Skip to Content

Contarmos o mundo dende Nós

A clausura da Semana das Letras do noso centro veu da man de María Obelleiro, directora de Nós Diario, único xornal diario de alcance galego publicado no noso idioma. A nosa convidada, natural de Arcade,  é licenciada en Xornalismo pola USC e conta co Grao en Educación Primaria e o Mestrado Universitario de Protcolo pola Universitat de Barcelona. Especialista en Igualdade, dirixiu o semanario Sermos Galiza e colaborou en diferentes medios como a Radio Galega ou Tribuna Catalana. Foi Premio Johan Carballeira de Xornalismo en 2017.  

Na súa charla co alumnado de 1º BACH, Obelleiro destacou a importancia de contarmos con medios de comunicación en lingua galega e a necesidade de transmitir o que está a acontecer aquí e mais no mundo cunha ollada propia. Non obstante, a realidade actual dos medios no noso país evidencian que non existe unha política real e efectiva de apoio aos medios en galego; moi ao contrario, os datos indican que quedan á marxe das convocatorias da Xunta.

Así mesmo, María Obelleiro foi repasando para o alumnado os contidos e seccións do xornal e destacou o importante espazo que lle dedica o medio que dirixe á información cultural, deportiva e de lecer, sobre todo no suplemento Sermos Galiza da fin de semana, que acolle contidos relacionados coa arquitectura, belas artes, gastronomía, cinema, teatro, rotas naturais, etc. Non pasou por alto a importancia da versión dixital hoxe en día e achegou o alumnado ao día a día do traballo na redacción, o que de seguro activou aínda máis o interese daqueles estudantes que todos os anos se deciden polo xornalismo ao remataren o Bacharelato.  



blog | by Dr. Radut