de patinetes e bicicletas, así como de futuros condutores de vehículos a motor, o alumnado dos cursos indicados, por parellas, ataviados cunha gorra e un chaleco de policía local, fai quendas para realizar tarefas de «ordenación do tráfico» nas proximidades do centro, sempre baixo a supervisión do axente de policía local encargado desta misión cada día.

Deste xeito, un dos axentes de policía local infantil, xunto co axente de policía municipal, encárgase de realizar chamadas de atención a aqueles viandantes —adultos e nenos— que cruzan a rúa dun xeito inadecuado, aos condutores das bicicletas que non fan uso do casco protector e aos condutores de vehículos a motor que aparcan en zonas non habilitadas. O outro axente de policía local infantil apóstase xunto ao checkpoint para asegurarse de que os nenos e nenas usuarios da pulseiriña, especialmente o alumnado de educación infantil, a pasen correctamente ante ese lector de control.

Por outro lado, coa intención de introducir elementos de reclamo que fagan que, para os nenos e as súas familias, a chegada ao colexio sexa máis divertida e amena, promoveuse a actividade Animadores madrugadores que consistiu nunhas actuacións sorpresa —animacións de rúa á entrada do centro— entre as 8:30 e as 9:00 horas, coincidindo coa chegada progresiva do alumnado e das familias.

No curso 2017/18 programáronse e realizáronse dúas actuacións:

  • Compañía Payasos Piruleta: parella de acróbatas e mimos que realizaron actividades en monociclos e que ían acompañando os nenos e nenas no seu traxecto ao colexio, mentres os invitaban a interaccionar con eles.
  • Actuación de dous músicos profesionais á entrada do centro, que lle daban ademais, ao noso alumnado con coñecementos de piano, a posibilidade de interpretar no órgano pezas musicais ante os demais compañeiros e compañeiras, mestres e pais e nais.

Coa implementación desta actividade buscouse darlles a benvida ao centro ao alumnado e ás familias, ademais de facer partícipes os rapaces de accións didácticas e pedagóxicas diferentes daquelas ás que están afeitos a intervir.

Así mesmo, por mor das saídas en bicicleta que realiza o noso alumnado desde terceiro ata sexto curso de educación primaria por diversas zonas do Concello de Narón ou ben por concellos limítrofes, lévanse a cabo tamén uns Obradoiros de bicicleta, dirixidos ao alumnado de terceiro e cuarto curso de educación primaria, sobre o uso e o mantemento axeitados deses vehículos e a adquisición dunha maior seguridade no seu manexo.

Dada a importancia que se lle está a dar ao feito de acudir á nosa escola do xeito máis autónomo posible, empregando o Camiño escolar seguro, e aproveitando que o chan do noso patio de recreo ten sinalizado un circuíto de educación viaria, púxose en marcha a actividade Aprendo a conducir co alumnado de educación infantil e de primeiro e segundo curso de EP, co obxectivo de que, manexando os denominados carros de educación viaria así como os seus patinetes, coñezan os conceptos básicos da condución de vehículos e os dereitos e deberes que temos como peóns.

Desde este centro educativo, e tamén en estreita colaboración co Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, prográmanse ao longo de todo o curso escolar varias saídas nas que participa o alumnado dos cursos de terceiro, cuarto, quinto e sexto de EP e que están englobadas dentro da actividade Pedaleo, camiño e aprendo. Organízanse saídas que consideramos que poden ser de gran proveito e repercusión para o alumnado, como son a volta á ría de Ferrol, a visita ao mosteiro do Couto, á fervenza do río Belelle ou a instalacións deportivas para a práctica do pádel e o atletismo, así como percorridos polos concellos limítrofes, co obxectivo de lles dar a coñecer in situ aos rapaces e rapazas do CEIP Piñeiros o valor do patrimonio cultural, artístico e natural da nosa contorna.

Ademais, cada ano, o CEIP Piñeiros participa no Día da Bici. Trátase dunha iniciativa educativa medioambiental e non competitiva organizada pola empresa de comunicación local Grupo Voz, en colaboración co Concello de Narón. Nesta xornada adoita participar o alumnado de terceiro, cuarto, quinto e sexto curso de EP de todos os centros educativos do Concello de Narón, realizando un percorrido establecido polo Equipo de Educación Viaria. Ao final da ruta, os nenos e nenas poderán participar en xogos e interactuar e socializarse cos demais rapaces e rapazas dos demais centros e gozar, ao mesmo tempo, de música e baile en directo.

Por outro lado, e aplicado ao traballo nas aulas, o mestre de Educación Física está a realizar varias sesións para traballar co alumnado o recoñecemento das normas básicas de circulación, así como a realización de actividades lúdicas coa bicicleta, tales como circuítos, carreiras etc.

E xa por último, e aproveitando que o curso anterior se levaron a cabo por primeira vez no Concello de Narón as Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria 2018, decidiuse desde o centro que o noso alumnado de quinto e sexto curso de EP tamén participase tras recibir, por parte de varios monitores, unhas charlas de formación sobre educación viaria, patrimonio cultural do Concello de Narón, medio ambiente e matemáticas aplicadas á educación viaria.

Como actividade innovadora, este curso 2018/19, implantaranse Os camiños sensoriais nos corredores do centro, deseñados para que o alumnado traballe, principalmente, aspectos relacionados coa educación viaria e o desenvolvemento da motricidade.

Estratexias metodolóxicas

Para animar e favorecer a participación de todo o alumnado neste proxecto, contamos coa colaboración dos comerciantes do Concello de Narón —Tendas Amigas— que ofertan un catálogo de agasallos para que os rapaces e rapazas cambien as súas pegadas. Pero tamén estamos a aplicar estratexias metodolóxicas como as que a continuación se describen:

Cando os alumnos realizan as funcións de policías infantís locais, séntense protagonistas e son quen de realizar este labor diario con suficiente responsabilidade. O alumnado aprende a identificar e respectar os sinais viarios e as normas básicas de tráfico e de desprazamento como viandantes e como usuarios da bicicleta e do patinete, e son quen de identificar problemas e hábitos incorrectos que cometemos como peóns ou como condutores e que deben aprender a evitar e a corrixir.

Ademais, o feito de traer as bicicletas e os patinetes ao centro constitúe unha estratexia metodolóxica motivante para o alumnado que participa maioritariamente dun xeito moi activo.


Os obradoiros de bicicletas constitúen outra actividade atractiva para eles. Aprenden a diferenciar as partes da bicicleta e os seus elementos, practican o inflado das rodas, comproban o correcto funcionamento dos freos, da cadea, dos pedais, e practican, tamén, o cambio dunha cuberta. En definitiva, coñecen os aspectos máis importantes para manexar a súa bicicleta dun xeito máis seguro durante as súas saídas.

Tamén a actividade Aprendo a conducir resulta motivadora e divertida para os máis pequenos. Utilízanse sinais de tráfico, conos e pequenos vehículos a pedais cos que o alumnado de educación infantil e primaria empeza a recoñecer as normas máis básicas de circulación: conducir pola dereita, facer o stop, ceder o paso, respectar os pasos de peóns…, sempre coa vixilancia do profesorado e de membros do Equipo de Educación Viaria.

Por outro lado, as saídas que realizamos ao longo do curso son unha formidable ferramenta para complementar e reforzar os aspectos curriculares que se están a impartir dentro da aula. Ademais, permítennos fomentar as relacións interpersoais positivas entre o alumnado. Ao ter todas un carácter lúdico, logramos que as aprendizaxes sexan máis significativas para eles.

Axudan, así mesmo, a promover un estilo de vida saudable, a remarcar a necesidade de realizar actividade física diaria e a facela dun xeito sustentable, respectando o medio ambiente, sen esquecer o impulso dunha experimentación colectiva, o afianzamento dos coñecementos adquiridos na aula e a posta en práctica das habilidades sociais.

Avaliación e conclusión

Os resultados acadados na implementación deste proxecto son moi satisfactorios. O alumnado, as familias e o profesorado participan plenamente no seu desenvolvemento.
Desde o punto de vista programático e curricular, acadouse a divulgación e execución das seguintes accións e valores:

  • Incorporar e promover a práctica de exercicio físico durante a rutina diaria do alumnado e das familias, co obxectivo de desenvolver unha vida saudable, activa e autónoma.
  • Recoñecer e valorar os beneficios da actividade física na saúde integral da persoa e realizar unha identificación crítica das prácticas pouco saudables como a do sedentarismo.
  • Divertirse no traxecto cara á escola, interaccionar cos seus compañeiros e demais acompañantes. Deste xeito foméntanse as habilidades sociais, as novas amizades e incluso se mellora a relación entre as familias.
  • Mellorar a autonomía dos nenos e nenas, o que repercute nun aumento desa autonomía noutros aspectos diarios da súa vida, así como fomentar a puntualidade para acudir ao centro.
  • Fomentar a responsabilidade viaria e a adquisición de hábitos axeitados como peóns e como futuros condutores.
  • Identificar e respectar, tanto por parte dos nenos e nenas coma das súas familias, das mensaxes dos sinais viarios que se distribúen ao longo dos itinerarios, así como as normas básicas de tráfico e de desprazamento como      viandantes e como usuarios da bicicleta ou do patinete.
  • Identificar, tamén, hábitos incorrectos que cometemos como peóns ou como condutores e que os rapaces deben aprender a evitar e a corrixir.
  • Recoñecer a importancia do coidado e limpeza da vía pública e dos seus elementos.
  • Sensibilizar o alumnado e as familias sobre o desenvolvemento dun modelo de mobilidade sustentable e segura que axude no coidado do medio ambiente e evite a polución.
  • Recoñecer e aplicar as medidas básicas de prevención e seguridade no uso do patinete e da bicicleta: uso do casco e coñecer os elementos básicos da bicicleta, así como nocións sobre o seu mantemento.
  • Fomentar no noso alumnado a diversión e as relacións sociais.

Como perspectiva de mellora cara ao futuro, seguimos traballando pola súa continuidade, perfeccionando as actividades xa implantadas e promovendo outras novas que axuden a impulsar un modelo de mobilidade sustentable e segura entre alumnos, familias e profesores.

 

Sección: