Outubro 2015

As palabras poden matar

de

Marcos Calveiro

Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), neto de feirantes e taberneiros, reside coa súa parella e dous fillos en Vigo, onde traballa como avogado.

Comezou a publicar con máis de 35 anos literatura infantil e xuvenil, aínda que tamén ten escrito poesía, narrativa e ensaio. Obras polas que ten múltiples e recoñecidos premios.
Na biblioteca podes atopar a demais de As palabras poden matar: Festina lente, Centauros do norte, Sari soñador de mares, O pintor do sombreiro de malvas e Setteccento.


Se queres seguir ao autor, podes facelo a través do seu blog ou do seu twitter.
 http://alfaias.blogaliza.org
 https://twitter.com/calveiro

 

 Na colonia Seavia, situada nun dos outeiros da cidade de Santa Clara, morren cada ano máis de trinta mulleres, homes e nenos vítimas da violencia. Os seus habitantes están todos xordos, mudos e cegos, porque saben que as palabras poden matar. Todos agás o Chibo e os seus sicarios, que campan polo barrio como amos e señores de todos os que alí malviven. Rapaces como Efrén, Marcelo e Alexandre, que acoden ás aulas do mestre Abimael, mozas como Daiara que traballa de costureira nun pendello, mulleres como Maisa ou Dona Rosa, saben que o perigo axexa naquelas ruelas labirínticas. Cando aparece Silencio, un guedellán que só fala coas mans e coa faciana, ninguén sabe que a súa presenza mudará a vida dun barrio sen soños nin esperanzas, onde ninguén cre nos milagres e cuxos habitantes non miraban adiante e tampouco querían mirar atrás.

 http://www.xerais.es/libro.php?id=3926342

 

 

Eu non son o meu pai. Semella que a miña nai nos confundise. Si, xa sei que fixen algunhas trasnadas, asuntos sen importancia comparados con outros: pequenos roubos, algún mandado para os homes do Chibo... O mínimo para ter algo nos petos. As poucas veces que andei cos Chibos sentinme ben, todos coñecen a meu pai e apreciábano, aínda que un dos matachíns se riu del e, sen pensalo moito, boteime a el coma un carneiro. Foi o mesmo Macario quen me sacou de enriba do matachín e me felicitou pola miña carraxe. <<Tes futuro. E agora lisca, se non queres que che parta a crisma>>, ameazoume. Carallo co Macario! Que medo metía!
   Cando as cousas van mal pola casa, lisco de alí ata que a carraxe de Maisa se calma. Zanfoneo polo barrio co meu amigo Alexandre e os colegas, roubamos refrescos ou cervexas no boliche do Edmilson ou uns cigarros no colmado, que logo fumamos e bebemos entre todos ollando a cidade na vaganta. Matamos o tempo con calquera cousa que se nos ocorra, canto máis estúpida e arriscada    mellor: saltar polos tellados,recibir pelotadas no corpo, baternos ata perder o sentido...

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer