O patio dos nosos soños

Un proxecto emocionante para unha escola emocional. Durante o curso 2016/17, os mestres e mestras decidimos mellorar o noso patio. Ilusionámonos e comprometémonos, organizamos e consensuamos tarefas que terían o seu produto e, co conxunto de todas as tarefas, conseguiríamos o noso produto final: O patio dos nosos soños. O resultado é froito das nosas cabezas, dos nosos corazóns e das nosas mans.

Nuria Garabal González,
nuriagarabal@edu.xunta.es
Marta Álvarez Iglesias
martaalvareziglesias@edu.xunta.es
CEIP Plurilingüe Número 1 (Tui-Pontevedra)

 

 

O CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui é unha escola comprometida coa educación integral do alumnado. A nosa cultura de centro caracterízase por ser unha comunidade de aprendizaxe, reflexiva e proclive ao cambio e á innovación. Somos un centro plurilingüe, Abalar e E-Dixgal e isto fainos un centro aberto ao mundo nun contorno dixital, desde educación infantil a sexto de educación primaria. Entendemos que todos os nosos alumnos son intelixentes de xeito diferente e procuramos que constrúan a aprendizaxe desde as súas fortalezas. Impulsamos a contribución á adquisición das competencias, que nos leva a desenvolver as intelixencias dos noso alumnado e dotalo de ferramentas para que comprenda e se desenvolva axeitadamente no mundo en que vive. Todo isto facémolo a través dunha metodoloxía activa, baseada no traballo por proxectos, na aprendizaxe cooperativa e nas TAC (tecnoloxías da aprendizaxe e do coñecemento). Traballamos mediante actividades integradas de aprendizaxe nas que obtemos diferentes produtos, algúns con gran repercusión social.

 

 

No curso 2016/17 comezamos un novo proxecto de formación permanente do profesorado continuando a formación sobre competencias, traballo por proxectos, convivencia, competencia emocional e inclusión. O punto de partida xorde da reflexión de querer mellorar o patio. Trátase dun patio bastante pequeno, sen zonas verdes e con escaso aproveitamento pedagóxico; o que queremos é un patio entendido como un lugar de encontros, afectos, xogo e aprendizaxe, por iso queremos que toda a comunidade educativa participe na súa mellora. Así xorde O patio dos nosos soños, un proxecto emocionante para unha escola emocional, un proxecto de toda a comunidade educativa e para toda a comunidade, construído con ollos de neno, que esperte curiosidade, admiración, seguridade e alegría para todos os que poidamos gozar nel. Este proxecto pretende ser transcendente e con repercusión no futuro do noso alumnado, vivindo o presente e visualizando o futuro desde unha responsabilidade colectiva. En definitiva, trátase dun proxecto de nenos e para nenos.

Polo mes de novembro ponse en marcha unha iniciativa que consideramos moi importante para o desenvolvemento do proxecto. Trátase do Consello dos Nenos, un órgano de participación consultivo que achega ideas e suxestións que enriquecen o centro. Está constituído por dous representantes de cada clase e reúnese unha vez ao mes. Decisións importantes para o desenvolvemento do patio dos nosos soños son tomadas e consensuadas nestas reunións mensuais.

No actual curso escolar 2017/18 esta iniciativa segue en marcha desde principios de curso, trátase de poñer en común ideas e tomar decisións importantes para mellorar o centro e a súa convivencia. O Consello dos Nenos explicado por distintos membros da comunidade educativa pódese ver neste vídeo.

O proxecto organízase en tres tarefas:

TAREFA 1: Analizar e investigar o patio. Primeiro trimestre

Para comezar o proxecto, nas distintas clases fixéronse actividades de observación, coñecemento e análise do patio actual, para poder proxectar novas ideas reais e con viabilidade adaptadas ás posibilidades de todos os que gozan todos os días nel. Unha vez realizada a observación e análise, toca reflexionar e buscar propostas para melloralo. Deixamos voar a imaxinación e xurdiron ideas de todo tipo, algunhas máis realistas e outras un pouco máis disparatadas… A quen non lle gustaría ter no cole unha piscina olímpica ou unha tirolina que dese a volta a todo o patio? Tamén investigamos propostas doutros coles para inspirarnos e aproveitar ideas e ademais déuselles a oportunidade ás familias de deseñar propostas para o patio dos seus fillos. Coas propostas de todas as clases, no Consello dos Nenos fíxose unha posta en común e comezamos a perfilar o patio dos nosos soños. Algo que sempre tivemos en conta é que o patio dos nosos soños tiña que ser un patio para todos, desde os máis cativos ata os maiores de sexto.

TAREFA 2: Deseñar o patio dos nosos soños, representalo nunha maqueta e defendela nunha asemblea xeral. Segundo trimestre

A seguinte tarefa, moi importante e de gran responsabilidade, foi deseñar e facer unha maqueta co patio proposto en cada clase e no segundo trimestre puxémonos mans á obra coa súa elaboración: medidas, escalas, ideas, hipóteses, consensos, coloquios, materiais, tecnoloxía... xa temos día! O 24 de marzo ás 10.00 na biblioteca do cole. Na asemblea xeral, representantes de cada clase expoñen e defenden as ideas e propostas das maquetas e o xurado está constituído polos membros do Consello.

Foi un gran día! Despois fixéronse valoracións, tomáronse acordos e chegou o momento de definir os espazos, zonas e recunchos para construílos no terceiro trimestre. Para iso contamos coa colaboración de todos os nenos e nenas do colexio, do equipo docente, das familias e do Concello.

TAREFA 3: Execución das zonas e recunchos elixidos por membros de toda a comunidade educativa para construír o patio dos nosos soños e inauguración do novo patio invitando a diferentes membros da comunidade educativa. Terceiro trimestre

Ao longo do mes de maio e xuño fixéronse equipos de traballo para que todo estivese listo para o día da inauguración, o martes, 20 de xuño.

Distribuímos as diferentes zonas por cursos: A clase de cuarto de infantil fixo perchas-báscula; quinto e sexto de infantil, xunto con sexto de primaria, zona artística e xogos populares; quinto de primaria, zona de baile e deseñaron o xardín da entrada; primeiro e segundo, panel musical; terceiro, panel sensorial e tipis; cuarto, circuíto...

• Distribuímos as diferentes zonas por cursos: A clase de cuarto de infantil fixo perchas-báscula; quinto e sexto de infantil, xunto con sexto de primaria, zona artística e xogos populares; quinto de primaria, zona de baile e deseñaron o xardín da entrada; primeiro e segundo, panel musical; terceiro, panel sensorial e tipis; cuarto, circuíto...

• Cada grupo deseña un orzamento do material que necesita.

• O grupo responsable de cada xogo ou zona debe elaborar un mural coas normas, consellos ou información de interese para os usuarios. Esta proposta foi levada á asemblea xeral e aprobada por unanimidade no posterior Consello dos Nenos.

• A finais de abril, cando as zonas estaban distribuídas e os orzamentos deseñados, buscamos colaboradores: familias, Concello e asociacións.

       o Concello: Algúns membros do Consello dos Nenos explicáronlle á concelleira de Educación e ao alcalde o desenvolvemento do proxecto. A visita foi un éxito xa que conseguimos dúas cousas: felicitaron o cole polo proxecto e comprometéronse a      colaborar cunha dotación de pintura, metacrilato...

       o A axuda da ANPA foi moi importante para que todo estivese listo para o gran día, elixiron as súas zonas e organizaron as familias que, entre outras cousas, pintaron as liñas dos campos de fútbol e baloncesto, fixeron un scrabbel con maletín de letras...

       o Solicitamos a colaboración da Asociación de Deporte do Baixo Miño que nos cedeu mesas de ping-pong. E así, co traballo, esforzo e colaboración de todos conseguimos construír o patio dos nosos soños.

Organizámonos e preparámonos para o día da inauguración, o Consello dos Nenos deseñou unha invitación para convidar a diferentes membros da comunidade educativa: alcalde, concelleira, inspector, asesora do CFR, persoal non docente do centro...

E por fin chegou o gran día, ás 9.30 na parte traseira do patio do colexio, acto inaugural. A presidenta do Consello dos Nenos presenta o acto.

De 10.00 a 12.00 horas, os nenos de cuarto, quinto e sexto de infantil, primeiro e segundo de primaria, organizados en 11 grupos de idades mixtas e acompañado cada grupo por un mestre, gozaron e xogaron rotando polos 11 recunchos do patio. Cada zona ou recuncho estaba dinamizado por mestres e familias.

Ás 12.15 tocáballes a quenda aos nenos de terceiro, cuarto, quinto e sexto de primaria, en grupos mixtos de aproximadamente 10 membros xogaron e gozaron do patio e no patio.

Ás 13:45 as portas abríronse para todas as familias, os membros do Consello dos Nenos explicaron ilusionados e orgullosos o proxecto. 

Valoración final, repercusión no centro e expectativas de continuidade

Algúns dos aspectos máis salientables da repercusión positiva na comunidade educativa e da contribución do proxecto O patio dos nosos soños á mellora da acción educativa son:

Valoración positiva da realización de tarefas integradas con relevancia social para traballar o currículo.

As tarefas realizadas e que teñan relevancia social inciden favorablemente no desenvolvemento das competencias do alumnado.

  • O proxecto esperta motivación, colaboración, formación e implicación de todo o profesorado en intereses comúns.
  • Achega a contorna ao centro educativo, na busca de relevancia social e transcendencia. Repercusión no centro despois do traballo realizado:
  • Cambios significativos na organización das horas de lecer.
  • Continuación da iniciativa Consello dos Nenos.
  • Revisión e actualización do NOFC.
  • Enriquecemento do programa emocional e social do centro.

No actual curso escolar 2017/18 continuamos pensando, deseñando e gozando do patio dos nosos soños sabendo e entendendo que se trata dun espazo para convivir e compartir con toda a comunidade educativa. O patio dos nosos soños explicado por distintos membros da comunidade educativa pode verse neste vídeo.

Para concluír, cómpre dicir que este proxecto converte as nenas e nenos en arquitectos e deseñadores do seu patio, un traballo competencial que lles permite empregar o aprendido noutros contextos da vida. Trátase de facelos protagonistas da súa vida no colexio, ademais de ensinarlles estratexias para a vida, en definitiva, un proxecto de todas e todos para todos e todas.

Grazas a todas as persoas que participan, apoian e cren no patio dos nosos soños: nenas e nenos, familias, mestres, concello, inspección educativa e especialmente ao CFR de Vigo que nos guía e nos alimenta o coñecemento e a ilusión.

Unha convicción: Só se pode protexer e conservar aquilo que se coñece e se valora.

Unha reflexión: A satisfacción comeza cando as cousas que facemos son as cousas nas que cremos.

 

 

 

Sección: