Skip to Content

O IES Sánchez Cantón clasifícase para a fase final do Parlamento Xove na categoría de Bacharelato

Un equipo de 1.ª de Bacharelato do noso centro vén de clasificarse para a fase final do Parlamento Xove, unha competición na que o alumnado investiga e debate sobre un tema formulado pola organización, que nesta ocasión foi o seguinte: Debería existir unha regulación para ser youtuber ou influencer que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente? A fase final celebrarase en maio no Parlamento de Galicia.
 
A dificultade desta actividade, que se celebrou o sábado no Centro Residencial Docente da Coruña, está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procédese ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Sara Vázquez abriu o debate coa súa exposición inicial, mentres que Uxío Juncal e Sabela Rivas actuaron como refutadores e Ayman Amir como conclusor. O equipo tamén contou coa colaboración de Javier Hermida e de Izan Vázquez nas sesións preparatorias.
 
O equipo do IES Sánchez Cantón, que participaba por primeira vez neste evento, conseguiu gañar os tres debates, cun total de 439 puntos, polo que se situou no terceiro posto da clasificación, por detrás do IES Rafael Puga Ramón da Coruña e do Colexio La Salle de Santiago de Compostela. Tras esta primeira fase clasificatoria, en maio celebrarase a fase final, na que participarán oito equipos.
 
O obxectivo do programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo e a convivencia. Así mesmo, o Parlamento Xove fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.
 
Desde o centro queremos trasladarlles os nosos parabéns polo esforzo, dedicación, espírito de equipo e habilidades argumentativas demostradas, así como desexarlles moita sorte para a fase final.
 
 
 


page | by Dr. Radut