Skip to Content

catástrofe

Novembro 21

A cidade do átomo de Iria Misa

Novela (IV premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade) ambientada na cidade fantasma de Prípiat, tras a explosión no reactor 4 da planta nuclear, provocando o desastre ecolóxico de Chernóbil. Desde a súa evacuación, Prípiat é unha cidade en ruínas que os rapaces, ante a ausencia de adultos, procuran que siga a funcionar. Lena Petrov, diferente e solitaria, non é quen de atopar o seu lugar entre as rúas e edificios baleiros. Non hai nin rastro de Svetlana, a súa mellor amiga, e agarda con ansia o regreso da súa nai. Tan só o enigmático Máscara parece adaptarse tan mal coma ela á nova situación. Que segredo agochará?  Esta é unha historia que te vai estremecer...

 

   A poboación tomaba o nome do río que a abeiraba, e fora levantada polo Goberno da Unión Soviética para acoller as familias dos traballadores da planta nuclear que, ao longo dos seguintes anos,  iniciaría a súa actividade a tan só uns quilómetros de alí. Un proxecto ambicioso do comité Central que lle había proporcionar gran prosperidade á zona. Prípiat converteríase nunha das cidades máis modernas e avanzadas das repúblicas socialistas, con estruturas deseñadas polos mellores arquitectos, infinidade de parques, edificios públicos, amplas rúas e longas avenidas trazadas con precisión milimétrica. A xente referíase a ela como “a cidade do átomo” ou “a  cidade do futuro”.
    No horizonte avistábase a central nuclear de Chernóbil. Lena Petrov botoulle unha última mirada á torre de refrixeración que a coroaba. A silueta reflectiuse no brillo dos seus ollos, impedíndolle fuxir da impoñente presenza. Desde aquela distancia semellaba morta e inerte, adormecida baixo a súa coiraza. Mais no seu interior habitaba un monstro de forza radioactiva. O malvado con pel de uranio e sangue de plutonio que provocara a desgraza da cidade ao estoupar a traizón, contaminando todo ao seu redor e precipitando a evacuación da cidade.
    Lena non podería dicir con exactitude cantos abrentes, cantas mañás de sol e tardes de choiva pasaran desde aquilo, desde o día que os habitantes de Prípiat se viran na obriga de abandonar as súas casas ás présas. Só sabía que unha infinidade de soles e de lúas desprenderan o seu brillo sobre a cidade, e que, no transcurso de todas aquelas voltas da Terra sobre o seu eixe, ela nunca deixara de achegarse alí coa esperanza de ser testemuña do regreso dos adultos. Faltaban desde había moito tempo, pero ninguén sabía por que. Algúns nenos aseguraban que as súas nais e os seus pais permanecían prisioneiros das forzas inimigas occidentais, responsables directas do accidente no reactor catro da planta de Chernóbil; outros, que acudiran á central para axudar a sufocar o incendio e que alí traballaban sen descanso, evitando dese xeito que todo estoupase polos aires.
    Observou chea de tristura como a luz doutro serán esmorecía alí onde o camiño se afastaba tras a volta dunha curva e decidiu que non tiña sentido seguir agardando. Baixou do seu posto de vixilancia na cima do monumento descolgándose polo número 9 do 1970 abaixo. O díxito atopábase a unha altura considerable, así que cando soltou as mans foi aterrar de xeito brusco sobre un ramallo de flores secas. Sempre había flores, alguén as depositaba alí en lembranza dos outrora habitantes da cidade. Por que nunca lograba ver quen as deixaba?
    Emprendeu a volta á casa. As últimas raiolas de sol  apenas  alumaban o camiño. O aire que lle agarimaba a cara era algo máis frío ca nos días pasados. Decatouse tamén de que as cores das árbores que deixaba atrás ao seu paso foran mudando pouco a pouco ao longo das semanas anteriores, volvéndose máis cálidas, pero só naquel momento caía na conta do que significaba aquilo: o outono non andaba lonxe. Achegábase a caída das follas, unha vez máis. Tirou das mangas do seu vestido azul e cruzou os brazos sobre o van para protexerse dun frío que, polo  momento, tan só intuía. O traxecto ía escurecéndose a cada paso que...

Coñece a autobiografía da autora e exprofesora do noso centro premendo aquí.

E non esquezas que o vindeiro 12 de novembro a novela será presentada no Multiusos de Sabarís (Baiona)

Distribuir contido


by Dr. Radut