Skip to main content

Concurso Programame

Concurso Programame: Participantes e profesoras

Este xoves 28 de abril de 2022 terá lugar o concurso nacional ProgramaMe para alumnos matriculados en Ciclos Formativos de Formación Profesional organizado desde a Facultade de Informática da UCM.

Nesta edición haberá 135 equipos de 49 centros de formación profesional de toda España. Cada equipo está composto de 3 membros e ao longo de 3 horas deberán resolver arredor de 10 problemas. As solucións propostas polos equipos deberán estar escritas nas linguaxes de programación C, C++ ou Java e serán validadas por un xuíz automático. O equipo gañador deste campionato será aquel que sexa capaz de resolver o maior número de problemas.

Despois da preselección que se fixo o 7 de abril entre o noso alumnado dos ciclos de programación, participaremos este próximo xoves 27 de abril con dous equipos.

Ademais desta participación directa no concurso, o noso alumnado participou moi activamente na organización do concurso. Un ex alumno de ASIR, e actualmente alumno do curso de especialización de Intelixencia Artificial, realizou o vídeo promocional do concurso que se pode ver en Youtube:

E aí non queda a colaboración do noso alumnado. Dous alumnos do ciclo de DAM elaboraron, como proxecto final de ciclo, a web para os benefactores do concurso. Habitualmente este concurso conta con patrocinadores que colaboran facendo aportacións económicas por cada problema resolto que resolva o alumnado que patrocinan. Pero este ano ProgramaMe, ante a situación que está a vivir actualmente Ucrania, está orientado a recoller fondos para os refuxiados ucranianos co lema “un problema resolto, unha doazón”. Así, este ano o concurso contará con benefactores que farán a súa aportación directamente a Acnur, a axencia da ONU para os refuxiados.

Desexámoslle aos nosos equipos que teñan moita sorte no concurso e sobre todo que desfruten da experiencia.