You are hereActividades

Actividades


LEDICIA COSTAS: O CORAZÓN DE XÚPITER

O 30 de maio visitounos a escritora Ledicia Costas para compartir cos alumnos de 3º de ESO a lectura de O corazón de Xúpiter, unha novela na que se describen as terribles e demoledoras consecuencias da sobreexposición ás redes sociais.

A autora explicou que, como noutros moitos casos, a problemática narrada na obra afecta moi especialmente ás mulleres.

Foi unha experiencia moi produtiva na que os alumnos tiveron un diálogo moi próximo e interesante coa novelista e quedaron encantados.

FALADOIRO: “Erros na educación das familias”

08/05/2019 e 15/05/2019

Os alumnos comentan que algúns pais son demasiado consentidores, que non responsabilizan de nada os seus fillos e fomentan o materialismo.

Entre as causas dos erros da educación por parte dos pais, considérase que está a sobreprotección.

Tamén se fai referencia a pais que substitúen a atención persoal por agasallos e mesmo se critica que algúns animen os fillos a ver debuxos, vídeos, canles de Youtube e que o móbil sexa o que se encargue deles en lugar dos pais.

O faladoiro resulta tan interesante que se decide desenvolvelo en dúas sesións.

    

 

ANDREA MACEIRAS, O QUE SEI DO SILENCIO

Despois de realizar unha entrevista por parte dos Correspondentes Xuvenís para a revista do centro, a autora desenvolveu unha xuntanza co alumnado de 3º de ESO que lera a súa obra, O que sei do silencio, e que trata a temática do acoso escolar.

Comezou por ler un conto, como os que ten intercalados a novela, para, posteriormente, iniciar un interesante diálogo cos alumnos.

VENRES, 15 DE MARZO, DÍA DO MEDIOAMBIENTE

O alumnado de 1º de ESO de Erasmus+ preparou uns chamativos e moi elaborados carteis con lemas e palabras relacionados cos mares.

Trátase de concienciar sobre a necesidade de respectar o medio mariño.

Este traballo enmárcase tamén dentro do proxecto interdisciplinar Vieiros de auga.

 

HÉCTOR CAJARAVILLE: A CAIXIÑA DOS RANCORES

12/03/2019

 A partir da sentenza a Estevo por parte da xuíza Fonseca, ir todos os martes á casa de Mercedes Alemparte (Chiruca) por atropelala coa moto, prodúcese unha interrelación interxeracional entre uns mozos e unha señora maior: son capaces de entenderse, dialogar e reflexionar moi atinadamente sobre os seus mundos, tan afastados no tempo e tan distintos nas vivencias. 

OBRADOIRO DE PORTUGUÉS. OPS! O PORTUGUÉS SIMPLES

MÉRCORES, 10 DE ABRIL DE 2019

Un encontro co alumnado de 3º de ESO no que se realiza un achegamento ao portugués e no que se explica que é a lusofonía e a importancia do galego como integrante dela.

“FÁLAME DA EMIGRACIÓN”. 2º ENCONTRO. FUNDACIÓN ABANCA

En febreiro, e despois de ter investigado nas familias, os nosos alumnos de 3º de ESO foron á sé da fundación Abanca para compartir as historias cos maiores colaboradores.

Trátase dunha experiencia sumamente enriquecedora para os alumnos, que profundizaron na temática da emigración que ata ese momento era bastante descoñecida para eles. Este curso houbo unha grande participación na redacción de historias de vida: os alumnos indagaron na historia das súas familias e descubriron realidades que non coñecían. O encontro cos maiores foi magnífico. Os nosos alumnos só se queixaron de que lles faltou tempo para poder falar máis con eles.

Valoramos moi positivamente o interese, a entrega e a boa disposición dos maiores participantes. O alumnado quedou impresionado e moi satisfeito coa experiencia vivida e as historias e anécdotas que lles narraron.

ACTIVIDADES DE NADAL

Creación de postais por parte dos alumnos de 3º de ESO.

Proxecto intercentros “O sistema solar”. Plan Proxecta: “Meteoescolas”.

O instituto enviou felicitacións a todos os centros participantes no programa e tamén recibiu as correspondentes dos demais.

   

Murais acuáticos de Nadal

Composición por parte do alumnado de 1º/2º e 3º de ESO

Proxecto interdisciplinar “Vieiros de auga”. Plan Proxecta: “Meteoescolas”.

O alumnado compuxo murais con reflexións, imaxes e comentarios sobre a importancia da auga no noso planeta.

Os lemas son:

“Se hai maxia neste planeta, está contida na auga”

“A auga dános vida. Ter conciencia daranos auga”

“A vida é como un río: ten moitas saídas”

“Pero mira como morren os peixes no río Miño”

“Auga: o futuro que queremos”

“A corrente da imaxinación”

“Respecto, agarimo, limpeza: palabras da natureza”

“A vida como río”

 

Concurso de Karaoke coa participación do Ciclo de Vídeo DJ

COMPROMISO COA XORNADA SOLIDARIA

 

Nesta xuntanza reflexionouse sobre o sentido das palabras solidariedade e a caridade, dos seus diferentes significados.

Tamén se fixo un balance da Xornada Solidaria desenvolvida o Día da Paz para, nun exercicio de autocrítica, valorar que actividades se poden mellorar, cambiar e de que xeito se pode contribuir nesta mellora.