A aprendizaxe cooperativa como ferramenta para a inclusión

O traballo das mestras de apoio ás NEAE dentro da aula ordinaria
Neste artigo contamos a experiencia de dúas mestras de apoio que fixemos intervencións específicas do alumnado con NEAE dentro das súas aulas ordinarias mediante metodoloxía de aprendizaxe cooperativa coa colaboración da titora. No CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo, levamos xa tres anos participando nun programa de formación permanente do profesorado (PFPP) sobre a aprendizaxe cooperativa. Ao inicio comezamos polas inquedanzas do profesorado do centro por coñecer estratexias metodolóxicas activas e innovadoras que nos levasen a unha mellora da práctica educativa individual de cada un. Agora gustaríanos establecer esta metodoloxía como marca de identidade do centro no proxecto educativo.
Susana Costa Osorio
Mónica Lista Becerra
CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo (Cangas-Pontevedra)
 

Cando se fala da aprendizaxe cooperativa, por norma xeral faise desde o punto de vista do titor, xa que é este quen pasa a meirande parte do tempo co grupo. Neste caso, queremos falar desde a experiencia dos mestres especialistas: como coordinarnos cos titores, como traballar en cooperativo… e, de xeito máis concreto, como esta metodoloxía pode axudar á inclusión do alumnado con NEAE e á práctica docente dos mestres de apoio.

Desde o departamento de orientación, e máis concretamente no noso caso como mestras de apoio, comezamos a formación e a posta en práctica das actividades cooperativas coa inquedanza de que, ao non ter un grupo propio de alumnos, non poderiamos chegar a introducirnos dun xeito práctico no funcionamento das aulas ou non poderiamos levar a cabo as nosas propias experiencias. Comezamos programando tarefas comúns de PT e AL nas que traballamos os estándares nos que o noso alumnado presenta maiores dificultades. Deste xeito, nas aulas de apoio creamos uns obradoiros de lectoescritura que se baseaban na realización de diferentes manualidades, receitas de cociña, materiais para as aulas ordinarias... de forma que o traballo dos rapaces tivese un produto final que lle dese sentido e motivase os rapaces e rapazas a enfrontar as dificultades coma un reto máis satisfactorio. Co tempo decatámonos de que, a pesar de ser unhas tarefas programadas para traballar as competencias e con metodoloxía cooperativa, non estabamos a facelo de forma axeitada. Para lograr a inclusión do alumnado debiamos incluírnos nós como mestres de apoio nas súas aulas e proxectos, sen saír da aula ordinaria, incluíndo estas actividades, beneficiosas para todos, na programación ordinaria, como finalmente fixemos.

A primeira experiencia que imos contar foi un traballo da mestra de AL. Nunha das aulas de primeiro de educación primaria tiñamos seis nenos e nenas con NEAE asociadas a problemas na fala e dous con dificultades de aprendizaxe. A titora comezou realizando equipos heteroxéneos propios da aprendizaxe cooperativa. O propio feito de establecer estes grupos xa consideramos que beneficia a todo o alumnado, o cal , ao ter que traballar en equipo, aprende a liderar, tomar decisións ou copiar modelos de traballo máis axeitados.

Para a atención do alumnado con NEAE é habitual que as mestras de apoio saquemos os alumnos da aula ordinaria para traballar dun xeito individual e concentrado. Neste caso, aproveitando que a titora estaba a traballar por proxectos e con metodoloxía de aprendizaxe cooperativa, programamos de xeito coordinado unha tarefa para todo o ano coa que atender as necesidades do alumnado. A mestra de AL precisaba tres sesións semanais para traballar os problemas da fala e por isto estableceu que nunha destas sesións se fixese unha intervención directa na aula de AL para reeducar fonemas alterados. As outras dúas sesións fixéronse dentro da aula ordinaria con todos os alumnos. A tarefa estaba destinada a elaborar xogos de mesa que favorecesen a reeducación de cada un dos fonemas, tipo Fonodil, dominó por fonemas, xogos de memoria… Deste xeito, todo o alumnado da aula de primeiro estivo a traballar a conciencia fonolóxica de todos os fonemas, a asociación grafema-fonema, vocabulario asociado, escritura de palabras, redacción dunhas normas de xogo etc. favorecéndose deste sistema para afianzar a conciencia fonolóxica e semántica tan necesaria no proceso de iniciación á lectoescritura en primeiro. Para realizar estes xogos, tiveron que buscar palabras con determinados fonemas, buscar os debuxos no ordenador, elixir os máis axeitados, recortar, pegar, inventar as normas do xogo, escribilas... O momento no que o alumnado elabora os taboleiros de xogo é o momento de concienciación, reflexión, debate, coordinación de equipo, consenso... que aqueles nenos que non teñen dificultades da fala están aproveitando para traballar procesos cognitivos máis elevados consensuando decisións, axudando os compañeiros a corrixir problemas de escritura, lectura... Unha vez que os xogos están rematados, estes colócanse no recuncho de xogo da aula para que, de forma libre, calquera poida practicar unha vez rematadas as tarefas da aula.

A realización desta tarefa tivo efectos moi positivos entre todo o alumnado de primeiro. Os alumnos con dificultades na fala, que normalmente saían tres veces por semana da aula, pasaron a saír unha única vez e a ser protagonistas dunha actividade divertida e motivadora para todos e todas. Ademais, os seus propios compañeiros actuaban case como a mestra de AL dun xeito moi natural, tratando de explicar os movementos correctos dos órganos articulatorios cando un compañeiro o precisaba ou repetindo amodiño unha determinada palabra que resultaba difícil de articular. Foi unha experiencia moi gratificante que tivo lugar grazas ao traballo conxunto da titora e de mestra de AL.

A outra experiencia que relatamos a continuación levouna a cabo a mestra de PT na mesma aula de primeiro. Esta mestra debía atender as necesidades dos dous alumnos con dificultades de aprendizaxe para os que precisaba tres sesións específicas de traballo. Para a intervención con este rapaces programou traballar de forma específica fóra da aula dúas veces por semana e a terceira levar a cabo na aula ordinaria un obradoiro de lingua de signos. Nesta sesión semanal traballou o alfabeto dactilolóxico e vocabulario básico do nivel. A tarefa tiña como produto final realizar materiais en lingua de signos para a biblioteca escolar.

Con todo o grupo-clase organizado por equipos, a mestra de PT realizaba sempre unha rutina de actividades que comezaban coa presentación de cada fonema, asociado ao seu grafema e signo dactilolóxico. Tras a presentación, facía parada de tres minutos para a busca grupal de palabras que comezasen por determinados fonemas e posta en común de todas as palabras de cada grupo. Posteriormente, os nenos facían ditados entre iguais (coas mans) nun caderno dicionario. Unha vez traballados todos os fonemas e signos manuais, comezaron a aprender vocabulario básico sinxelo relacionado cos contidos escolares.

Con esta experiencia o resultado non puido ser máis positivo. O uso da LSE (lingua de signos española) na aula resultou ser un apoio visual perfecto no inicio da lectoescritura, pero o feito de introducila nunha aula que traballa en cooperativo fixo que o alumnado con dificultades de aprendizaxe puidese ser apoiado por calquera compañeiro, ben sexa do seu grupo cooperativo ou do grupo clase. Os alumnos que son axudados atopan nos seus compañeiros unha colaboración instantánea, non teñen que estar esperando sempre á mestra e séntense máis arroupados polos seus iguais. Os rapaces que axudan aprenden a ser máis pacientes, reflexionan e utilizan procesos mentais máis elevados, co que aprenden a traballar en equipo.

Como reflexión final sobre estas dúas experiencias de apoio á diversidade dentro das aulas ordinarias, gustaríanos destacar que o alumnado acolle este tipo de traballo con gran motivación e interese, posto que é una nova forma de aprender sen que o titor sexa o protagonista del. Nós, mestra titora e mestras de apoio, actuamos unicamente como guía das súas aprendizaxes.

Pensamos que este é o camiño para fomentar a inclusión e favorecer o mellor desenvolvemento de todos os ámbitos da aprendizaxe do noso alumnado. Temos claro que, para que este modelo de ensino aprendizaxe funcione, os mestres somos a clave. Debemos estar abertos a experimentar estas novas metodoloxías, compartir e coordinar o traballo cos compañeiros, facer proxectos interdisciplinares e flexibilizar horarios e espazos.

Os inconvenientes cos que nos podemos atopar fan referencia á necesidade dun cambio de base. O centro ten que querer adoptar este modelo de traballo no seu PE precisamente para que haxa unha estabilidade e continuidade metodolóxica; para poder flexibilizar os horarios e agrupacións e conseguir o compromiso de todo o profesorado.

 

Sección: