Skip to Content

ESTALMAT – Galicia - Convocatoria 2019.

O Proxecto ESTALMAT-Galicia para Estímulo do Talento Matemático en estudantes da Comunidade Autónoma, anuncia a Convocatoria 2019 da proba de selección dirixida a estudantes nacidos nos anos 2006 ou 2007.

O proxecto ESTALMAT-Galicia iniciou a súa andadura no curso 2007-2008, integrado no Proxecto ESTALMAT-España, iniciativa da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. Conta co apoio da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e das Deputacións da Coruña e Lugo.

O obxectivo do proxecto é detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento matemático que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos.

O funcionamento básico do Proxecto ESTALMAT consiste en seleccionar 25 estudantes cada ano, mediante unha proba que pretende detectar aptitudes matemáticas avanzadas.

Os alumnos e as alumnas seleccionadas participan en actividades formativas adaptadas ao desenvolvemento do seu talento nos dous cursos seguintes (20 sesións cada curso), con posibilidade de continuar outro ano mais (12 sesións). As sesións son totalmente gratuítas para os participantes e teñen lugar na Facultade de Matemáticas da USC nas mañás dos sábados. O equipo docente está composto por máis de 50 profesores do ensino medio e das universidades galegas.

Inscrición:

1. Datas de inscrición: do 2 ao 31 de maio de 2019, ambos inclusive. Excepcionalmente poderán terse en conta solicitudes posteriores a esa data.

2. Procedemento: É necesario por cuestións organizativas da proba cumprimentar o formulario adxunto de inscrición dispoñible na páxina web do proxecto (http://www.estalmatgalicia.com), a partir do 2 de maio. No lugar correspondente do formulario, pode incluírse o nome dun profesor ou profesora que avale o interese e aptitude do estudante polas matemáticas. Esta posibilidade é opcional e non afecta nin condiciona a avaliación.

Proceso de selección: Constará de dúas fases:

1. Proba de aptitude. Terá lugar o sábado 8 de xuño, ás 10 horas, na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Consistirá na resolución de varios problemas.

2. Entrevista persoal. Unha vez corrixidas as probas, levarase a cabo unha entrevista individual cos 25 nenos e nenas preseleccionados na proba de aptitude, acompañados de seu pai e a súa nai ou titores, que previamente serán avisados persoalmente. Está encamiñada a avaliar o interese e o grao de compromiso co proxecto.

As listas provisional e definitiva dos estudantes seleccionados faranse públicas na páxina web do proxecto: http://www.estalmatgalicia.com



page | by Dr. Radut