Skip to Content

Taboleiro

Manifesto dos Equipos Directivos dos centros de ensino galegos contra a enquisa da Consellaria.

Tras ter mantido unha asemblea este sábado 13 de Xuño, as equipas emitiron o seguinte manifesto:

1. A actitude da Consellaría de Educación, impedindo que o profesorado poida emitir a súa opinión sobre a chamada "consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galicia", vulnera dereitos fundamentais como é o da liberdade de expresión e de cátedra , pretendendo converter os centros nunha canle de pensamento único e adoutrinamento parcial e nesgado. Non deixa de ser paradoxal que a Consellaría emita esta consigna cando ela é a primeira en cuestionar o Decreto vixente, malia que a súa legalidade foi confirmada polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e despois de insistir na mentira da imposición.

2. A Consellaría usa de xeito partidista a educación e censura opinións diferentes á súa, que o único que procuran é dar outra opinión a quen se lle pide que participe nunha consulta amañada, prohibindo que se dea información da propostas das organizacións sindicais e movementos de renovación pedagóxica, equipas de normalización lingüística, ANPAS, etc... contradicindo o que reflicten os preceptos legais de promoción e uso do galego recollidas na actual normativa.

3. Como profesores e profesoras e membros dos equipos directivos imos actuar segundo o noso criterio sen deixarse intimidar polas ameazas ilegais dunhas autoridades educativas que perderon o seu carácter institucional para comportarse como axentes electorais dun partido político. Neste sentido esiximos a retirada das notificacións enviadas ao centro por represivas e ilegais.

4. Denunciamos a irresponsabilidade da Consellaría de Educación que non ten reparo, no momento de máis traballo nos centros, coincidindo co fin de curso, en cargar sobre as direccións, en contra da súa vontade, con encomendas que lle son alleas e mesmo contrarias aos seus cometidos, esixíndolle ao mesmo tempo a custodia destes documentos e obrigándoos a recoller datos que poden conculcan a Lei de protección de datos..

5. Obrígasenos a responsabilizarnos da vixilancia dunha chapuza xurídica que non cumpre ningunha garantía mínima. Dun inquérito tendencioso que impide expresar a vontade dos que están a favor do ensino en galego. Co único obxectivo de xustificar a involución na normalización lingüística e restrinxindo, exclusivamente ás familias que nestes momento teñen alumnado escolarizado, o dereito a opinar, cando o sistema educativo como servizo público, a normalización lingüística e o dereito a coñecer o idioma propio de Galiza, son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade.

6. Resulta paradoxal que se nos estea anunciando recortes na calidade do ensino (supresións de prazas, agrupamentos,...) coa escusa da crise e se leve a cabo este dispendio en recursos económicos para atacar á nosa lingua. Para diminuír a presenza do noso idioma no ensino non hai crise.

Polo anteriormente dito rexeitamos esta enquista e reclamamos que se nos exima de responsabilizarnos deste traballo alleo aos nosos cometidos.

Valoración dos Equipos de Normalización Linguística da Enquisa do Goberno da Xunta.

Perante a enquisa sobre o uso do galego no ensino que o goberno galego quere realizar entre os pais/nais dos alumnos/as dos centros de ensino, a COORDENADORA GALEGA DE EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA MANIFESTA O SEGUINTE: (Preme na figura para ler)

 

As Equipas de Normalización Lingüísticas dos Centros presentan tríptico informativo

CARTA-PRESENTACIÓN DO TRÍPTICO INFORMATIVO DA CGENDL

Os membros da CGENDL, docentes que traballamos nos colexios e institutos no día a día e que, polo tanto, coñecemos a realidade dos centros e a súa situación lingüística, vemos con moita preocupación o problema xerado nos últimos tempos arredor da presenza das linguas no ensino, que derivou nunha confrontación aberta arredor dun ben común que nos tiña que unir, a lingua galega. Consideramos que a convivencia do galego e o castelán non ten que ser un problema senón unha vantaxe, unha oportunidade para a nosa sociedade. Algo que todos os estudos, e que o sentido común da inmensa maioría da poboación galega avala, vén sendo perigosamente interpretado dende determinados sectores políticos. E máis perigoso é que se trasladen ós centros de ensino problemas que non atenden a razóns pedagóxicas, abocándonos cara a un escenario de lamentable confrontación social. Ademais pensamos que dende unha perspectiva pedagóxica todos os implicados no ensino deberiamos centrarnos en conseguir que os nenos e nenas sexan igualmente competentes en galego e castelán. Polo tanto, o debate que se ten que abrir é precisamente este: que medidas temos que adoptar para conseguir que os rapaces e rapazas dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE. Neste contexto elaboramos un tríptico destinado ás familias que é o que hoxe presentamos, e que se vai distribuír na medida das nosas limitadísimas posibilidades. Por que este tríptico? porque parece que hai que volver recordar que o galego é a lingua propia de Galicia; que nos pertence a todos e todas e non podemos xogar co seu futuro, porque intereses políticos, que non educativos, veñen de crear un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais que pode derivar nunha perigosa fractura social, polo tanto COMO DOCENTES pensamos que debemos ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas baseada en estudos científicos que se fixeron tanto dentro coma fóra da nosa comunidade. E dito isto, queremos insistir en: a. é unha sorte, non é unha desgraza, que a nosa comunidade conte cunha lingua milenaria, que nos debe unir. Polo tanto non se debe permitir que triunfe a idea de que o galego é un obstáculo para os estudantes, mantendo vellos prexuízos que no século XXI deberían estar plenamente superados, pero que pretenden manter relegada a lingua galega nun lugar secundario na sociedade. b. se é evidente que para mellorar a competencia en lingua inglesa é necesario que se impartan en inglés determinadas materias, a sociedade galega debe asumir tamén o mesmo para a lingua galega, é dicir, que para saber galego é necesario “aprender en galego”. c. o galego segue a ser unha lingua minorizada na nosa comunidade e polo tanto necesita unha discriminación positiva tanto dentro coma fóra do ensino. Estes parécennos motivos suficientes e razoables para difundir este tríptico entre as familias e a sociedade galega en xeral. Polo tanto, está á disposición de todos aqueles ENDL, ANPAS, direccións de centros ou calquera persoa da comunidade educativa ou relacionada co mundo do ensino, e mesmo da sociedade en xeral, que queira difundilo. Se queres acceder ao tríptico, preme na figura seguinte:

Distribuir contido


by Dr. Radut