Administración, configuración e visualización das imaxes dun álbum de Coppermine desde un contido de Drupal

Para o correcto funcionamento deste módulo debe estar instalado e configurado o módulo Lightbox2 en Drupal. No seguinte enlace pódese consultar información de como facelo:

Efectos visuais co módulo Lightbox

INSTALACIÓN DO MÓDULO "Node album"

  • Activar o módulo "Node album" no grupo AMTEGA - Webs Dinámicas. Este módulo foi desenvolvido polo equipo de soporte de Webs Dinámicas.

activación

  • Gardar os cambios.
  • Coa activación deste módulo, crearase automaticamente un novo tipo de contido denominado "Album" - quitámoslle o til para que apareza ao principio - (Administrar > Administración do contido > Tipos de contido). Editando o tipo de contido Album poderanse establecer as opcións predeterminadas para comentarios, promoción á páxina principal e demáis. (Por defecto non se admiten comentarios e non se promociona á páxina principal). 

tipos de contido

CONFIGURACIÓN DOS PERMISOS

  • Configurar os permisos do módulo para os diferentes roles. A seguinte imaxe amosa todos os permisos concedidos para o rol administrador e unicamente os permisos de crear, modificar e borrar os contidos propios de tipo álbum para o rol profesorado.

Permisos

CREACIÓN DUN CONTIDO DE TIPO ÁLBUM

  • Crear contido tipo "Album". 

crear contido

  • Especificar un título (obrigatorio) e un corpo (opcional). O corpo pode empregarse para facer unha pequena descrición do álbum que se vai visualizar.
  • No despregable "Escolla un álbum da Galería", seleccionar o álbum da galería Coppermine que se desexa visualizar (obrigatorio). Por defecto, aparecerán ordeados de xeito descendente pola súa data de creación, polo que os álbumes creados máis recentemente aparecerán na lista por riba dos máis antigos.
    • A lista desplegable amosa: Nome da categoría -> Título do álbum.
    • Se o álbum non pertence a ningunha categoría, amosarase: Sen categoría -> Título do álbum.
    • Se un álbum pertence a unha subcategoría dunha categoría pai, amosarase unicamente a de nivel inferior.  É dicir,  aquela que contén directamente o álbum.
  • O resto dos parámetros poden configurarse como para calquera outro tipo de contido de Drupal.

creando álbum

  • Gardar.
  • A imaxe que se xunta a continuación amosa o álbum co título "OTRO" da categoría "Uno": Álbum: Uno -> OTRO

Album creado

VISUALIZACIÓN DO RESULTADO

  • Por defecto, de entre todas as imaxes do álbum especificado, visualizarase debaixo do corpo a imaxe que foi subida en primeiro lugar á galería de imaxes Coppermine. Ao facer click sobre ela, iniciarase un slide coa presentación de todas as imaxes do álbum con efecto Lightbox en orde ascendente polo seu identificador, é dicir, na orde na que foron subidas á plataforma.
  • Para modificar o tempo das transicións entre imaxes, facer un ciclo continuo, ou pase manual das imaxes, consultar a documentación sobre o módulo Lightbox no enlace indicado anteriormente.

Lightbox en funcionamento

CONSIDERACIÓNS A TER EN CONTA:

  • Para poder publicar un contido de tipo "Album" nun termo dunha categoría xa creada deberase editar o vocabulario da taxonomía correspondente (Administrar > Administración do contido> Taxonomía) e engadir o tipo de contido Album para dita taxonomía.
  • Sempre que se acceda a un contido de tipo Album, visualizarase unha imaxe do álbum seleccionado tanto na vista resumida (teaser) como na vista completa do contido, sempre a continuación do corpo do contido.

DIMENSIÓNS DA IMAXE A AMOSAR DEBAIXO DO CORPO DO CONTIDO

Para entender o funcionamento do módulo node_album hai que ter en conta como se comporta Coppermine cando se sube unha imaxe á plataforma. Ademais de almacenarse a imaxe coas dimensións orixinais:

  • Coppermine xera sempre unha versión miniatura (co prefixo thumb_) de cada imaxe que se sube. O tamaño máximo da versión miniatura será o configurado en Configuración > Configuración de arquivos e miniaturas > Dimensión máxima dunha miniatura (por defecto 100 píxeles). Este límite aplicarase ao ancho ou alto da imaxe segundo a configuración da variable "Utilizar dimensión (ancho ou alto ou aspecto máximo dunha miniatura )", que por defecto é "Aspecto Máximo".
  • Ademais da versión thumb, xerarase unha versión intermedia de cada imaxe (co prefixo normal_) sempre que se cumpran dúas condicións:

a) Que estea activa esta opción na variable "Crear fotografías intermedias" (por defecto Sí).

b) Que o ancho ou alto da imaxe orixinal sexa maior que o valor da variable "Ancho ou alto máximo dunha fotografía/vídeo intermedio" (por defecto 400 píxeles).


Tendo en conta todo o anterior, o módulo node_album amosará inicialmente, xusto a continuación do corpo ou do resumo do contido, a versión da imaxe que corresponda de acordo co seguinte:

  • Se está activa a opción "Crear fotografías intermedias" = Sí e, ademais, algunha das dimensións da imaxe orixinal é maior que "Ancho ou alto máximo dunha fotografía/vídeo intermedio", amosarase a versión intermedia da imaxe almacenada co prefixo 'normal_'.
  • En caso contrario, visualizarase a imaxe co prefixo 'thumb_' que sempre debe existir.

Os prefixos "thumb_" e "normal_" establécense na configuración do Coppermine: Configuración > Configuración avanzada de arquivos e miniaturas > O prefixo para as fotos intermedias / Os prefixo para as miniatuas.

En calquera caso, recoméndase non modificar ningún dos aspectos por defecto que aparecen na configuración do Coppermine.

No caso de modificación en Coppermine dalgún dos parámetros anteriores pode deixar de funcionar o módulo node_album, xa que podería acontecer neste caso que no se atopara a versión intermedia que segundo a configuración anterior debera existir ou que os prefixos dos ficheiros das imaxes non correspondesen cos prefixos da configuración.

Para solucionar este tipo de problemas sería preciso reconstruír en Coppermine as versións intermedias e miniatura das imaxes (o que se pode hacer en Ferramentas Administrativas > Actualizar miniaturas e/ou redimensionar fotos).

Última modificación: Luns, 29 de Outubro do 2018, 08:59