COMO PREPARAR E AFRONTAR OS EXAMES DE SELECTIVIDADE

  COMO PREPARAR E AFRONTAR OS EXAMES DE SELECTIVIDADE  

INTRODUCIÓN 

Ao longo da súa historia académica, o estudante ha de enfrontarse a diversas probas de avaliación nas que se avalían os seus coñecementos e/ou habilidades para resolver unhas tarefas, e polas que se cualifica a súa aprendizaxe.  Os exames poden xerar diversas reaccións de estrés ou ansiedade antes, durante ou despois de realizar a proba. Estas respostas de ansiedade consisten en pensamentos negativos, sensacións de malestar físico e/ou incapacidade para actuar correctamente "chegando mesmo a quedar en branco", deixando o exame sen completar, a pesar de ter os coñecementos e/ou habilidades necesarias.Aprender a controlar as manifestacións de ansiedade require a aprendizaxedunha serie de técnicas para afrontar de forma axeitada as situacións temidas. Entre elas, destacamos as habilidades de autocontrol fisiolóxico, como a respiración profunda e/ou a relaxación, e as técnicas para controlar os pensamentos xeradores de ansiedade como a parada de pensamento ou a substitución por outros máis axeitados.Para afrontar axeitadamente un exame, ademais de controlar as respostas de ansiedade, é necesario realizar unha correcta planificación, especialmente se se debe iniciar o estudo con moita antelación, e seguir unha serie de pautas para chegar ao exame en plenas condicións físicas e mentais. A Selectividade é unha proba á que se han de enfrontar a maior parte de estudantes que desexan acceder á Universidade. Para poder superala con éxito é importante dominar os contidos do exame pero, ademais, é importante considerar os factores mencionados anteriormente xa que é frecuente que os estudantes afronten esta proba con máis ansiedade da aconsellable, debido ás circunstancias que o rodean. Así, moitos mozos acoden ao exame pensando que se "xogan o seu futuro", especialmente se desexan conseguir unha nota determinada para acceder aos estudos desexados. É frecuente formularse a Selectividade como unha cuestión de todo ou nada, como a proba que decidirá o seu futuro ou que pode malograr todo o historial académico obtido ata a data.Así mesmo, debido ao contido do exame, é necesario iniciar a preparacióncon tempo abondo, programando os repasos correspondentes, sen presas de última hora.A continuación dámosche unha serie de consellos e suxestións para axudarche a afrontar con éxito o teu exame de Selectividade. Sabemos que é unha proba que pode provocar reaccións de ansiedade ou estrés se non se afronta axeitadamente. Por iso, imos detallar os aspectos máis importantes que non debes esquecer, entre eles:. Saber organizar e planificar o estudo. Repasar as principais técnicas de estudo que resultan útiles para preparar os exames (lectura, subliñado, esquemas, resumos, ...).. Controlar os pensamentos negativos antes dos exames 

A PLANIFICACIÓN DO ESTUDO 

Unha característica dos tempos actuais é a falta de tempo para realizar as actividades cotiás. Parece que facemos unha cousa tras outra sen interrupción. Por iso, xestionarmos o tempo é clave para aprender algo sistematicamente. Non obstante, adoptar novos hábitos de xestión do tempo non é doado. Recorda que só se poden cambiar os hábitos inadecuados substituíndoos por outros máis adaptados, e para iso cómpre práctica e tempo.Que vantaxes ten planificar o estudo de forma axeitada?. Aforra tempo e enerxía. Crea un hábito de estudo, o que facilitará que te concentres para  estudares con máis facilidade.. Racionaliza o tempo que dedicas a estudar e o que dedicas ao esparexemento persoal. Permíteche controlar o rendemento, para ir modificando o esforzo de cara ás necesidades do momento.. Evítanse as chapadas dos últimos días.Así pois, como podemos planificar a selectividade?  Seguindo os pasos que se detallan a continuación: 

1. ESTUDAR CON MÉTODO, ORGANIZANDO E ESTRUTURANDO CLARAMENTE A INFORMACIÓN 

En xeral, para prepararse axeitadamente para Selectividade hai queplanificar o estudo do seguinte xeito:

PREPARACIÓN REMOTA: Comeza dende que se elabora o plan de estudo a longo prazo, no que se han de incluír os  obxectivos que hai que alcanzar durante todo o curso escolar. Isto supón realizar un traballo regular ao longo do ano, xunto cun período de repaso da materia que se inicia no momento no que se rematan as clases.

PREPARACIÓN PRÓXIMA: Realizarase dende que se rematan as clases ata o día anterior ao comezo das probas. A maior parte do traballo céntrase en repasar os contidos estudados durante o curso para axudar a manter a información na memoria. É moi útil recorrer ás notas, esquemas e resumos realizados previamente, consultando tamén calquera manual de referencia ante posibles dúbidas.  Para repasar seguiremos estes pasos: 

1. Recordar toda a información sobre un tema, reproducindo o esquema de   forma oral ou escrita.

2. Efectuar unha repetición mental do tema mirando o esquema.

3. Consultar nos apuntamentos ou no libro de texto as posibles dúbidas ou   lagoas para completar as notas e o esquema.

4. Volver realizar a repetición mental de todo o tema, do recordado e o   esquecido. Para evitar interferencias entre a información estudada, as sesións derepaso programaranse empezando polos temas máis difíciles, continúase cos máis doados e remátase repasando os de dificultade intermedia.

Unha vez que se repasou toda a materia, dedicaranse un ou dous días antes do exame para o último repaso xeral Neste caso seguirase a mesma orde anterior, evitando estudar varias materias na mesma sesión. (Deixa o día anterior á proba para descansar).Para repasar tamén é útil realizar unha síntese de todo o estudado, co fin de lograr unha visión de conxunto de toda a materia, ou intentar adiviñar as preguntas do exame e respondelas. Un estudante eficaz dedica grande parte do seu tempo a elaborar exames privados para autoexaminarse. Un cuestionario é unha excelente forma de repasar: así non se perde o tempo, senón que serve para valorar o grao de coñecemento dun tema.Lembra que cando existe similitude entre a proba de avaliación e astarefas de estudo, recordar o aprendido resulta moito máis doado. Por este motivo, é importante estudar de forma comprensiva e adestrarse no tipo de probas coas que nos examinarán. Cando o exame consista nunha proba escrita de redacción, o mellor ensaio é aprender a resumir por escrito de forma ordenada a información do tema. 

O DÍA ANTERIOR AO EXAME:

Aínda que é difícil dar pautas concretas, xa que cada alumno/a é diferente, pódense ofrecer os seguintes consellos a modo orientativo:

 · No aprendas cousas novas; é necesario que o proceso de estudo concluíse polo menos 24 horas antes do exame.

· Dedica tempo a descansar ou facer algunha actividade que che guste (pasear, practicar algún deporte, escoitar música, ...) ou intenta pasar o día o máis relaxado posible

· Evita todo tipo de emocións fortes ou violentas (por exemplo, algunha discusión), xa que tenden a facer esquecer o xa aprendido cunha maior facilidade.

· Prepara todo o necesario para o exame (calculadora, lapis, DNI,...) para que a última hora non teñas que preocuparte por estes detalles.

 ·  Respecta o horario habitual de sono.

·   Evita o nerviosismo e a tensión que provoca o insomnio. Ademais desta planificación, é recomendable que sigas estes consellos(Universidade Miguel Hernández, 2000): 

·   Iniciar a preparación de Selectividade dende o primeiro día do curso coa asistencia á clase e a toma de apuntamentos. Leva ao día as materias utilizando as técnicas de estudo que coñeces.

·   Presta especial atención ao repaso. Estuda con anterioridade ao exame e repasa para preparalo. O repaso ao día seguinte de estudar é moi eficaz.

·  Organiza un plan de repaso de acordo co número de materias e de exames,  a cantidade de materia que has de repasar e o estado actual do teu coñecemento destas materias.

·  Cando estás a preparar o exame notarás que te atopas tenso. Esta ansiedade  ten  a  súa   orixe no medo ao fracaso.

·  Se non preparaches ben o exame pode estar xustificada e para superala terás que dedicarlle máis tempo ao estudo.

·  Se o estás a preparar ben, este medo é un estímulo que contribúe a incrementar a túa motivación e preocupación polo tema.  De todos os xeitos, posteriormente ofrecémosche unha serie de técnicas que  che axudarán a controlar esta ansiedade.

· Repasa todo o material que teñas acumulado sobre o tema. Ao reunir todos eses elementos obterás unha visión de conxunto  que aumentará o teu nivel de comprensión.  

·   Gañarás en claridade de ideas se estudas varios capítulos relacionados pola temática que tratan. Ademais así no exame a mente xamais quedará en branco xa que algunhas ideas e temas relacionados suxeriranche vías de resposta ás preguntas formuladas. A continuación ensinámosche unhas técnicas para axudarche a controlar esta ansiedade "normal" ante os exames. Recorda que éxito destas técnicas depende do grao de práctica que alcances con cada unha delas. Só por saberes como te tes que relaxar non vas poder facelo cando te atopes moi nervioso. Pero se practicaches anteriormente e dominas a técnica, será unha estratexia moi útil para controlares a tensión. 

2. DOMINAR OS PENSAMENTOS NEGATIVOS ANTES E DURANTE O EXAME 

Para realizar calquera exame, é importante estar motivado e con desexos de facelo ben, e sentir unha razoable activación, sen que supoña perder o control dun mesmo. Por iso, cando un estudou e aspira a realizar un bo exame é normal sentirse un pouco tenso (os que nunca teñen nervios son os que non estudan). Sentirse preocupado, sen que esa preocupación nos faga perder o control, é bo e pode optimizar o rendemento. Pero, como manterse no nivel axeitado de activación sen chegarmos a extremos que nos fagan perder o control? Controlando os pensamentos negativos sobre a nosa capacidade e o resultado do exame, e practicar técnicas de autocontrol fisiolóxico (Fernández, 1994).

Para controlar os pensamentos negativos, é preciso practicar diversasestratexias. A máis importante de todas elas é cambiar o foco de atención; e así, en lugar de pensar só no aprobado, é mellor concentrarse na tarefa que se está a realizar. Esta estratexia baséase no feito de que os estudantes que teñen medo aos exames concéntranse só na nota que necesitan ou que cren que merecen e a idea de non chegaren a esa puntuación ponos moi tensos. Nestes momentos de ansiedade, adoitan aparecer pensamentos negativos do tipo "seguro que me preguntan o que levo menos preparado, poreime nervioso e non saberei como formular o problema; teño que facelo moi ben para conseguir entrar na carreira que me gusta; se non o fago ben malgastaría moito tempo para nada; se non o consigo será un desastre".  

Esta preocupación innecesaria e obsesiva polo resultado, é un pensamento que só conduce a xerar máis medo e ansiedade. Á súa vez, ao notarse alterado, aumentan a tensión e os pensamentos negativos, co que se produce un círculo pechado polo que o estudante se atopa cada vez máis nervioso.Que se pode facer nesta situación? Neste caso, o mellor modo de optimizarmos  o rendemento é despreocuparnos polo resultado do exame e centrarnos na tarefa que estamos a realizar, xa sexa repasar, facer un esquema ou dar un paseo. Para controlarmos os pensamentos negativos é necesario aprender a pensar en algo alternativo, por exemplo, respecto ao traballo que xa se ten realizado ou concentrándose nalgún pensamento que nos resulte moi agradable (un momento feliz xa vivido, a próxima viaxe, alternativas para o verán, ...).

O importante é substituírmos o pensamento que nos provoca ese malestar por outro alternativo que non xere tensión.Así pois, a principal estratexia para manexar a ansiedade ante os exames é despreocuparse do resultado (estudando o suficiente para que sexa positivo) e repetirse a un mesmo frases do tipo "O resultado non depende de min e o que tiña que facer xa o fixen e iso non se pode cambiar". 

3. APRENDER A RELAXARSE 

A relaxación e a respiración profunda son dúas estratexias de autocontrolmoi útiles para manterse tranquilo ante unha situación estresante. Para que sexan efectivas, é necesario practicalas con anterioridade. A continuación, explicámosche como se pode aprender a respirar profundamente, para que practiques na casa todos os días, co fin de dominar a técnica de cara ao exame de Selectividade.Para aprender a relaxarse hai que buscar un ambiente tranquilo, silencioso, evitando molestias de calor, frío, interrupcións, etc.Colócate nunha posición cómoda, a ser posible tombado  ousentado nunha cadeira de brazos, coas costas totalmente apoiadas norespaldo. A continuación sigue esta secuencia:

1. Coloca unha man sobre o abdome e outra sobre o tórax.

2. Toma aire, lenta e profundamente, polo nariz e faino chegar ata o    abdome, de modo que se mova a man que colocaches sobre el. O tórax moverase só un pouco e á vez que o abdome.

3. Mantén o aire durante cinco segundos e a continuación expúlsao    pola boca facendo un ruído suave e relaxante, coma se soprases un   pouco.

4. Realiza varias respiracións longas, lentas e profundas que eleven e  descendan o abdome. Concéntrate na sensación de tranquilidade que che proporciona a respiración a medida que te vas relaxando cada vez máis. Continúa durante 5 ou 10 minutos.Practica isto dúas ou tres veces ao día. Cando domines a técnica da respiración profunda, podes realizala en situacións cotiás ao te atopares  tenso. 

4. O DÍA DO EXAME RECORDA..

a. Estar descansadoTrátase de que o noso estado físico sexa o dun día normal, evitandoatoparse canso e tenso. Para iso é importante durmir ben, non tomar excitantes, e evitar todo tipo de preocupacións (por exemplo, problemas cos pais ou discusións coas parellas). 

b. Non repasar a fondo o mesmo día A tensión que xera o repaso pódenos poñer máis nerviosos e/ou fatigarnos. Ademais, esta sesión non serve de moito, xa que se a materia está aprendida é un esforzo innecesario, e se se descoñece algún punto, non se vai lograr aprender nada novo. Ademais, se os temas están incorrecta ou insuficientemente comprendidos, acumúlase información de forma desorganizada, o que xera máis confusión e interfire cos coñecementos anteriores. 

c. Controlar a tensión emocional que xera pensar no exameÉ moi importante tratar de eliminar os pensamentos negativos sobre o resultado da proba e concentrarse en que o importante é o esforzorealizado para preparar o exame. 

d. Non falar do exame antes de empezaloHase de evitar o costume de reunirse cos compañeiros para resolverdúbidas de última hora, discutir posibles preguntas ou o grao dedificultade da proba. Este tipo de comentarios contribúen a poñernos máis nerviosos. Ver un compañeiro ansioso pode provocar a mesma resposta en nós. Por isto, é máis útil reunirse cos compañeiros máis tranquilos e non comentar nada sobre o exame. Se isto non é posible, é mellor permaneceres só ata que comece a proba. Chega cedo ao lugar do exame, para evitar nervios de última hora. Trata de ir ao exame calmado e alerta. 

e. Entender correctamente as instrucións antes do exame.É moi útil coñecer o sistema de puntuación da proba e o valor positivo de cada resposta, así como saber se as incorrectas nos restan puntos. Tamén hai que chegar ao exame sabendo que material podemos usar, que orde seguir ou como estruturar as respostas para optimizar o resultado da proba. Planea como distribuír o tempo durante o exame e deixa algúns minutos para repasalo. Ten claro o tempo que tes para o exame, teno presente sempre. 

f. Que facer se che queda a mente en branco?Se durante o exame quedas en branco non te preocupes e recorda que a única forma de superar este bloqueo ocasionado polos nervios é diminuíndo o nivel de ansiedade a través da relaxación. Pecha os ollos e inicia unha serie de respiracións profundas e lentas que che axuden a relaxarte. Concéntrate nalgunha imaxe agradable, imaxinando que te atopas nun sitio que che resulte moi pracenteiro. Cando esteas máis tranquilo procura recordar, pero manténdote relaxado.  

5. COMO REALIZAR O EXAME? 

Os exames que podemos atopar agrúpanse en: proba obxectiva (ou tipo test),proba de   desenvolvemento  (ou tipo tema) e   exame de    problemas. Estes tipos de probas teñen cadansúas peculiaridades que hai que coñecer para podermos realizalas correctamente. En todo caso, como suxestións xerais para todos os tipos de exames, podemos destacar:. Asegúrate de entender perfectamente as instrucións do exame antes de empezares a resolver calquera problema ou contestares calquera cuestión.. Fai unha primeira lectura xeral de todas as preguntas.. Comeza contestando aquelas que sabes sen estenderte demasiado, coa información que claramente se che pide. Despois se queda tempo, xa as  completarás. Despois pasa ás preguntas que cres que non sabes (ou dominas menos).

Le cada pregunta lenta e coidadosamente antes de marcares ou escribires nada. Se te atopas confuso ou confundido, tamén a podes volver ler por se omitiches algún detalle importante.. Ten coidado de non dar a impresión de estar a copiar. Fai o teu propio traballo e evita fixarte ou  axudar aos demais.. Non te preocupes se hai persoas que rematan antes ca ti. Toma o tempo  necesario   para facelo  de forma axeitada.. Non trates de ser o primeiro en rematar. Se che sobra tempo, repasa as preguntas para evitar posibles descoidos. A continuación detallámosche unhas orientacións para realizar axeitadamente cada tipo de exame (Fernández, 1994): 

5.1 O EXAME TIPO TEST

Existe a tendencia errónea de pensar que ante unha proba tipo test non se ha de memorizar o tema, senón que é necesario "comprender". Non obstante, a memorización, tras unha completa compresión do contido de estudo, é un requisito básico para obter un bo resultado nos exames. Ademais, en frecuente que nestas probas se pregunten datos moi concretos, que só se poden recordar se se memorizaron.Para contestar unha proba obxectiva, recoméndase: 

1. Empeza lendo de forma ordenada e sen présa todas as preguntas do exame e contesta aquelas nas que non dubidas da resposta.

2. Marca cun sinal as preguntas sobre as que teñas unha dúbidarazoable, para volver sobre elas nunha segunda volta. Antes de dedicares tempo a pensar sobre estas dúbidas, é mellor completar todas aquelas preguntas que saibas.

3. Cando remates a primeira pasada, dá unha segunda volta para responder aquelas máis alcanzables entre as que deixaches sen contestar e por último dedica o tempo sobrante ás cuestións que se che resistan.

4. Conta o número de preguntas dubidosas e distribúe o tempo que queda de  exame entre estas cuestións, para razoar cada unha delas.

5. Deixa uns minutos para revisares o exame. Cando o repases, cambia aresposta dada se comprobas  que te equivocaches, e  anúlaa se estás convencido do erro cometido.

6. Repasa todas as respostas. Como consellos recorda que:. Procede por eliminación de alternativas.. Presta especial atención ás palabras claves: sempre, ás veces, ningún, todos, igual, poucos,.... Repara se se penalizan os erros. Se así for,  non contestes as preguntas de non estares completamente seguro da  resposta.. Fíxate en cantas respostas son válidas en cada pregunta (é dicir, se  pode haber máis dunha alternativa correcta por pregunta). 

5.2 O EXAME TIPO TEMA (DESENVOLVEMENTO) 

Antes de empezar a contestar esta proba, é necesario ler comprensivamente todas as preguntas, anticipando que habería que contestar en cada unha delas. Despois empezaremos pola pregunta que mellor saibamos, co fin de relaxármonos un pouco ao ver que as cousas van saíndo ben. Realiza un pequeno esquema do contido da pregunta, seguindo o esquema querealizaches para estudalo, para organizar a información. Así evitarás que se che esquezan as ideas e saberás en cada momento o que che queda por completar no tempo dispoñible.Tamén é recomendable:. Presentar ao principio os aspectos máis relevantes do tema.. Desenvolver en cada parágrafo unha única idea ou concepto..

No último parágrafo, retomar de novo os aspectos máis importantes a xeito de conclusión.. Distribuír o tempo do que se dispón entre as preguntas. De nada serve esgotarmos  todo o  tempo  deixando  unha soa pregunta perfecta se  non contestamos ningunha máis.. Reservar uns minutos para repasar o exame, léndoo sen présa e prestando especial atención á ortografía. Le as preguntas poñendo moita atención no que se che di. Fíxate naspalabras claves que explican o que has de facer: comparar, contrastar, clasificar, definir, esquematizar, xustificar, relacionar, ... 

Comeza a responder, se podes, pola pregunta que mellor coñezas. Se ves que dispós de pouco tempo para responder unha pregunta, non a deixes en branco, elabora un esquema, bosquexo ou resumo para indicares ao profesor que coñeces a resposta. Evita os dous erros típicos deste tipo de exame: contestar telegraficamente ou desenvolver un punto en exceso en detrimento dos demais. Deixa espazo en branco entre preguntas e entre os parágrafos máis importantes, así poderás volver sobre eles e anotar o que esqueciches. A presentación do exame ha de ser aceptable e o texto ha de estar escrito con letra lexible. Antes de entregares o exame, dedica uns minutos a repasar. 

5.3 O EXAME DE PROBLEMAS 

Para resolver un problema, podes seguir estes pasos:

1. Comprender o enunciado: Le polo menos dúas veces o enunciado do problema e despois esquematiza os datos e as incógnitas. Se é posible, representa os datos nun gráfico para facilitar a comprensión. Examina a relación entre os datos achegados e as incógnitas.

2.  Busca unha estratexia para resolver o problema.

3. Aplica paso a paso a estratexia de resolución. Realiza coidadosamente os cálculos.

4. Verifica o resultado. Se non é correcto, revisa como poden relacionarse os datos e as incógnitas, para aplicar outra  forma de resolución. É moi importante ler todos os problemas antes de empezar a resolvelos para distribuír o tempo entre eles segundo a súa dificultade. Empeza polo que mellor coñezas. Se quedas bloqueado nalgún problema, é preferible que pases a outro. 

6. DESPOIS DO EXAME 

Distinguimos dous momentos:

1. Unha vez entregado o exame: É conveniente gozar dun mínimo descanso e relaxación antes da seguinte proba. Sae ao exterior, pasea e, sobre todo, nada de comentar con outros compañeiros as respostas. Trata de manterte tranquilo ata o próximo exame. 

2. Unha vez rematada a Selectividade: É interesante que revises os teus apuntamentos para comprobar como realizaches o exame. É conveniente reflexionar sobre como planificaches o estudo, se controlaches a ansiedade, etc. de cara a futuras probas. En caso de que o resultado for insuficiente, non se debe considerar o esforzo como un fracaso, senón como unha chamada de atención ante as posibles causas (falta de planificación, técnicas de estudo ineficaces, ansiedade) e tratar de corrixilas en exames posteriores. 

¡ MOITA SORTE! 

 BIBLIOGRAFÍA:. Fernández, C. (1994). Aprender a estudar. Como resolver as  dificultades no estudo. Madrid: Pirámide.. Universidade Miguel Hernández de Elche (2000). Como estudar con   eficacia. Servizo Técnico Docente