Skip to Content

Teatro - Os vellos non deben de namorarse

   

    O martes 30 de maio tivo lugar a estrea da nosa obra de teatro deste ano, un lance mixto de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. O de mixto quere dicir que José Luis Paz, no seu arranxo para a escena do Sofía Casanova, tomou o lance do boticario Don Saturio e mesturoulle algún elemento do do fidalgo Don Ramón.

    Como xa vén sendo habitual, resultou un éxito de crítica e público (por se non se nota, a crítica é esta e é encomiástica). Os alumnos actores estiveron estupendos todos, destacando, como é lóxico polo seu papel protagonista, Yolanda e Pepe, que fixeron Saturios alternativos nas dúas sesións da mañá, Antía Aneiros no seu papel de Lela e Stephanie, que se desdobrou primeiro en cadro parlante (como a nai anoxada do delirium tremens do fillo) e despois en etérea intérprete da canción Lela, tan melancólica. Ao resto dos rapaces, tanto actores como colaboradores técnicos e musicais, non se lles pode menos que felicitar polo ben que o fixeron. No remate da obra citouse cada participante segundo o seu rol, e todos foron moi aplaudidos.

    Este ano non haberá actuación no teatro Jofre pero, coma sempre, gardamos gravación que polo menos pode solicitarse na biblioteca.



page | by Dr. Radut