Séguenos nas redes sociais: Facebook Teis

Eleccións dos representantes de nais, pais e titores/as legais ao consello escolar

CONVOCATORIA

De acordo coa RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2018, conxunta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG do 08/10), a Xunta Electoral deste Centro, en virtude das atribucións que lle son conferidas pola lexislación vixente, dispón a convocatoria de eleccións ao Consello Escolar, SECTOR DE PAIS E NAIS DO ALUMNADO, segundo as seguintes normas:

  1. De acordo co disposto no artigo 40 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 09/08/1996), redactado conforme ao establecido na disposición adicional terceira.1 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26), corresponde elixir no presente proceso electoral a UN pai/nai, dun total de 3 que debe ter o Consello Escolar. Outro representante de pais/nais continúa como consecuencia da súa elección anterior no ano 2016 e o terceiro é por proposta da ANPA.
  2. Son electores todos os pais e nais ou, se é o caso, os titores/as legais do alumnado matriculado no Centro e incluídos no Censo correspondente que a partir da presente data está exposto no taboleiro de anuncios. As reclamacións ao referido Censo realizaranse mediante escrito razoado dirixido á Xunta Electoral, ata as 14:00 horas do día 16 de novembro.
  3. Son elixibles os pais e nais ou, se é o caso, os titores/as legais, que formulen a súa candidatura oficial segundo o modelo que se facilitará na Secretaría do Instituto. As candidaturas poderán ser presentadas dende o día de hoxe ata as 14:00 horas do día 16 de novembro, na secretaría do centro, cumprimentando o impreso a tal efecto dispoñible na conserxería.
  4. O sorteo dos membros da mesa electoral realizarase en acto público, entre os pais/nais que non se presenten como candidatos/as, o 19 de novembro, ás 11:30 horas. Dita mesa electoral estará composta polo Director do Centro, que actuará como Presidente, e catro pais/nais ou titores/as legais, actuando de secretario/a o de menor idade.
  5. A campaña electoral comprenderá dende o 19 ao 23 de novembro, ambos días inclusive. As dependencias e servizos do Centro estarán a disposición dos candidatos/as, previa petición ao presidente/a da Xunta Electoral, sempre que o seu uso non altere o normal funcionamento educativo do IES. A véspera das votacións, non se poderá facer campaña electoral.
  6. Poderán actuar como supervisores da votación os pais/nais ou titores/as legais do alumnado matriculado no Centro que estean avalados cando menos pola firma de 10 electores/as.
  7. As votacións realizaranse neste IES o día luns 26 de novembro, de 18:00 a 20:00 horas. A mesa electoral será constituída o mesmo día, en acto público, ás 17:45 horas.
  8. Na papeleta de votación cada elector/a fará constar UN nome dos candidatos presentados, debendo acreditar a súa personalidade a hora de votar, mediante exhibición do D.N.I. ou documento similar. O voto será directo, secreto e non delegado e non se admitirá o voto por correo.
  9. Teñen dereito ao voto o pai e a nai ou, se é o caso, o titor/a legal do alumnado.
  10. Finalizada a votación procederase ao escrutinio dos votos, que será público, e unha vez realizado, levantarase acta para ao seu envío a Xunta Electoral do Centro.
  11. A Xunta Electoral do Centro resolverá as dúbidas e reclamacións que se poidan formular.

Vigo, 8 de novembro de 2018

O PRESIDENTE DA XUNTA ELECTORAL,

Luis Vilán Crespo