27 M: Día Mundial do Teatro

MENSAXE


Onde exista a sociedade humana,

o irreprensible Espírito Teatral maniféstase



Baixo as árbores das pequenas aldeas e sobre os requintados escenarios das metrópoles globais; nos salóns de actos de escolas e nos campos e nos templos; en arrabaldes, en prazas públicas, en centros cívicos e nos subterráneos das cidades, a xente xúntase en torno aos efémeros mundos teatrais que creamos para expresar a nosa complexidade humana, a nosa diversidade, a nosa vulnerabilidade, en carne viva, alento e voz.

Reunímonos para chorar e para recordar; para rir e contemplar; para aprender, afirmar e imaxinar. Para marabillarnos da destreza técnica e para encarnar deuses. Para quedar impresionados diante da nosa capacidade para a beleza, a compaixón e a monstruosidade. Vimos a coller folgos e a facernos fortes. Para celebrar a riqueza das nosas diversas culturas e para disolver as fronteiras que nos dividen.

Onde exista a sociedade humana, o irreprensible Espírito do Teatro maniféstase. Nacido da comunidade, leva postas as máscaras e as vestimentas das nosas diversas tradicións. Utiliza as nosas linguas, ritmos e xestos, e abre un espazo entre nós.

E nós, os artistas que traballamos con este espírito ancestral, sentímonos obrigados a canalizalo a través dos nosos corazóns, das nosas ideas e dos nosos corpos para revelar as nosas realidades en toda a súa mundanidade e brillante misterio.

Pero nesta era na que tantos millóns de seres humanos loitan por sobrevivir, están a sufrir baixo réximes opresores e un capitalismo depredador, foxen de conflitos e adversidades; cando a nosa intimidade é invadida por servizos secretos e as nosas palabras son censuradas por gobernos entremetidos; cando os bosques están sendo aniquilados, as especies exterminadas e os océanos envelenados: que nos sentimos obrigados a revelar?

Neste mundo de poder desigual, no que diversos poderes hexemónicos tratan de convencernos de que unha nación, unha raza, un xénero, unha preferencia sexual, unha relixión, unha ideoloxía, un marco cultural é superior a todos os outros, é verdadeiramente defendible insistir que as artes deben manterse á marxe das axendas sociais?

Estamos nós, os artistas de escenarios e rúas, conformes coas asépticas demandas do mercado, ou utilizamos o poder que temos para abrir un espazo nos corazóns e nas mentes da sociedade, para reunir á xente arredor de nós, para inspirar, marabillar e informar, e crear un mundo de esperanza e xenerosa cooperación?

Brett Bailey

O autor desta mensaxe, Brett Bailey,  nado en Sudáfrica, é un recoñecido dramaturgo, deseñador e director artístico do THIRD WORLD BUNFIGHT. Creou aplaudidas obras iconoclastas, que tratan do mundo post-colonial, representadas en Europa, Australia e África. Gañou entre outros premios a medalla de ouro ao deseño (Praga, 2007). Dirixiu o espectáculo inaugural do Cumio Mundial das Artes e a Cultura en Johannesburgo (2009), e entre 2006 e 2009, os espectáculos de inauguración no Festival Internacional das Artes de Harare.

Tamén podes escoitar a mensaxe na voz de Ana Carril, actriz e directora coruñesa:

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer