Días da Lingua Materna e de Rosalía 2011

Cando o mes de febreiro encara a súa recta final festexamos dúas efemérides: o Día Internacional da Lingua Materna e o do aniversario do nacemento de Rosalía.
Para o primeiro, reproducimos a mensaxe da directora xeral da UNESCO:
Todas as linguas están vinculadas entre si polas súas orixes e os préstamos que se fan unhas a outras, pero cada unha é unha fonte única de sentido para comprender, escribir e expresar a realidade.

As linguas maternas cumpren unha función especial ao achegar o material co que se nomea o mundo por primeira vez, a lente a través da cal é comprendido por vez primeira. O Día Internacional da Lingua Materna bríndanos a oportunidade de recoñecer a súa importancia e de mobilizarnos en favor do plurilingüísmo e a diversidade lingüística.

As linguas maternas, xunto coa diversidade lingüística, son elementos importantes para a identidade das persoas. Como fontes de creatividade e vehículos de expresión cultural son primordiais tamén para a saúde das sociedades. Ademais, as linguas son factores de desenvolvemento e crecemento.

Sabemos o importante que é impartir a educación na lingua materna para que a aprendizaxe teña bos resultados. A instrución na lingua materna é un medio poderoso de loitar contra a discriminación e chegar ata as poboacións marxinadas. Como mananciais de coñecemento, as linguas son tamén puntos de partida para o logro dun desenvolvemento máis sostible e o establecemento dunha relación máis harmoniosa co medio.

O plurilingüísmo brinda prodixiosas oportunidades cara ao diálogo necesario para o  entendemento e a cooperación. As linguas maternas conviven harmoniosamente coa adquisición doutros idiomas. Un espazo lingüístico pluralista permite compartir a riqueza da diversidade e acelera o intercambio de coñecementos e experiencias. Este era un dos temas principais do Ano Internacional de Achegamento das Culturas de 2010. Partindo da lingua materna, a aprendizaxe de múltiples idiomas debe ser un piar fundamental da educación do século XXI.

Ao mesmo tempo, podemos esforzarnos máis por apoiar un desenvolvemento equilibrado da tradución, como medio de abrir a todos a inmensa diversidade de coñecementos e experiencias en todo o mundo.

O tema escollido para o Día Internacional da Lingua Materna de 2011 refírese á utilización das tecnoloxías da información e a comunicación con miras á salvagarda e promoción das linguas e a diversidade lingüística.

As linguas constitúen o soporte lóxico para a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación, que á súa vez son un novo medio de promover a diversidade lingüística. A UNESCO pon empeño en promover o plurilingüísmo en Internet. Estas metas guían a acción da UNESCO no seu labor diante da organización denominada Internet Corporation for Assigned Names and Numbers.

As tecnoloxías innovadoras ofrecen así mesmo novas formas de efectuar o seguimento das linguas e de estudalas e aprendelas. O éxito que tivo a publicación en liña do Atlas das linguas do mundo en perigo de desaparición da UNESCO pon de manifesto as vantaxes que ofrece Internet para expoñer a situación das linguas e o plurilingüísmo e sensibilizar ao público en todo o mundo.

As tecnoloxías da información e a comunicación poden resultar especialmente útiles para fomentar as linguas maternas. Debemos aproveitar o poder do progreso para protexer as distintas visións do mundo e promover todas as fontes de coñecemento e as formas de expresión. Estes son os fíos cos que se tece a trama da historia da humanidade. A innovación, a flexibilidade e a interacción social que constitúen o miolo das novas tecnoloxías da información e a comunicación poden contribuír ao logro destas metas. Neste Día Internacional da Lingua Materna comprometámonos a obrar de común acordo neste sentido.

Para os dous ofertamos esta pequena escolma de textos:

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer