XABIER QUEIPO VISITA O IES VAL MIÑOR

O xoves 26 de marzo, os alumnos de 3º e 4º da ESO, tiveron a oportunidade de coñecer e escoitar ao escritor galego Xabier Queipo. Aproveitando unha das súas estancias en Galicia (o autor reside e traballa en Bruxelas dende 1989) Xabier achegouse ao noso centro para falarnos da súa tarefa como escritor.

Licenciado en Bioloxía, Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, ten colaborado en publicacións colectivas: no portal web Vieiros, na Revista das Letras, no semanario A nosa Terra, na revista Grial e mantivo unha columna de opinión semanal no programa de Radio Galega Diario Cultural.

A súa primeira novela Ártico e outros mares (1990), levou o “Premio da Crítica española”. Outorgóuselle, tamén, o “Premio Xerais” de novela en 2011 con Extramunde. Ten, ademais, outros premios tanto pola súa creación como polo seu labor de tradutor:

Premio García Barros por O paso do noroeste (1996); Premio Café Dublín por O ladrón de esperma (1999); Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro traducido por Ulises, de James Joyce en 2013 (tradución que levou outros tres premios máis)

Falante plurilingüe, escolleu o galego para a escrita porque é a súa lingua. Ten traballado, ademais o xénero da poesía (Nos dominios de Leviatán, Glosarios, Pegadas), da narrativa infantil e xuvenil (O espello e o dragón, Saladina, A illa dos cangrexos violinistas) e do ensaio (Olladas oceánicas na arte contemporánea, Caderno da Revolución Cultural)

Dando resposta ás preguntas: que?, cando?, como?, onde?, por que?, para que?, para quen? Xabier Queipo foi contando como nace a súa obra.

A súa última novela 55 (2014) escribiuna para celebrar o seu 55 aniversario. Contén 55 relatos nos que deixa sentir a pegada do mar e dos océanos, o abraio diante da natureza, as viaxes e as aprendizaxes, as experiencias e soños dunha vida. Trátase dun mosaico de historias entre a realidade e a ficción no que recolle os momentos dende que comezou a súa andaina como escritor.

Os alumnos puideron conversar con el e formularlle as súas preguntas que respondeu detalladamente. A través delas, coñecemos mellor a persoa, a tarefa e o autor.

Powered by Drupal - Design by artinet