Skip to Content

Marzo 2012

PRIMAVERA


No mundo é sempre Primavera.
Sempre. Sempre.
                              Por moito
que queiran e que intenten
prohibila, afogala, asasinala
rexurde xoven, pura, inmaculada,
inocente, incontíbel, poderosa.

O mundo azul, Venus, Primavera:
a primeira luz que nos aluma
e lle dá ás cousas transparencia,
reconciliando ao home co universo.
E que fai que o noso instinto
sexa un torrente caudaloso e puro.

A Primavera é Venus.
                                  Florentina
Flora, loira como o bo trigo
candeal, o ouro e o lume do sol
nos seus cabelos fermosísimos
que nos incendian totalmente
cun lume que acaba consumíndonos.

A Primavera é azul: tal os ríos
do noso bon país.
                             Como as veas
nas que corre -seiva fecundante-
o noso sangue abrasado e soerguido
que berra, canta, clama ao ceo
e pide, sen máis, perpetuarse.  

 
Manuel María (1929-2004)

 



page | by Dr. Radut