Skip to Content

Venres 31 marzo

Quinto e último día, cómpre retornar facendo unha última visita: a Caurium romana, a actual Coria.

Comezaremos bordeando a muralla romana (séculos III-IV p. C.) e contemplando as súas torres cadradas e as catro portas de acceso das que só dúas son orixinais. Accederemos ao interior da cidade pola porta de San Francisco para achegarnos á catedral, combinación dos estilos gótico de transición, plateresco e barroco que presume de atesourar o mantel da Última Cea. No exterior da catedral fixarémonos nunha estatua que se erixe sobre a Porta do Poñente que representa ao famoso e mal chamado “Bobo de Coria” bufón que serviu a Felipe IV a principios do século XVII e que foi retratado por Velázquez no famoso cadro El bufón Calabacillas que podemos contemplar no museo do Prado e do que din os versos de Rafael Alberti:

Y [dice] el tonto:
-Me retratan
como a S. M. o al Conde Duque.
Soy D. Bobo Felipe de Coria y Olivares.

... Nunca la línea se sintió más ágil
y menos responsable del contorno.

E falando de nobres botaremos unha ollada ao castelo, mandado construír polo primeiro duque de Alba no último cuarto do século XV e ao cárcere real erixido a finais do XVII (en uso ata finais do XX) e a súa cela de castigo, hoxe centro de interpretación-museo de historia da cidade.

Se o tempo (máis o cronolóxico que o climatolóxico) o consente aínda nos achegaremos, na rúa das Monxas, ao convento da Nai de Deus para cheirar o seu patio renacentista e mercar algún doce; ou a ponte medieval baixo cuxos cinco arcos non corre o Alagón porque o seu curso variou xa antes ou por mor do terremoto de Lisboa.

E así poñemos o pecho a esta XVII viaxe clásico-literaria... Bo regreso!



book | by Dr. Radut