Skip to Content

Xaneiro 2016

Outro ano en arrandeo, e detrás nosa,
os nosos pasos de onte xa sin voz.
E os nosos xeitos, xa con non sei qué
de doce señardá de cousas orfas.

Todo o que fomos ten xa unha alma antiga
con trinta anos de mármore e alcipreste,
con dozura de herbiña silenciosa
e terra bendecida e oco escuro.

Aquel verso primeiro, aquel amor
que eu tiven non sei cando, mais amargue
e pequeniño que un agruño verde,
e aquel camiño longo que perdín.

E aquel medo na noite malferida
toda esgarrapizada pol-as beiras.
E aquela soledá, ¡qué ledas cousas,
ora que son almiñas do outro mundo!

¡Qué ledas cousas ora cara ó escuro,
cando imos a subir á carriola!
¡Qué ledas cousas, ¡qué recimo ledo,
doce de intres amargues coma agruños!

       

Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961)



page | by Dr. Radut