Skip to main content

8M: Día da muller

<br />
    Día da Muller 2023

O alumnado e o profesorado do IES de Teis reunímonos un ano máis para recordar que a igualdade real e efectiva está no noso ideario, recordar os retos que temos pendentes, coller forza para afrontalos colectivamente e, sobre todo, para celebrar eses pequenos pasos que, dende hai máis de 150 anos, imos dando, paso a paso e sempre cara diante, para construir un mundo máis libre e igualitario.

Nun marzo coma este, pero a mediados do século XIX, milleiros de traballadoras das fábricas textiles de Estados Unidos manifestáronse en protesta pola desigualdade salarial e laboral respecto dos seus compañeiros. As protestas desencadenaron unha brutal represión da policía que, lonxe de amedrentar ás mulleres, deu un pulo importante ao incipente movemento feminista: as mulleres do mundo foron uníndose e organizándose ata proclamar, xa a principios do XX, a celebración dun día adicado a reivindicar a loita pola igualdade e a celebrar os seus logros. Dende entón ata hoxe, a igualdade entre mulleres e homes avanzou moito, cando menos no contexto occidental no que nos movemos. Algúns dos logros do movemento feminista ao longo destes máis de 150 anos son:

  • O dereito ao voto
  • O acceso igualitario á educación e á universidade
  • O dereito a cobrar o mesmo que os homes (polo menos sobre o papel)
  • A participación política e representación feminina nas institucións
  • A liberación sexual e reproductiva e o control da natalidade
  • O dereito a vestirnos como nos guste,
  • O dereito de estar con quen queiramos e cando queiramos,
  • e moitos máis dos que temos que estar moi orgullosas.

O OITO M é o día de mirar atrás e pensar todo o que avanzamos. É o día de manifestarnos e sentirnos máis orgullosas que nunca por estes logros. As mulleres tivemos que gritar e loitar polos nosos dereitos, fixémolo e seguirémolo a facer, porque somos poderosas, grandes loitadoras e guerreiras, e temos a valentía e a fortaleza para seguir camiñando cara unha igualdade real.

Porén, aínda queda moito por avanzar.

Para empezar, hai paises nos que as mulleres seguen sen ter dereitos básicos, como puxo en evidencia en setembro a morte de Mahsa Amini e o movemento en defensa das mulleres iraníes que está a seguir a este feito. Pero tamén, no noso contexto, persisten diferencias salariais e laborais entre homes e mulleres. A representación feminina segue a ser moi pequena en postos de responsabilidade, nos corpos de seguridade, no mundo tecnolóxico e empresarial... As mulleres deportistas, como moitas artistas e determinadas ramas do mundo do espectáculo, non teñen a mesma consideración nin posibilidades que os seus equivalentes masculinos. Seguimos a ter medo de camiñar soas por determinados espazos a determinadas horas, a sufrir violencia de xénero ou discriminación pola raza ou condición sexual... Moitas mulleres soportan xuízos pola súa forma de vestir ou por comportamentos que se xulgan inadecuados só por ser muller.

Non queremos esquecer tampouco os micromachismos, eses pequenos xestos sexistas, algúns deles moi sutís, que axudan a perpetuar roles de xénero, machismo, violencia suavizada contra as mulleres, hipersexualización... Chámanlles micromachismos pero en realidade son actitudes totalmente machistas moi difíciles de erradicar porque están moi arraigados na vida cotiá. Queremos un mundo no que tanto mulleres coma homes poidan estudar o que lles guste sen ser mal vistos e ambos teñan que estudar e prepararse igual, xa que están a estudar o mesmo. No que tanto mulleres coma homes sexan tratados igual, e por tanto as mulleres teñamos os mesmos soldos, as mesmas posibilidades os mesmos retos nos estudos, no acceso a calquera profesión e no traballo. Queremos un mundo no que estea igual de valorado que os homes e as mulleres se dediquen á maquillaxe ou a ser bombeiras, ao salón de peiteado ou á enxeñería industrial, á enfermería ou a policía, á estética ou á investigación...

Queremos igualdade de poder e de responsabilidade nas relacións de parella, na amizade e na familia. Queremos non precisar de medias laranxas ou príncipes azuis, senon relacionarnos dende a alegría de sermos libres e autónomos. Nese mundo ideal todos os corpos serian aceptados, pois non estarían determinados por ideales e estereotipos de xénero. Tampouco veríamos limitada a nosa personalidade por ter que encaixar nun concepto ríxido do “feminino” ou do “masculino”. Todas as persoas poderíamos ser enérxicas ou delicadas, decididas ou prudentes, fortes ou vulnerables... En definitiva, a igualdade faríanos a todas máis libres e posiblemente máis felices.

Este ano, a ONU decidiu dedicar esta efeméride á igualdade no mundo dixital, baixo o lema "Por un mundo dixital inclusivo. Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero". Custa crer que mesmo nun ámbito tan innovador como o das novas tecnoloxías exista unha fenda dixital, pero a realidade é que as mulleres apenas chegan a ser un cuarto dos traballadores do sector. No sector académico a fenda aínda é máis pronunciada, xa que só o 12 % dos estudantes do ámbito dixital ou tecnolóxico son mulleres.

Incorporar a perspectiva de xénero nas novas tecnoloxías, loitar contra a violencia de xénero nas redes e utilizar as tecnoloxías como ferramenta para a igualdade son algúns dos obxectivos que deberíamos incorporar no noso camiño cara a igualdade.

Todos estes retos non nos asustan, porque as mulleres xa demostramos moitas veces que somos capaces de saír adiante en situacións difíciles, de facernos respectar, de querernos e valorarnos por máis que non nos deixen facelo. Unha muller é unha persoa que está aí en todo momento; é a túa nai, a túa tía, a túa amiga… a nai que dá vida, a esposa que traballa, a amiga que sostén, as amas de casa, as profesionais de calquera sector… un piar fundamental na sociedade en todas as súas facetas.

Ser muller é tamén reinvidicar todos os días os nosos dereitos e a nosa liberdade de expresión e de decidir sobre nós mesmas.

É hoxe é o día de manifestarnos e sentirnos máis orgullosas que nunca. Temos que seguir avanzando, é todo un proceso, pero un día coma hoxe dános, un ano máis, a ocasión de recordar os nosos retos pero, sobre todo, de celebrar que cada vez estamos máis cerca dese futuro máis igualitario, máis libre e luminoso. Temos claro que esta non é unha tarefa que se acade cun día ao ano, e por iso queremos que o 8M serva como inspiración para traballar pola igualdade os 365 días do ano.

 

Galería de imaxes do evento

Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023 Día da Muller 2023

Esta páxina usa Lightbox2 por Lokesh Dhakar dispoñible en https://lokeshdhakar.com/projects/lightbox2/ baixo The MIT License