Certames

 

 

CONCURSO

Ilustra as túas lecturas

BASES

1. OBXECTIVO: Crear unha ilustración a partir da lectura dun texto literario (escena teatral, poema, conto, capítulo dunha novela...)

2. PARTICIPANTES: O concurso está aberto a todos os alumnos e alumnas do centro, de forma individual.

3. O deseño será orixinal e inédito.

4. Cada concursante poderá presentar un máximo de tres ilustracións.

5. As ilustracións deberán realizarse en cartolina de formato A4: 21 x 29 cm. Tamén poderán presentarse en formato electrónico gardados nun CD ou disquete e nun arquivo JPG.

6. O procedemento será libre: ceras, lapis, tinta, acuarela, colaxe (recortes de revistas ou prensa, textos, papeis de cor...) fotografía, infografía (ordenador)... Pódense mesturar os diferentes procedementos e técnicas para xerar a imaxe final en branco e negro ou en cor.

7. O Departamento de Debuxo e Educación Plástica e Visual ofrece asesoramento aos concursantes para o mellor remate das obras.

8. Será obrigatorio facilitar os datos (autor, título da obra, editorial, páxina ou páxinas...) do texto literario (escena teatral, poema, conto, capítulo dunha novela...) no que se inspira a ilustración.

9. Valoraranse estes aspectos: relación co texto, orixinalidade e calidade na resolución gráfica e na presentación.

10. Os traballos presentaranse baixo pseudónimo. Nun sobre adxunto pechado identificarase o participante: apelidos, nome, curso e grupo.

11. PRAZO E LUGAR DE PRESENTACIÓN: do mércores, 14 de xaneiro ao mércores 22 de abril de 2009, ámbolos dous inclusive. Os traballos presentaranse na Biblioteca do IES durante os recreos dentro do prazo citado e serán recollidos polo profesorado de garda na Biblioteca.

12. XURADO: O xurado cualificador estará integrado por catro membros representantes do equipo directivo, do Departamento de Educación Plástica e Visual e do equipo de Biblioteca.

13. PREMIOS: haberá un primeiro premio valorado en 70 Euros e un accésit valorado en 30 Euros, que poderían quedar desertos.

14. O/os traballo/os premiado/os quedarán depositados no Instituto e poderán ser utilizados por este sen ánimo de lucro.

15. A participación no Concurso supón a aceptación das presentes bases.

 

 

  1º PREMIO DO CONCURSO de
Marcapáxinas ou marcadores de lectura (CURSO 2007-08):

    Abel Costas Verde, 1º ESO E

 

 
   

 

 

 
 

II CONCURSO SAN VALENTÍN

 

Cóntanos o teu amor

 

BASES

1. PARTICIPANTES: O concurso está aberto a todos os alumnos e alumnas do centro, de forma individual.

2. Os/As participantes deberán presentar os seus traballos (narracións, poemas, teatro, cartas...) escritos a ordenador ou con letra lexible, en calquera das linguas estudadas no centro.

3. Os traballos presentaranse baixo pseudónimo. Nun sobre adxunto pechado, co propio pseudónimo no exterior, incluiranse os datos do participante: apelidos, nome, curso e grupo.

4. A súa extensión non poderá exceder un DIN A4 (folio) polas dúas caras.

5. PRAZO E LUGAR DE PRESENTACIÓN: do luns, 19 de xaneiro ao mércores 18 de febreiro de 2009, ámbolos dous inclusive. Os traballos presentaranse na Biblioteca do IES durante os recreos dentro de prazo citado e serán recollidos polo profesorado de garda na Biblioteca.

6. XURADO: O xurado cualificador estará integrado por membros representantes do equipo directivo, dos Departamentos de Linguas e do equipo de Biblioteca.

7. PREMIOS: haberá suculentos premios para os mellores traballos.

8.Os traballos premiados quedarán depositados no Instituto e publicaranse en formato impreso e dixital.

9. A participación no Concurso supón a aceptación das presentes bases.

 

Anímate a contar!

(Na biblioteca tedes múltiples libros para inspirarvos)

 

1º PREMIO DO CONCURSO DE CARTAS DE AMOR “SAN VALENTÍN”
(CURSO 2007- 2008)

 

CARTA A NINGURES

 

Somos como dous mares, distantes, que a cada paso que damos nos separamos o un do outro, tan só uns milímetros, moi pouco, pero dabondo para que ás veces os soños sexan o único capaz de reconstruír o noso camiño. Somos paralelas que non perseguen nada. Somos como dúas gotas de auga, que viven nun mar turbio, afastado. Un mar que non sentimos nin queremos como noso. Miles de moléculas cobren o meu camiño cara ti. Cara un soño que, como un azar incoherente, espero que poida facernos felices así, tan lonxe o un do outro.
Chove. A auga empapa os cristais. Algunhas gotas esvaran, senten o pulo que as leva cara un destino incerto. Ata o fondo fondo. O baleiro. Entón pecho os ollos e síntote. Así, tan preto, case ó meu carón, case podo tocarte, case non é un soño. E sinto, unha furia no meu corazón, unha mirada insondable, como o soño dun gato. Tan firme, decisivo, esperto. Desesperadamente inimaxinable. Es como unha luz na tumba dun morto. Por iso che pido, por favor, non marches aínda, non deixes así, as feridas tan abertas, a soidade nun puño pechado. Agarda, queda un pouco máis, co meu mundo e o meu soño inalcanzable. Coa miña tolemia e a miña inspiración covarde. Rompe a esperanza que me une a esta terra. Fica así, no lonxe, para que poida verte, como un home mira o ceo, con esa desesperanza, o temor e o desacougo, coa seguridade de que algún día, terá que cruzar ese confín.

Brais Martínez Basalo, 2º ESO C

 

 

 

 

 

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer