Al-Andalus

 

Al-Andalus, o legado Hispano-Árabe

 Dende finais de Maio florecen nos corredores e na entrada do Instituto
animais mitolóxicos, mosaicos, vistas da Alhambra, pendóns, murais e paneis
informativos que falan do léxico hispánico e francés de procedencia árabe, de
romances medievais,  da Chanson de
Roland, da música andalusí,  da influencia
árabe nas Matemáticas, de Fibonnacci, de Averroes e outros filósofos árabes
medievais. Pronto veremos tamén unha fonte que bota auga e foi creada no
laboratorio do Instituto, e recorda a importancia do regadío en Al-Andalus.  Na Biblioteca unha interesante exposición
bibliográfica amplía o tema. Porque é inmenso o legado que esta civilización
nos deixou. Porque queremos desbotar prexuízos e estamos convencidos de que o
coñecemento dos outros incide na educación pola Paz.

Trátase dun proxecto, concibido e dirixido polo noso profesor de Debuxo,
Antonio Sánchez, que dende o curso pasado ven traballando arreo co alumnado de
Plástica, e conseguindo a colaboración dos outros Seminarios.

Dende aquí invitamos a toda a Comunidade Educativa a vir ver a  exposición, que se prolongará ata finais do
verán, ó tempo que felicitamos a todo o alumnado participante e a Antonio polo
seu excelente traballo.