Patrón/Patroa costeiro polivalente

O/a patrón/patroa costeiro/a polivalente, cando sexa o caso, é a persoa designada polo/a armador/a da embarcación de pesca que desempeña a súa representación, e exerce o goberno e a dirección do buque acreditando a súa titulación mediante o título profesional conforme as condicións e atribucións establecidas no Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, pola que se regulan as titulacións profesionais do sector pesqueiro.

 

COMPETENCIAS

- Enrolarse como primeiro oficial ou oficial encargado da garda de navegación en buques dedicados á pesca litoral.

- Enrolarse como primeiro oficial de máquinas en buques pesqueiros de potencia inferior a 750 quilowatts, e como oficial encargado da garda de máquinas.

- Exercer como capitán ou patrón e/ou xefe de máquinas, en buques de ata 24 metros de eslora entre perpendiculares e 400 quilowatts de potencia efectiva da máquina, dedicados á pesca costeira de litoral, ata unha distancia de 60 millas da costa. A base para o cálculo da distancia á costa serán as liñas de base rectas definidas na Lei 10/1997, do 4 de xaneiro, sobre mar territorial, cuxa delimitación figura no Real Decreto 2510/1997, do 5 de agosto, de augas xurisdicionais, liñas de base rectas para a súa delimitación.

Para poder exercer a función de capitán prevista no presente apartado o interesado debe cumprir un período de embarque non inferior a 12 meses como oficial encargado da garda de navegación, ou patrón, en buques pesqueiros de eslora non inferior a 12 metros.

- Exercer a xefatura de máquinas en buques de pesca con potencia propulsora non superior a 550 quilowatts.

 

CONDICIÓNS PARA A OBTENCIÓN DA TITULACIÓN

Para a obtención da titulación de patrón/patroa costeiro/a polivalente, o alumnado deberá:

- realizar satisfactoriamente un curso de formación sobre os coñecementos teórico-prácticos, e

- superar o exame teórico-práctico establecido para o efecto.

A duración do curso non será inferior a 600 horas lectivas, das cales 350 horas corresponderán á sección de ponte e 250 horas á sección de máquinas.

 

CONDICIÓNS DE ACCESO AO CURSO

Para o acceso ao curso de patrón/patroa costeiro/a polivalente, o alumnado deberá reunir os seguintes requisitos:

– Ter feitos os dezaoito anos de idade.

– Estar en posesión do título de mariñeiro/a pescador/a.

– Estar en posesión do certificado de nivel 1 de ensinanzas básicas iniciais ou certificado equivalente, ou ben estar en posesión da tarxeta profesional de patrón/patroa local de pesca.

 

DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A MATRÍCULA

As persoas candidatas interesadas no curso de patrón/patroa costeiro polivalente achegarán a seguinte documentación para realizar a matrícula:

- Modelo de solicitude PE607C. Descargue a solicitude AQUÍ.

- Copia do DNI/NIE polas dúas caras.

- Copia do título profesional de mariñeiro/a pescador/a ou, de ser o caso, copia da folla do caderno marítimo onde se acredite estar en posesión do dito título.

- Certificado de nivel 1 de ensinanzas básicas iniciais ou certificado equivalente, ou ben copia da tarxeta profesional de patrón/patroa local de pesca.

- Xustificante do aboamento das taxas que outorgan o dereito ao exame.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A solicitude tamén poderá presentarse en soporte papel:

- nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen os/as aspirantes, ou

- por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

IMPORTANTE: Con anterioridade á formalización da matrícula, as persoas interesadas informaranse nas secretarías dos centros para coñecer as datas dispoñibles de realización do curso.

 

TAXAS

Pode obter o Modelo AI. Autoliquidación de Taxas premendo na imaxe.

INSTRUCCIÓNS

1. Prema en Cidadáns, Pago de taxas e prezos, Iniciar taxa, Acceso libre ó servizo (Candado aberto) e Iniciar taxa.

2. Na pantalla "Datos da taxa" deberá cubrir o seguinte:

 Consellería de: O Mar  Código: 12
 Delegación de: Vigo  Código: 41
 Servizo de: Desenvolvemento Pesqueiro   Código: 05
 Taxa: denominación
 Probas profesionais de pesca  Código: 301900
 Obxecto de pago  Patrón/patroa costeiro/a polivalente 
 Datos de pago  18,99 €

3. Prema en Continuar.

4. Na pantalla "Datos identificativos" deberá indicar os seus datos persoais. Prema en Continuar.

5. Por último, na pantalla "Modo de pago" poderá escoller entre a opción de Pago telemático (Se desexa efectuar o pago telemático con tarxeta ou cargo en conta) e a opción de Descargar modelo presencial (Permite a descarga do modelo de autoliquidación cuberto cos datos recén capturados para imprimir e efectuar o pago presencial nunha entidade financeira colaboradora).

 

ASISTENCIA AO CURSO

A asistencia ao curso por parte do alumnado matriculado será obrigatoria.

Cando o incumprimento da asistencia supere o 10% das horas lectivas do curso será motivo de baixa no dito curso, así como a baixa no dereito a participar no exame correspondente.

 

EXAME

Para a obtención do certificado de aptitude será preciso superar o exame correspondente ante un tribunal.

Só se poderá presentar ao exame final o alumnado que asistiu con regularidade ás clases e non superou o 10% das faltas correspondentes á carga lectiva do curso.

O alumnado que suspenda o exame disporá dunha nova convocatoria de exame, logo da autorización do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

 

OBXECTIVOS

Obxectivos relativos á sección de ponte.

– Controlar a navegación e a derrota do buque en todas as condicións.

– Realizar as operacións de estabilidade, trimaxe e manobra do buque.

– Organizar e executar as actividades extractivas e de conservación do produto obtido.

– Organizar e controlar a seguranza, a supervivencia, a asistencia sanitaria a bordo e a preservación do medio mariño.

– Realizar unha correcta administración do buque, unha axeitada aplicación das normas laborais e unhas prácticas de traballo seguras a bordo.

– Comprender a información específica e profesional das mensaxes orais e escritas en lingua inglesa relativas as diversas situacións de comunicación emitidas directamente por falantes ou por medios de comunicación.

Obxectivos relativos á sección de máquinas.

– Realizar a condución e mantemento da planta propulsora do buque.

– Supervisar e controlar o funcionamento das instalacións eléctricas, asegurando a súa operatividade e seguranza.

– Controlar o funcionamento e o mantemento de equipamentos hidráulicos e sistemas auxiliares (servizos).

 

PROGRAMA: MÓDULOS FORMATIVOS E TEMPORALIZACIÓN SOBRE OS COÑECEMENTOS TEÓRICO-PRÁCTICOS

  • Sección de ponte (350 horas/420 sesións).

Módulo profesional 1. Navegación e comunicacións (80 sesións).

– Unidade didáctica 1. Navegación costeira.

– Unidade didáctica 2. Navegación con radar.

– Unidade didáctica 3. Servizo de garda.

– Unidade didáctica 4. Sistemas electrónicos de determinación da situación e da navegación.

– Unidade didáctica 5. As comunicacións a bordo. Procedementos radiotelefónicos.

– Unidade didáctica 6. Busca e salvamento (MERSAR).

Módulo profesional 2. Estabilidade, manobra do buque e regulamentos para previr abordaxes (60 sesións).

– Unidade didáctica 1. Construción naval e teoría do buque.

– Unidade didáctica 2. Estabilidade e construción do buque pesqueiro.

– Unidade didáctica 3. Manobra e goberno dos buques pesqueiros.

– Unidade didáctica 4. Regulamentos para previr as abordaxes e balizamento internacional.

Módulo profesional 3. Pesca responsable (80 sesións).

– Unidade didáctica 1. Bioloxía pesqueira.

– Unidade didáctica 2. Pesca marítima. Artes e aparellos de pesca.

– Unidade didáctica 3. Lexislación marítimo-pesqueira e administración do buque.

– Unidade didáctica 4. Manipulación e estiba das capturas.

Módulo profesional 4. Meteoroloxía e oceanografía (20 sesións).

– Unidade didáctica 1. Meteoroloxía.

– Unidade didáctica 2. Oceanografía.

Módulo profesional 5. Seguranza marítima e preservación do medio mariño (60 sesións).

– Unidade didáctica 1. Seguranza marítima.

– Unidade didáctica 2. Hixiene e primeiros auxilios.

– Unidade didáctica 3. Preservación do medio mariño.

Módulo profesional 6. A seguranza e lexislación marítima laboral (40 sesións).

– Unidade didáctica 1. Prácticas de traballo seguras a bordo.

– Unidade didáctica 2. Lexislación marítima laboral.

– Unidade didáctica 3. A fatiga a bordo.

Módulo profesional 7. Nocións de inglés técnico (20 sesións).

Módulo profesional 8. Simulación e prácticas a bordo dun buque de pesca (60 sesións).

– Unidade didáctica 1. Simulación en radar e ARPA.

– Unidade didáctica 2. Simulación en sistemas electrónicos (navegación e pesca).

– Unidade didáctica 3. Programa de prácticas a bordo dun buque de pesca.

 

  • Sección máquinas (250 horas/300 sesións).

Módulo profesional 1. Propulsión do buque (120 sesións).

– Unidade didáctica 1. Teoría fundamental dos motores térmicos de combustión interna.

– Unidade didáctica 2. O motor diésel de catro tempos.

– Unidade didáctica 3. Potencias, rendementos e consumos.

– Unidade didáctica 4. Estudo e verificación dos compoñentes do motor.

– Unidade didáctica 5. Sistemas de alimentación de aire e escape.

– Unidade didáctica 6. Combustión. Combustibles.

– Unidade didáctica 7. Sistema de alimentación e inxección do combustible.

– Unidade didáctica 8. Sistema de lubricación. Lubricantes.

– Unidade didáctica 9. Sistema de refrixeración.

– Unidade didáctica 10. Arranque. Liña de eixes. Motores reversibles.

– Unidade didáctica 11. Instrumentos de medida local e remota.

– Unidade didáctica 12. Condución, mantemento e avarías dos motores diésel.

Módulo profesional 2. Electricidade (60 sesións).

– Unidade didáctica 1. Principios, circuítos e magnitudes eléctricas.

– Unidade didáctica 2. Baterías.

– Unidade didáctica 3. Circuíto de carga. Alternador.

– Unidade didáctica 4. Circuíto de arranque. Motor de arranque.

– Unidade didáctica 5. Cadros eléctricos.

Módulo profesional 3. Servizos do buque (60 sesións).

– Unidade didáctica 1. Hidráulica e pneumática básica.

– Unidade didáctica 2. Sistemas hidráulicos do buque.

– Unidade didáctica 3. Servizo de achique, baldeo e contra incendios.

Módulo profesional 4. Tecnoloxía mecánica. Taller (60 sesións).

– Unidade didáctica 1. Recoñecemento e uso de ferramentas. Metroloxía.

– Unidade didáctica 2. Procedemento manual de soldadura por arco eléctrico.

– Unidade didáctica 3. Desmontaxe e montaxe dun motor diésel completo.

– Unidade didáctica 4. Cambio de aceite e filtros do motor.

– Unidade didáctica 5. Regraxe de válvulas e comprobación da posta a punto.

– Unidade didáctica 6. Esmerilaxe de válvulas.

– Unidade didáctica 7. Timbraxe dun inxector sobre bomba de probas.

– Unidade didáctica 8. Preparación do motor para o arranque e para realizar unha travesía.

– Unidade didáctica 9. Utilización do polímetro.

– Unidade didáctica 10. Acoplamento e verificación do estado de carga de baterías.

– Unidade didáctica 11. Verificación do sistema de carga e arranque.

– Unidade didáctica 12. Montaxe dun circuíto hidráulico e pneumático.

– Unidade didáctica 13. Cambio de retén dunha bomba centrífuga.

– Unidade didáctica 14. Seguranza e prevención de riscos no manexo da maquinaria a bordo.

 

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

  • Criterios de avaliación para a sección de ponte.

Exame teórico-práctico.

Exame teórico: o tribunal deberá acollerse a unha das seguintes opcións:

Opción A. 30 preguntas curtas que se repartirán da seguinte maneira:

– 5 preguntas para regulamentos, sinais e balizamentos: 3 de regulamentos e sinais e 2 de balizamentos.

– 3 preguntas da unidade didáctica de artes e aparellos.

– 3 preguntas da unidade didáctica de seguranza marítima.

– 2 preguntas da unidade didáctica de bioloxía pesqueira.

– 2 preguntas da unidade didáctica de estabilidade e construción do buque pesqueiro.

– 1 pregunta das unidades didácticas 1, 2, 3 e 4 do módulo profesional 1. Navegación e comunicacións.

– 1 pregunta das unidades didácticas 5 e 6 do módulo profesional 1. Navegación e comunicacións.

– 2 preguntas do módulo de nocións do módulo de inglés técnico.

– 1 pregunta para cada unha das restantes unidades didácticas.

Opción B. 60 preguntas tipo test de respostas múltiples que se repartirán da seguinte maneira:

– 10 preguntas para regulamentos, sinais e balizamentos: 6 de regulamentos e sinais e 4 de balizamentos.

– 6 preguntas da unidade didáctica de artes e aparellos.

– 6 preguntas da unidade didáctica de seguranza marítima.

– 2 preguntas da unidade didáctica de bioloxía pesqueira.

– 2 preguntas da unidade didáctica de estabilidade e construción do buque pesqueiro.

– 2 preguntas das unidades didácticas 1, 2, 3 e 4 do módulo profesional 1. Navegación e comunicacións.

– 2 preguntas das unidades didácticas 5 e 6 do módulo profesional 1. Navegación e comunicacións.

– 4 preguntas do módulo de nocións de inglés técnico.

– 2 preguntas para cada unha das restantes unidades didácticas.

Exame práctico: resolución dun problema de navegación sobre unha carta do estreito de Xibraltar. Realización de exercicios de armado e reparación de artes e aparellos de pesca. Realización dunha práctica de primeiros auxilios. Recoñecemento e uso dalgún dispositivo individual ou colectivo de seguridade.

Valoración: 2 puntos pola correcta resolución do exercicio de carta; 2 puntos pola práctica de artes e aparellos de pesca; 1 punto pola práctica de seguranza marítima; 1 punto pola práctica de primeiros auxilios e 4 puntos polo exame teórico.

É necesario cumprir todos os requisitos que se nomean a seguir para superar a sección:

– Ter como mínimo 1 punto no exercicio de carta.

– Ter como mínimo 1 punto na práctica de artes e aparellos.

– Ter como mínimo 0,5 puntos na práctica de primeiros auxilios.

– Ter como mínimo 0,5 puntos na práctica de seguranza marítima.

– Responder correctamente 2 preguntas curtas de regulamentos e sinais e 1 pregunta curta de balizamento, ou 4 preguntas tipo test de regulamentos e sinais e 2 preguntas tipo test de balizamentos.

– Ter como mínimo 2 puntos no exame teórico.

– Ter unha puntuación mínima global de 5 puntos.

Se a persoa candidata non supera algún dos criterios enumerados anteriormente, será considerado como «non apta».

 

  • Criterios de avaliación para a sección de máquinas.

Exame teórico-práctico.

Exame teórico: constará de 30 preguntas curtas, resolución de circuítos e cálculos, que se repartirán da seguinte maneira:

– 16 preguntas correspondentes ao módulo 1.

– 7 preguntas correspondentes ao módulo 2.

– 7 preguntas correspondentes ao módulo 3.

Exame práctico: resolución de tres supostos prácticos, a razón dun suposto práctico por módulo. Tempo máximo para cada módulo 15 minutos.

Valoración: para superar o exame teórico o alumnado deberá responder correctamente a un mínimo de 15 preguntas, que son as seguintes:

– un mínimo de 8 preguntas do módulo 1.

– un mínimo de 4 preguntas do módulo 2.

– un mínimo de 3 preguntas do módulo 3.

Para superar o exame práctico o alumnado deberá obter un mínimo de 5 puntos en cada un dos tres módulos prácticos. A puntuación destes módulos estará comprendida entre 0 e 10 puntos.

Para aprobar o exame, o alumnado deberá superar tanto o exame teórico como o práctico.

 

NORMATIVA

* Real Decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os título profesionais do sector pesqueiro.

* ORDE do 31 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

* CORRECCIÓN de erros. Orde do 31 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.