Entrevista a Julio Abalde, coordinador dun club de lectura

“Nas propostas lectoras para os clubs teñen que asumirse riscos”
Os clubs de lectura son unha iniciativa integrada no programa Hora de Ler da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desde 2007, ano no que se publicaba a primeira convocatoria en apoio do funcionamento de clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. O IES Ribeira do Louro do Porriño participou xa neste curso 2007/08 na proposta que se botaba a andar e á fronte deles estivo sempre o profesor de Lingua Castelá e Literatura, Julio Abalde García, que leva 35 anos “recomendando” lecturas. Moito alumnado pasou por estes clubs de lectura que levan funcionando ininterrumpidamante dez anos. Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares achegámonos a este club, que ben pode representar o traballo feito nos institutos a prol da lectura nestes dez anos que este curso conmemoramos, e ao coordinador deste para que nos fale das posibilidades que teñen os clubs para o fomento da lectura pero sobre todo da súa experiencia como coordinador, como mediador e tamén como lector. Transcribimos, case literalmente, a enriquecedora conversa que mantivemos con Julio e agradecemos o seu traballo infatigable a favor da lectura e esa lista de 150 libros “imprescindibles” que nos brinda.

Asesoría de bibliotecas escolares
bibliotecasescolares@edu.xunta.es

 

Pregunta: Que ten que ter un libro para que enganche o lectorado, os rapaces?

Resposta: Tendo a situación que se ten da imaxe deixando tanta pegada, marcando coordenadas de intereses por outros lados, é certo que hai que prestar unha atención especial para ver o que se escolle, para producir ese efecto de enganche. Eu supoño que fundamentalmente hai que ser conscientes da realidade en que se vive. Hai libros marabillosos pero xa para lectores moi afeitos, que son capaces de ler con moitísima morosidade, gozando. Para enganchar un lector non podes poñer descricións amplísimas nin excesivo lirismo. Hai que buscar algo que vaia á vea directamente, que entre certamente nesa situación de bonecas rusas, que unhas historias abran outras e deixar todo nun enigma, nun misterio, o alicerce para poder seguir lendo.

P: As temáticas influirían?

R: Si, si, totalmente. Penso que se teñen que achegar aos intereses particulares, teñen que ser centros de interese. Dalgún xeito o lector ten que sentir que, se non é semellante, ten que ser moi verosímil, ten que haber unha situación onde se poida ver factible toda esta historia e sobre todo cales son eses puntos, esas introspeccións, a onde se quere chegar, onde se vexan todos estes puntos, os pensamentos. Por exemplo, os libros de Ledicia Costas que, a pesar deses finais tan tremendos , enganchan porque os lectores pensan sobre a morte, sobre a inseguridade do futuro e, se os libros falan destas temáticas, eles vense reflectidos. Hai un punto interesante que é o tamaño. Eu creo que é clave xa que ás veces asusta. E fundamental ir facendo lectores pouquiño a pouco. Un terceiro punto importante é que ten que haber situacións nas que se teñen que asumir riscos, se o libro non posiciona, non fala, non fai crear incertezas, dúbidas, desacata un pouco... Ten que crear debate.

Ese é o triplete que faría que un libro enganche.

P: Cales son as fórmulas que che deron resultado para implicar o alumnado na lectura ademais do que acabas de dicir?

R: Crear complicidade no sentido de facerlle ver que eu xa teño unha idade e que, como lector e como amante da lectura, me sinto reflectido nunha lectura... pero o que me interesa é premer a súa opinión, crear “lectores sentinela”. Antes do verán teño unha serie de lecturas que lle paso a un grupo de xente para que lean e que me dean a opinión e, se a eles lles gusta, podemos probar. Xa hai liñas editoriais, coleccións concretas como Gran Angular, Fóra de Xogo de Xerais ou Costa Oeste de Galaxia que van traballando nunha liña, seguindo esas vías. Creo que a clave está en non saír do mundo deles, xa que eles non queren extrapolar, queren vivenciar, que lles abran puntos de debate e, se ti segues por esa liña, estes libros van abrindo itinerarios.

P: Dependendo do alumno ti vas recomendando libros. Falo moito na biblioteca, non?

R: É certo que se personaliza. Non sei se polo meu perfil ou polo centro, onde estou encantado. Gústame quedar nos sitios moito tempo. Pasoume algo semellante no centro de Tomiño, onde traballei anteriormente. É moito o alumnado que se me achega, cada un ten o seu libro.

Despois de moito traballo, eu teño fichas de libros desde o ano oitenta, uns cantos miles, téñoos tematizados e valorados e uns van levando a outros, e algo poden axudar.

P: Entón desmontamos a idea de que a mocidade non le...

R: Por suposto, hai tanto que non se pode ler porque non temos tempo...

Pero non é un imposible ter un libro para cadaquén... Non teño a experiencia de que ningún mozo non lese. Hai un libro para cada un. Aquí hai outro punto que sinalar, que son os obxectores, tantísimos lectores que polas circunstancias que sexan non queren entrar nun club de lectura, non queren someterse a un libro obrigatorio. Eu son paciente, establezo unha relación persoal de valoración. Hai persoas que cren que sería adocenarse, pensan que serían gregarios, queren ter a súa opinión... É unha pena porque ás veces dígolles que fagamos un club de lecturas colectivas, pero néganse, teñen ese celo e nós queremos escoitar a súa calidade; non obstante, eles seguen mantendo esa liña. Así e todo, estes lectores, por exemplo, na aula si que colaboran. Hai alumnado en terceiro da ESO facendo recensións de Bukovsky ou Nabokov. Non queren someterse a ese criterio do club, pensan que é moi burocrático, hai persoas que teñen esa arela de liberdade.

P: Ímonos centrar nos clubs. Ao longo destes anos, que son moitos, que che supón no ámbito profesional ser o coordinador do club?

R: Primeiro, responsabilidade. Sería necio se realmente non considerase que temos un grupo humano importante co que convivimos, sobre todo cando notas que hai complicidade e que hai un punto importante de crenza de que o vas facer ben; de entrada non colaboran porque esperan de ti que propoñas as lecturas. De aí vén a responsabilidade que se pode dar.

O principal problema que notei foi como as buscas de lecturas intemporais son moi complicadas. Incluso os mellores lectores teñen prexuízos, ter ese prexuízo da recomendación por idade, como se a lectura está por debaixo da túa franxa de idade xa non se pode ler, negando, por exemplo, a posibilidade de ver películas de animación que son moi boas. Ben, son prexuízos, e buscar ese punto de intemporalidade é complicado. Por iso digo que, se non depositasen tanta confianza no que ti lles decidises, tanto mellor iría, claro.

Que acontece? Que moitas veces os medios de comunicación son moi de best sellers nas súas propostas. Non sempre podes ter en conta a opinión dos rapaces, porque eles fan unhas propostas, en fin, dunha calidade mediana literariamente, que non contrapón nada, non deixa de ser un momento de xogo, moi interesante, pero son lecturas que non enriquecen moito.

Fronte a iso, se ese reto sae adiante, claro, a min persoalmente éncheme, sobre todo faime ser mellor lector, porque non leo só para min, senón que leo pensando nos demais, entón créase un respecto crítico, un respecto social, un respecto de comunicación entre persoas que se acrecenta, que se estende aos piares fundamentais do club. Ben, a sinerxía que se produce, o feito de xuntarse, todos cun único obxectivo é extraordinario.

Estou vivindo este ano a experiencia cos adultos, distinta completamente de como se forxa o grupo. O primeiro punto que tivemos que vencer foi a idea equivocada que tiñan sobre que era un de club de lectura, porque creron que viñan a unha clase, entón traballaron como nunca vin, tomaban notas de todos os parágrafos, crían que ían ser sometidos a un interrogatorio sobre a lectura. Despois foise entrando nun terreo de confianza e falabamos de todos os temas do mundo, e van lendo libros ou vendo películas que se lles propoñen. Isto é moi enriquecedor no ámbito social e no persoal, entón eu creo que se o club de lectura está vivo, ti tes que seguir.

Hai outro punto importante como é o factor social, que é inmenso, xa que a lectura desenvolve competencias. Hai rapaces que levan moitísimo tempo e que foron mellorando moito. Ti externamente si que ves que estes rapaces están máis soltos en todos os terreos.

Logo hai outro punto como o da inclusión e eu creo que un club de lectura é un club de ben e, como club de ben, o que non fai é excluír a ninguén. O que fai, en todo caso, é ampliar horizontes, ampliar posibilidades e facer incardinación. Temos experiencias dalgúns rapaces, con algunhas dificultades, con eses medos atroces a non saber se van ser aceptados e ver ao longo do tempo como crecen, algúns son actores soberbios ou persoas que se atreven hoxe a dicir en público o que pensan, e dino serenamente, pero cunha seguridade enorme. É fundamental a inclusión nos clubs dese factor de crecemento persoal.

P: Temos que desbotar nos clubs os libros que a sociedade lles ofrece sen ningún tipo de peneira, aqueles que van atopar en calquera área comercial? Iso non fai lectores lectores críticos, non?

R: Claro, e que é o fundamental. Ás veces non se di porque, como levamos tanto tempo con isto e sempre te vas reunindo con persoas que pensan igual, parece que non hai que facer ese matiz.

Ese é o punto fundamental, creo que o dicía antes, tes que asumir riscos e está claro que os rapaces queren e, para poder ser eles, ser persoas que pensen, necesitas poñerlle diante un punto de debate e, por suposto que os clubs de lectura sempre van crear ese alicerce, porque vas buscar na medida do posible libros que xeren tensión. Hai libros que foron considerados perigosos como Nada de Teller ou O gardián entre o centeo de J. D. Salinger, incluso con morte do autor, como é o caso d´A conxura dos necios que din que se suicidou porque sabía que escribira un libro cunha valía enorme.

Este ano estamos a ler La cena de Herman Koch. Ten creado moito debate sobre a familia, onde os pais chegan a xustificar o inxustificable e isto vai crear no club a necesidade de falalo. Reencontro de Fred Uhlman, outro libro que estivemos lendo —vaia libro, que soberbio!— que trata un feito moi doloroso que remata nunha frase extraordinaria. Hai autores que poden sintetizar páxinas cunha frase de alivio.

En canto aos xéneros, temos lido algo de teatro pero non vexo facilidade, véndonos unha vez ao mes, de traballar a poesía. Por exemplo, na biblioteca si que se traballa noutros momentos, pero non son capaz de buscar a fórmula para metela nos clubs de lectura.

P: Traes aquí unha lista de 150 libros. Fuches mencionando algúns títulos. Queres recomendar algún máis?

R: É unha lista moi consensuada desde o meu punto de vista.

A esmorga de Blanco Amor, que non se traballou exactamente no club, pero da que se fixo a ruta e deu posibilidade de facer outras cousas; A expedición ao Pacífico ou A cabeza de medusa de Marilar Aleixandre; funcionou  A evolución de Calpurnia Tate; A granxa dos animais, fantástico libro; A formula preferida do profesor funcionou moitísimo; A lección de August, onde se fala da inclusión do diferente, de como o diferente ten que ter o seu espazo, de como fai crecer os demais cando os demais aceptan, non só a propia persoa; A metamorfose de Kafka non o traballamos, pero é un libro dos que se le nos clubs; A neta do señor Linh, fantástico;  un libro que penso que se ten que ler, que é un clasico, Asasinatos SL de London é un libro soberbio; O príncipe da néboa de Ruíz Zafón; Alicia no país das marabillas; As vantaxes de ser un marxinado; Campos de fresas; Cartas de inverno, nas dúas versións; Doce homes sen piedade, un libro que vale a pena e que ten a versión cinematográfica e a teatral; Farenheit 451, hai unha experiencia moi curiosa sobre este libro, como erramos ao principio e máis tarde se lles propuxo aos mesmos lectores e que ganancia tivo o libro, non era o momento, hai momentos para os libros; Kafka e a boneca viaxeira; Matar un reiseñor; Memorias dun neno galego; de Morning star teño un recordo soberbio; o cómic Maus; un libro que non traballei en clubs pero traballeino moito dentro da materia, Novela de ajedrez de Stefan Zweig, as obras deste autor parécenme moi necesarias polo humanismo que desprenden; despois hai un libro, que aínda non se traballou porque non é fácil de conseguir: El coleccionista de lágrimas de Augusto Curry, un autor que fóra desta obra non me gusta moito, pero nesta obra recorda á película La ola; desde o meu punto de vista, moi necesario O corazón de Xúpiter. de Ledicia Costas; O curioso incidente do can a media noite; O mundo de Sofia; Donde surgen las sombras de David Lozano, que é un libro que lles gusta moitísimo, non teño ningunha referencia de alumnos aos que non lles gustase, paréceme un libro moi interesante; O pintor do sombreiro de malvas; O príncipe destronado; O principiño; con Orgullo e prexuízo, eu tiven un prexuízo no seu momento, era novela romántica do século XIX, eles querían lelo e devorárona, canto lles gustou!; O señor das moscas non o traballei nunca, pero hai que traballalo; Palabras envelenadas; Persépole; Rebeldes; Reencontro; Seda; Sidartha; Demian; Trece badaladas...  Dixen uns cantos, nos 10 anos traballamos boa parte deles.

P: Para rematar, poderías contar que seguimento lles fixeches aos membros do clubs. Que referencias tes deles pasado o tempo?

R: Si, temos a sorte de traballar no rural, porque ás veces nas cidades hai unha certa incomunicación, aquí segue habendo raizames e sobre todo o noso centro ten calor. A biblioteca é un centro motor, hai infinidade de xente, hai discusión, hai debate, hai ánimo, hai ganas, entón o alumnado volve, claro, os alumnos volven no ano, algúns viñeron xa seis veces desde que marcharon o ano anterior. Teñen esa necesidade.

Hai unha rapaza que marchou facer un bacharelato que nos aquí non impartimos e, cando soubo que iamos ler de novo no centro de maiores, un acto marabilloso, mandou unha petición para que a incluísen e xa non estaba con nós.

Acaba de estar unha ex-alumna facendo as prácticas do Mestrado de Profesorado de Secundaria e na memoria reflectía perfectamente isto que estou dicindo. Este centro é dunha amabilidade tremenda e esta rapaza que chega da universidade está agradecendo que se crease ese ambiente; volvo repetir que somos un mosaico, somos plurais, non somos expertos, sobre todo se nos miden en competencias, pero a biblioteca dálles toda esa riqueza que non teñen, porque as propostas naceron para intentar suplir esas eivas e esas carencias.

Eu simplemente collín o legado que recibín, o que colleu outra xente á que lle quero transmitir o meu agradecemento.

 

 

Sección: