Skip to Content

ESO: Orientación Académica para alumnado e familias

 

O Departamento de Orientación programa sesións de Información Académica, para axudar o alumnado e as familias con dúbidas sobre as eleccións que deberán facer próximamente, de cara ao curso 2021/22.

As sesións coas familias realizaránse de xeito virtual, cunha sesión por videoconferencia (webex) coa orientadora. As familias interesadas deberán inscribirse chamando ao centro, nas datas indicadas, indicando o interese en participar nas Sesións de Orientación-curso-alumno/a-correo electrónico.

Nota importante: Nese correo electrónico debes recibir unha ligazón coa invitación a participar o último día da inscrición. Confirma a asistencia e, no caso de non recibir dita ligazón, comunícate co centro o día anterior á sesión para solventar posibles erros.

DATAS e TEMAS das sesións co alumnado e familias:

4º de ESO

- Temas a tratar: criterios de titulación e opcións con/sen o título de ESO. Ciclos de FP, Ensinanzas de Réxime Especial, Graos Universitarios. Solicitude bolsa MEC e prazas nos Centros Residenciais. Premios extraordinarios da ESO.

- Alumnado e familias: sesións xa realizadas. Pódense consultar a na Aula Virtual (curso "Orientación") os documentos relacionados: presentación,  ligazóns a FP e Universidades, resumo sobre as materias de Bacharelato....

3º de ESO

- Temas a tratar: criterios de promoción e titulación na ESO. Itinerarios en 4º de ESO. Bacharelato (itinerarios) e acceso á Universidade (Graos). Ciclos de FP. Ensinanzas de Réxime Especial.

- Alumnado: sesións nas aulas na semana do 19 ao 22 de abril (20 de abril: 3ºC; 22 de abril: 3ºB; 23 de abril: 3ºA).

- Familias: xoves 22 ás 20h. Inscrición ata o martes 20.

2º de ESO

- Temas a tratar: características da ESO. Aspectos que se deben ter en conta na matrícula de 3º de ESO. Que poderei estudar despois de 4º de ESO?

- Alumnado: sesións nas aulas os días 12 de abril (2ºD); 13 de abril (2ºC); 15 de abril (2ºA) e 20 de abril (2ºB).

- Familias: xoves 22 ás 18,30h. Inscrición ata o martes 20.

Denuncian as paredes...

"Se che sorprende ler estas palabras na parede do instituto, 
por que non actúas cando as escoitas na túa aula?"

Os rapaces e as rapazas do clube de lectura "Narrando con imaxes" fixeron esta mañá unha intervención nun espazo común do instituto para convocarnos ao resto da comunidade educativa á reflexión que encabeza esta entrada, reflexión motivada pola lectura e a posta en común da obra Subnormal, de Miguel Porto e Fernando Llor.  

Máis finormación e imaxes no blogue da biblioteca.

Programas socioeducativos non formais 2020-2021

Tralo regreso das vacacións, deuse continuidade ás diferentes accións do Programa Ti Decides!, que se organiza dende a Concellaría de Xuventude e a OMIX de Soutomaior en colaboración co Departamento de Orientación do IES: "Ciberseguridade e cidadanía dixital" para 1º ESO coas monitoras de KidCode, e de "Sexualidade" e de "Prevención de Condutas de Risco" con Amaina en 2º ESO.
O alumnado de 4º ESO tamén completou a liña formativa "Sintoniza coa túa melodía profesional", que procura descubrir, a través dunha experiencia de xogo, as habilidades e todas as oportunidades que se poden atopar no actual mundo laboral.

Recollida de Diplomas da ESO

Cribado para a detección da COVID con mostra de saliva para a mocidade de 12 a 17 anos

Comunicamos que se está a levar a cabo un programa para a detección de SARS-CoV-2 con mostra de saliva en poboación asintomática de 12 a 17 anos coa colaboración das farmacias da provincia de Pontevedra (consulta a carta informativa do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra).

Trátase dunha campaña de detección de poboación asintomática, polo quen considere pode acudir a súa farmacia de referencia onde os informarán sobre o procedemento de toma de mostra e lles proporcionarán o tubo de recollida.

Concurso Verbas para Comunicar 2021

Un ano máis, con motivo do Día das Letras Galegas, a Concellaría de Xuventude convoca o concurso “Verbas para... comunicar", que relaciona a comunicación, a mocidade e a lingua galega a través da presentación de traballos en formato texto ou audiovisual en lingua galega no que se transmita unha idea, unha reflexión, unsentimento, opinión, etc., que queiramos comunicar e compartir con outras persoas.

Resumo das bases (completas aquí ou en PDF)

- A temática será libre.
- Todos os traballos deberán expresarse en lingua galegae valorarase a corrección lingüística.
- Cada persoa ou grupo poderá presentar un único traballo que deberá ser inédito.
- A organización desbotará e non entrarán en concurso aqueles traballos que conteñan mensaxes discriminatorias, sexistas, violentas, groseiras ou ofensivas.
- Os traballos premiados exporanse na web e remate o concurso aparecerán co nome e apelidos dos/as autores/as os traballos premidados. Tamén se lles dará repercusión a través das redes sociais empregadas pola Concellería: facebook, instagram, etc.

Categorías

- Categoría A: 1º, 2º, 3º ESO.
- Categoría B: 4º ESO, 1º e 2º BACH.

Modalidades

1) Redacción : dun texto en lingua galega que transmita unha idea, sentimento, etc., Só presentación individual. O tamaño do texto non poderá ser superior ás 12 liñas. O soporte será o papel ou cartolina e o seu tamaño non poderá superar un folio A4, pero si poderá ser inferior a este. O formato de presentación do papel
ou cartolina será libre.
2) Audiovisual : elaboración dun vídeo (curta) ou audio (tema musical ou outros) cunha duración máxima de 5 minutos. Pode presentarse de xeito individual ou grupo/clase. Pode ser gravado con móbil ou cámara. Obrigatorio que teña mensaxe en galego escrita ou verbal.

Presentación

Ata o 11 de maio ás 20h. Os traballos presentaranse EN LIÑA a través desta páxina web.

Subnormal

Parva, idiota, maricón, gordo, puta, marimacho, zombi, imbécil... subnormal! 

Subnormal, esta foi a lectura que este venres reuniu o alumnado que forma parte do clube "Narrando con imaxes". A obra, de Fernando Llor e Miguel Porto, baséase nas vivencias de Iñaki Zubizarreta, ex-xogador de baloncesto que cando tiña 11 anos sufriu acoso escolar, "ese monstro con cara de neno que estraga infancias, marca vidas e, nos casos máis extremos, chega a provocar que nenos de curta idade atenten contra si mesmos", tal e como afirma o protagonista no epílogo deste cómic.

Este libro xa esá dispoñible na nosa biblioteca para toda a comunidade educativa. Animámosvos a coñecer de primeira man as reflexións e a ollada dos rapaces e as rapazas do clube entrando no blogue da biblioteca

Obradoiros en 1º e 2º de ESO: Sexualidade, Ciberseguridade, Drogas e condutas aditivas

Iniciamos o 3º Trimestre retomando o ciclo de obradoiros inlcluídos no programa "Ti decides!",  que o Concello de Soutomaior oferta aos centros escolares do municipio.

En 2º de ESO tiveron lugar hoxe os Obradoiros de Sexualidade, que continuarán este venres coas actividades de Prevención de Drogas e Condutas Adictivas para aqueles grupos que aínda non as tiveran (2ºC-D).

 Ciberseguridade en 1ºESO-D.

En 1º ESO adicáronse 2 sesións a reflexionar sobre a Ciberseguridade (1ºC e 1ºB), actividade que remata mañá no resto dos grupos (1ºA e 1ºB). Tratáronse aspectos que preocupan na comunidade educativa (profesorado, familias e alumnado) como a privacidade en internet, o especial coidado das imaxes que subimos á rede (nosas e dos demais), a protección ante o roubo de identidade e outras fraudes, así como que pode facer o alumnado cando é vítima dun fraude ou situación problemática en internet.

Efecto dominó, entre os ríos Verdugo e Oitavén

Rematamos unha intensa semana de actividades coas charlas nas que onte e mais hoxe están a participar os alumnos e alumnas de 1º ESO no marco do programa "Efecto dominó. Entre ríos", unha iniciativa das Concellarías de Educación e Medio Ambiente acollida polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do noso centro.

Aproveitando que o pasado 22 de marzo celebrouse o Día Mundial da Auga  iniciamos a campaña "Efecto Dominó, entre ríos", o alumnado de 1º ESO participa no deseño dos contidos dun material divulgativo e didáctico sobre valores ambientais dos espazos naturais que constitúen as ribeiras dos ríos Verdugo e Oitavén, que atravesan e dan vida ao noso concello.

Ao participaren no proxecto, os rapaces e as rapazas recuperan boas prácticas ambientais, poñen en valor os recursos medio ambientais e convértense en axentes sensibilizadores para achegar estes valores ao maior número de persoas.  

Nesta primeira sesión, o alumnado asistiu a unha charla preliminar para activar coñecementos xerais, que se completará cun roteiro de xornada completa polos ríos dende o centro ata a Presa do Inferno co obxectivo de coñecer o terreo e elaborar paneis de sensibilización.

Sintoniza coa túa melodía profesional

O alumnado de 4º ESO sumouse hoxe ao ciclo de obradoiros "Ti decides!", un programa de accións socioeducativas non formais que o Concello de Soutomaior oferta aos centros escolares do municipio. En concreto, os grupos de A e D participaron no obradoiro "Sintoniza coa túa melodía profesional" para descubrir, a través dunha experiencia de xogo, as habilidades e todas as oportunidades que se poden atopar no actual mundo laboral.

Así mesmo, 3º ESO pechou a acción "Sexualidade avanzada. Obradoiro de innovación", que ao longo de tres sesións traballou moitos contidos relacionados coa identidade de xénero, os estereotipos, a tolerancia, a igualdade e o bo trato cara un mesmo/a e cara ás demais persoas, etc.

Igualmente, da man de AMAINA, Asociación para a Promoción da Saúde, todos os grupos de 1º ESO están asistindo aos obradoiros de iniciación en material sexual e afectivo-sexual, que continuarán á volta das vacacións. E, por último, 2º ESO A e 2º ESO B abordan esta sermana a problemática das condutas aditivas de tiferente tipo: drogas, novas tecnoloxías...

Distribuir contido


by Dr. Radut