Skip to Content

Premios extraordinarios ESO.

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (procedemento ED311D) correspondentes ao curso 2018/19.

Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios. Cada premio estará dotado con 750 €. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro educativo onde estea depositado o expediente académico anotaralle nel a distinción.

Requisitos de participación.

Poderá optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico o alumnado que reúna os seguintes requisitos:

  1. Ter cursado durante o ano académico 2018/19 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

  2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

  3. Ter obtido no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos.

Todos os requisitos deberán posuírse o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Forma e prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 6 de xuño de 2019 e rematará o día 5 de xullo de 2019.

As solicitudes (anexo I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal). Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/as solicitantes.

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosedu. Unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, ábrese un prazo de dez días, para emendar as carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada.

Realización da proba para a obtención do premio

O alumnado deberá realizar unha proba que terá lugar o día 5 de setembro de 2019 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal). Para a realización das probas, os candidatos e as candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

A proba estructurarase en dúas partes:

A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, e Primeira Lingua Estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en Lingua Galega e Literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.

Na segunda parte, o alumnado dará resposta a diversas cuestións teóricas e/ou prácticas de tres materias do currículo de cuarto curso:

– Xeografía e Historia.

– Unha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas ou Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas.

– Unha materia para escoller de entre as materias de opción do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Bioloxía e Xeoloxía, Economía, Física e Química, Latín, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, ou Tecnoloxía.

Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas.

Máis información.



page | by Dr. Radut