Benvida

Localización

IES Valadares

Avda Clara Campoamor s/n. 36315-Valadares. Vigo.

Telf: 886 111060.  e-mail: ies.valadares@edu.xunta.es

 

 

VALADARES

 

Valadares está situado ás aforas, ao noroeste do concello de Vigo. É unha parroquia extensa, con case 13 km2, que ten unha orografía accidentada e os montes Alba e Galiñeiro como fronteira entre o Val do Fragoso e o Miñor. A existencia de importantes masas forestais é outra das características desta parroquia que segundo o último censo, conta con 5.414 habitantes.

Ao igual que Vigo, Valadares goza dun clima oceánico excepcional con respecto ao resto de Galicia; denominado comunmente “a Andalucía galega”. Testimonio delo é que pode chegar a uns 28ºC de temperatura máxima (en verán) e unhas mínimas de 10ºC.   

Esta parroquia dividise en varios barrios ou zonas tales como: Sobreira, Garrida, Freixo, As Barrocas, O Carregal, O Foxo, O Portal e A Igrexa, entre outros.

Dispón dun servizo regular de autobuses (liña C7) que saen dende Vigo (Praza de España) en dirección a distintas zonas da parroquia (cada 20 minutos). Tamén hai un servizo regular de transporte interurbán que sae da Estación de Autobuses da Avda. de Madrid cara Valadares. 

PATRIMONIO HISTÓRICO

Tradicionalmente únese a historia desta parroquia coa liñaxe dos Valadares e que máis tarde dará nome o marquesado. É moi posible que a casa de Valadares adquirise o dominio durante as loitas feudais do S.XV. As novas referentes a estas terras non comezan ata ben entrado o período moderno, xa que case que non hai datos do medievo.

 


Durante o último tercio do S.XVII obtivo o nomeamento de vila e cabeceira de marquesado, como consecuencia da institución realizada o 4 de abril de 1673 a favor de Luís de Valadares Meira e Sarmiento, que xa tiña o título de vizconde dende 1969 en compensación polos seus servicios prestados ó rei.

A constitución desta nova parroquia é mais tardía que outras e data dos séculos XIV ó XV. Posiblemente estas terras estarían cubertas de monte e figurarían como Coto anexo a parroquia de Vincios, que estaría baixo a xurisdicción do Bispo de Tui.

Os primeiros documentos que se conservan datan de 1687, segundo os escritos de Xosé Espinosa relativos ó pasado de Valadares. Así, nun documento localizado no Arquivo Histórico Nacional sinálase en relación a Casa do Marquesado de Valadares que trátase dunha casa arruinada de pedra de cantaría que está nunha eminencia que descobre o val e é unha torre no medio de cantaría con catro cubos redondos nas catro esquinas e ten un escudo grande e unha pedra a forma de xadrez, que son as armas de dita casa". Enriba de dita casa e nun monte moi alto que chaman Castelo do Alba, hai uns cimentos dun castelo coas súas murallas todas de cantaría e en medio unha cisterna toda picada nun penedo e cunha capela adicada a nosa Señora, desa casa que se describe non quedan restos na parroquia e o mesmo ocorre coa vella estructura do castelo, aínda que se pode ter algunha pista a través dos elementos importantes. Por unha parte, a capela do monte Alba, co escudo dos Valadares e por outra, un pequeno escudo semellante nunha vivenda situada no lugar de La Marquesa, preto da estrada de Vincios. Os veciños vincúlano a unha vella casona de pedra xa desaparecida.

Valadares mantivo o estatus de vila ata a reforma territorial de 1837, aínda que xa é dada a súa condición de xurisdicción, o igual que Bouzas, Fragoso e Vigo e Zamáns como Coto, aparecen na lista empregada para a realización dos traballos da nova Planta. 

Figura tamén na relación de concellos realizada de acordo co decreto do 23 de xullo de 1835, igual que o fai no "repartimento xeral sobre o consumo de viños, vinagre, augardente, aceite e carne" de 1821, pagando este concello un total de 30.716 reais e 13 marabedís. 

A reforma administrativa liberal de 1837 fixo perder a Valadares a condición de Couto e pasou a integrarse no Concello de Lavadores para posteriormente facelo ó de Vigo ó unirse a este último en 1941.

 

TURISMO

Monte Alba (503 metros de altitude)

O 15 de agosto realízase unha romaría dende a Igrexa de Valadares, pasando pola Pena, Os Bértolos e a Cacheira facendo pequenas paradas en cada un destes lugares onde os feligreses dos seus respectivos barrios, arranxaron un espacio floral adicado a Virxe do Alba. Ademais nestas paradas rezase o rosario "chova, trone ou neve (algo pouco común)" Os fieis durante todo o ano pídenlle que os axude e protexa, polo que non é estraño observar a xente que fai o traxecto a xeonllos ou con pés espidos como ofrenda. Tamén iluminase o camiño coas candeas que prendidas e sen apagarse chegan a capela e agardan o remate da misa, a veces con comunións, que se celebran.

Despois desta misa faise unha pequena verbena con gaiteiros e charangas que amenizan a subida, ós valentes que se atreven a realizala.

Miradoiro do Cepudo

Para os que lle guste ir de pícnic ou simplemente a respirar aire puro e limpo, este é un lugar apacible e tranquilo para facelo e a vez para gozar dunhas fermosas vistas a ría. Ademais polo camiño obsérvanse esculturas modernistas (para quen lle gusten) Tamén por esta subida obsérvanse vestixios das antigas civilizacións que poboaron esta zona como dolmens.

Monte dos Pozos

Outro dos lugares para pasar a fin de semana (sen durmir) é este monte. Consta dun merendeiro cheo de arbores autóctonas que dan unha boa sombra nos días de verán. Tamén ten fontes e diversos animais entre os que destacan a morea de peixes (carpas) que decoran o agora reducido lago. Ademais hai unha pequena charca onde sapos e ras entoan o seu croante cantar. Se nos queres levar a comida da casa, hai un restaurante no que podes comer. Sen embargo non é a mais tranquila destas paisaxes campestres pois a máxima afluencia de publico na época de verán faina perder algo o silencio do que no inverno se goza. Neste lugar organízanse multitude de actos culturais como "a festa do polbo" ou o coñecido "Revoltallo"

Patrimonio etnográfico:

Para os que queiran coñecer o noso patrimonio ofrecemos unha visión de diversas estructuras anteriores a nosa época e que aínda se conservan coma: Os hórreos situados na carreteira de San Xoán (Freixo) Estrada do Souto e Seoanes. Moliños, no Carregal e Foxo aínda que moitos están en desuso. Cruceiros, neste aspecto destaca o que forma parte do conxunto do Calvario situado diante do atrio da igrexa parroquial. Fontes e Lavadeiros, na subida a Barrocas, Ctra da Igrexa e Subida a Alba ademais doutras que calman a sede dos seus habitante.

LIGAZÓNS NA WEB.

   

Historia do IES Valadares

 

 

 

A historia do IES Valadares da comezo alá polo ano 1999, cando abre as súas portas e inicia as actividades lectivas correspondentes ao curso académico 1999-2000.

Ao principio, a denominación do centro foi IES nº 2 de Vigo, un nome sen glamour nen historia, un nome que non era nome. Dende fai uns anos chamámonos IES Valadares pois as instalacións atópanse na parroquia de Valadares, e en concreto en terreos doados pola Comunidade de Montes de Valadares.

@s nos@s alumn@s fundamentalmente proveñen das parroquias de Matamá, Valadares e Zamáns; aínda que tamén chegan da parroquia de Castrelos ou de Balaídos, no casco urbano de Vigo.

Desde as fiestras do IES Valadares ollamos os Montes do Galiñeiro e Monte Alba, en primeiro plano, e máis ao lonxe a península do Morrazo. No medio a fermosa ría de Vigo e as Illas Cíes.

No IES Valadares comezouse impartindo só a Educación Secundaria Obrigatoria; aínda que, desde o ano 2010, contamos tamén cun Programa de Cualificación Profesional Inicial, na súa modalidade C-mixta. Pero, a nosa aspiración, dende o nacemento do Instituto, é incorporar os Bacharelatos á oferta educativa do centro.

Todos os días (os lectivos, xa me entenden) traballamos no IES Valadares arredor de 350 persoas, entre alumn@s, profesoras/es e persoal non docente.

Se o desexa, pódenos encontrar a carón da Avda. Clara Campoamor, xa preto do Campus da Universidade de Vigo de As Lagoas-Marcosende, no lugar de Sobreira.

Un saúdo.


O noso enderezo é:

Avda. Clara Campoamor, s.n. - Valadares

36315 VIGO (Pontevedra)

 

 

Distribuir contido