Skip to Content

Charla co escenógrafo Diego Valeiras

O xoves 12 de marzo, o alumnado de 4º de ESO e Debuxo Artístico de 1º e 2º de Bacharelato mantivo un encontro co escenógrafo Diego Valeiras. 

Moitos coñecemos a importancia da figura do director de fotografía, do produtor ou do guionista nunha produción audiovisual. Sabemos do indispensable que é un bo deseño de vestiario, unha banda sonora ou do traballo actoral pero, que fai un escenógrafo?

Escápasenos que son eles quen crean os decorados e os ambientes onde transcorren as accións en obras teatrais, no cine e na televisión, para facer máis cribles as historias.

O labor do equipo de escenografía é fundamental e un piar indispensable de todo proxecto creativo e desta forma o noso convidado quixo facerllo ver ao alumnado explicándolle todas as fases do proceso.

Diego Valeiras participou en proxectos de todo tipo, algúns teatrais e outros que adquiriron máis repercusión como as series para a TVG “O sabor das margaridas” ou “Viradeira”.

No proceso da elaboración de calquera proxecto e antes da fase construtiva debemos adicarlle moito tempo á investigación. Inspirarse, buscar información, imaxes en calquera dos medios dispoñibles e non só en internet é un proceso longo e tedioso pero tamén apaixonante. Visitar museos, documentarse en libros e publicacións varias é fundamental para enriquecernos e consecuentemente tamén os nosos traballos.

Recordounos que se necesitan coñecementos técnicos para presentar e levar a cabo un proxecto: debuxo técnico, artístico, programas de deseño, etc.

Ensinounos diferentes traballos: escenografías e decorados para series de televisión comoO sabor das margaridas’ e Viradeira, deseños de vestiario ou dun auditorio...

Explicounos como facer que un decorado simule un espazo real (un bar, a sala dun psiquiátrico, unha comisaría...) e que, en ocasións, as paredes se quitan e poñen, para permitir a colocación da cámara sen limitacions espaciais.

E, por suposto, desfrutamos con algunhas curiosidades. Na cabeceira da serie "Viradeira" utilizaron unha maqueta real dun barco que romperon e afundiron nunha piscina para facer a cabeceira da serie e a moeda que se ve fixérona dun tamaño 20 veces maior cá orixinal para facer os primeiros planos. Podedes velo na seguinte ligazón: https://vimeo.com/247205927

Como podedes imaxinar, unha charla interesantísima e que gustou moito.



blog | by Dr. Radut